Feijoo e la vie en rose

Edith Piaf levou unha vida desgraciada a pesar da súa consagración como cantante. Tocoulle vivir convulsas décadas europeas do pasado século e sobreviviu a dúas guerras mundiais e numerosos amantes. Pero nada lle fixo deixar de interpretar grandes cancións de amor que escondían un desgarro vivencial tan escuro como os vestidos que adoitaba levar.

Encarar con valentía estes tempos que vivimos e sofrimos, require un xeito moito máis audaz e comprometido de enfrontarse ás cuestións que nos atinxen aos galegos, antes que pasar, adrede, por riba delas, de puntillas

Escuro e desgarrador tamén foi o discurso de investidura de Feijoo do pasado 27 de novembro. Non tanto polas cousas que di, e polo que obvia, que xa son dabondo graves, senón pola calculada superficialidade coa que embarra toda a perorata. Encarar con valentía estes tempos que vivimos e sofrimos, require un xeito moito máis audaz e comprometido de enfrontarse ás cuestións que nos atinxen aos galegos, antes que pasar, adrede, por riba delas, de puntillas. Eis esta falla de valor e compromiso –ademais da corrupción– motivos engadidos da desafección dos cidadáns (ou súbditos) pola política.

Ollos que fan baixar os nosos,
un sorriso que se perde na súa boca
Aquí estás, o retrato sen retoque
do home a quen pertenzo

Cando se está nunha guerra e os cidadáns van perdendo e non se albisca un futuro certeiro –nada máis que para o sector financeiro e a oligarquía alemana– precísanse algo máis que palabras como austeridade, solvencia, control do déficit, responsabilidade e rigor. Porque estas verbas teñen que ver cos deberes, pero, u-los dereitos dos cidadáns?

Cando me toma nos seus brazos,
fálame borboriñando
Vexo a vida en rosa
Dime palabras de amor
Palabras diarias,
E iso faime algo

Dixéronse tantas mentiras o outro día no Pazo do Hórreo que deixan en evidencia o seu xeito de facer política

Dixéronse tantas mentiras o outro día no Pazo do Hórreo que deixan en evidencia o seu xeito de facer política: non é certo que paguen as facturas a 45-50 días; e si aumentou o número de alumnos por aula; si que hai menos profesores por alumno; non é certo que vaiamos ter unha entidade bancaria galega nos próximos anos; non é certo que vaia funcionar a Lei do Emprendedor na actual coxuntura económica; tampouco funcionará o Programa de Captación de Talentos porque vai ser incapaz de reter aos investigadores; non é certo que nos últimos anos se deran pasos para mellorar as explotacións rurais, gandeiras e forestais (véxase a folga do sector lácteo); como tampouco é certo que vaian blindar as prestacións sanitarias e públicas básicas.

El é para min,
e eu son para el na vida,
Díxomo, xuroumo
Pola vida

Feijoo insiste no conto de que un déficit controlado é o camiño cara o crecemento. Pero se case todo o mundo está asfixiado, as empresas e os pequenos negocios pechan, a xente queda no paro, os funcionarios ven diminuído o seu poder adquisitivo... como se vai crear emprego? Como se controlará o déficit?  Na economía capitalista, cando queres poñer algo en pé, tes que investir. Se a administración autonómica non inviste en fomentar o emprego e o consumo, como pensan estes neoliberais, metidos a tecnócratas apáticos, sacar a este país do furado?

Na economía capitalista, cando queres poñer algo en pé, tes que investir. Se a administración autonómica non inviste en fomentar o emprego e o consumo, como pensan estes neoliberais, metidos a tecnócratas apáticos, sacar a este país do furado?

Máis noites de amor por rematar
Unha grande felicidade que sinto
Problemas, penas que se borran
Feliz, feliz a morrer

É imposible que sexamos solventes cos 270.000 parados que cita o presidente no seu discurso porque tendo en conta, ademais, o envellecemento da sociedade, os datos sobre a poboación activa son brutais e irán a peor no 2013. A nosa solvencia hai que medila analisando o que se perde para acadala. E perdemos tantas cousas que será moi difícil recuperalas e recuperar, de paso, a reiterada solvencia. 

Actuar con rigor é dicir que “aspira a contar cunha entidade [bancaria] vinculada a Galicia”? Nin sequera contempla xa a posibilidade de que sexa galega. Tampouco debería falar de responsabilidade cando afirma que aplicará a política de austeridade (eufemismo de desmantelamento) á nosa Autonomía: “diminución da estrutura da Xunta”.

Na primeira lexislatura prometeu que acabaría co paro e hoxe estamos preto dos 280.000 desempregados

En canto o percibo,
entón sinto en min que o meu corazón late.

Na primeira lexislatura prometeu que acabaría co paro e hoxe estamos preto dos 280.000 desempregados. Agora, na segunda, promete a internacionalización do tecido empresarial galego ao outro lado do océano Atlántico, cando, precisamente, continuarán co seu asulagamento. Véndenos o contrario do que fai.

É la vie en rose de Feijoo...

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.