0 Gardados para despois

Rosa Aneiros

O SI de Isaac e a raíña de Sabá

De tódalas anécdotas persoais e escoitadas sobre ese home -diminuto de corpo e inmenso de espírito- que vén de deixarnos e responde ao nome de Isaac Díaz Pardo, quedo coa da súa inmortalidade. Contouma unha hoxe magnífica xornalista e na miña cabeciña converteuse en mito. Vai xa para dúas décadas que ela chegou a Santiago para facer as probas do selectivo procedente dunha aldea do Nordés. Paseaba pola rúa do Vilar nun dos descansos entre os exames cando ficou abraiada ante a figura miúda dun home atrapado no seu eterno gabán negro. O home observou a súa expresión de sorpresa e sorriu. É vostede Isaac Díaz Pardo?, preguntou a rapariga. Son, respondeu el, por que pos esa cara? Ai, don Isaac, e que eu pensei que levaba vostede morto unha ma de anos… El, retranqueiro, disque volveu sorrir antes de se perder entre a néboa do labirinto de pedra.

A miña xeración sempre pensou a Isaac Díaz Pardo morto e eterno, como os grandes nomes da Historia cos que tropezabamos unha e outra vez no libro de Ciencias Sociais. Non era posible que aquel home agulla tan grande en traxectoria e humildade aínda permanecese vivo. El tamén o sabía. Isaac, como tamén Fernández del Riego nos seus derradeiros alentos, sabía que o seu reino –república, xaora- non era xa deste mundo, que el pertencía a outra estirpe da que xa só quedaban vestixios e que o seu nome tiña máis cabida nos libros de Historia ca nos xornais. Por iso reclamaba que o deixasen ir. Así e todo, teimudo infinito, advertiu que daría guerra ata o estertor último. Era o seu pulso turrón por defender o que cría. Nos últimos anos veño escoitando reiteradamente a frase “cousas de Isaac” para se referir as súas boutades en actos públicos e privados. Con xesto impávido só na aparencia, as autoridades políticas empregaban ese escudo contra as diatribas irónicas e intelixentes do vello Isaac, nun intento sempre infrutuoso de desacreditar a súa lucidez.

Porque el era o neno que anunciaba que o rei estaba espido.

Así Isaac, con esa mirada avesada e luminosa, ríase de todos e de todo, coa sabedoría eterna de quen tivo que ollar de fite a morte e burlarse dela. Porque el foi un supervivente, non só á guerra civil que lle arrincou ao seu pai e o converteu en fuxido senón tamén a todos os “non” que escoitou en vida e aos que tivo que se arrepoñer. Cando ninguén cría en nada el creu nun país que nin sequera hoxe cre en si mesmo. Cando penso a Isaac penso no cartel “Para arrematar cos caciques, cando votedes o Estatuto poñede SI”. Penso tamén no seu SI maiúsculo na Praza do Obradoiro, esa pintada adolescente en prol do Estatuto de Galicia espetada na cerna de Galicia, entre o Pórtico da Gloria e a Casa da Tumbona que o viu nacer.

Penso que ese SI ía moito máis alá da lei que nos serviría de pedra angular e marcou profundamente a súa vida. El sempre había ser un SI fronte a calquera contratempo.

El había ser o si, o Guliver no país dos ananos da emigración que denunciou Celso Emilio Ferreiro. El había ser o si cando ninguén cría nunha empresa azul cobalto esmaltada por mulleres. El había ser o si cando sacou do prelo a memoria que nega o silencio cómplice das gabias nas súa Edicións do Castro. El había ser o que turraba por construír e dignificar as mulleres, esas que levan cousas enriba da cabeza.

No seu óleo “Muller que leva na cabeza as cousas que vai necesitar na vida” de 1974 vai o peso do mundo enteiro. Manuel Rivas homenaxeou -na serie pictórica que o escritor atribúe á protagonista Chelo Vidal en Os libros arden mal- esta esencia pura da obra de Isaac. Eis a súa fe laica nas mulleres –sempre condenadas ás sombras- que levaron durante séculos o peso da economía e da Historia deste país. As mesmas que pintou o seu “irmán” Seoane e quen converteu con breves trazos e cores profundas en metáfora inmorredoira.

Ese SI era tamén Isaac.

El houbo ser o si cando todo e todos dixeron non.

Por iso eu, que son da xeración que creu a Isaac morto de tan eterno que xa nos era, quero lembralo como o Si sobre as lousas do Obradoiro cando era apenas un adolescente. A memoria de Edicións do Castro. O azul cobalto no bico das mulleres de Sargadelos. O Laboratorio de formas. O IGI e os seus rostros amigos. O berro contra a traizón dos que un día o quixeron.  O cordón umbilical que nos unía á Alba de Groria de Castelao. O “Galicia” recuperado, un dos seus “fracasos” e que temos o deber moral de recuperar baixo esa ou outra cabeceira. Debémosllo. Se el puido construír o seu imperio de louza nun tempo convulso onde todo escachizaba aos seus pés nós habemos ser capaces de turrar pola polifonía neste deserto monocorde.

Pero sobre todo, na miña cabeza Isaac será sempre o Profeta Daniel que sorrí retranqueiro no alto do Pórtico da Gloria, quen sabe se pola voluptuosidade da raíña de Sabá ou porque sempre se soubo profeta nun tempo estéril. Un vedoiro irónico con áncora na Historia e ollar que atravesa os séculos para construír o presente e termar da proa cara o futuro. Curiosamente, así tamén o viu a pasada semana Artemio Lándoas na súa ilustración de Praza Pública. Isaac, que xa era pasado,  fixo sorrir a pedra viva e latexante contra os que a desexaban e seguen a desexar epitafio mudo.

Xusto alí no vértice do trapezoide da memoria que une a Catedral coa Casa natal da Tumbona da Rúa de Hortas, o prelo de Ánxel Casal da Rúa do Vilar e o seu SI eterno na Praza do Obradoiro, ese que piso cada día sabendo que, grazas a el, máis alá das lousas, piso soños.

Os do SI a este país que turra en ser non.

Hoxe ben cediño, ollaba eu o Pórtico da Gloria cando a lúa inmensa non abandonara aínda o ceo e pareceume que o profeta Daniel furaba co seu ollar avesado e sorriso retranqueiro a mordaza das estadas. Isto son cousas de Isaac, pensei. Cousas do Isaac. E atravesei a Praza do Obradoiro procurando non esmagar co meu propio peso as faíscas dos desexos.

*Texto lido na homenaxe a Isaac Díaz Pardo organizada Museo do Pobo Galego o día 15 de febreiro de 2012

Acerca de Rosa Aneiros