0 Gardados para despois

Xabier Vázquez Pumariño

Prestige dez anos despois: mirando ao outro lado

O décimo aniversario do Prestige parecía un boa desculpa para debutar en Praza Pública, non só pola importancia de tal evento a nivel ambiental, social e político senón tamén a nivel persoal, posto que, como lle ocorreu a moitas outras persoas, a implicación foi máis aló do aconsellable dende varios puntos de vista, particularmente o profesional, por non meternos xa noutras cuestións de carácter máis persoal. Mentres penso nisto vou lendo novas e algún artigo dos que estes días agroman nos medios de comunicación e decátome de que non hai moito que engadir. As cousas parecen a estas alturas extraordinariamente claras. Baste lembrar que Rajoy, cos seus "fíos de plastilina en estiramento vertical", preside o goberno de España. "Estiramento vertical" semella, a estas alturas, un ensaio da estulta linguaxe gobernamental, tan do gusto de tipos como Guindos (que tal débeda en estiramento vertical?).

Non hai moito que contar dos responsables porque todos sabemos onde están, o que constata que a xustiza española padece dunha asimetría brutal, e unha xustiza asimétrica non é xustiza

En definitiva, non hai moito que contar dos responsables porque todos sabemos onde están, o que constata que a xustiza española padece dunha asimetría brutal, e unha xustiza asimétrica non é xustiza. Se este comentario puidera parecer un pouco extemporáneo non hai máis que probar a limpar unha cuba de xurro nun río e que a Garda Civil pase por alí.

"Maniatar a ciencia é facer desaparecer o cadáver do escenario do crime"

Podemos contar algo dos efectos ambientais? Si, algo poderíamos contar pero a verdade é que pouco. Os sucesivos gobernos, incluíndo os de Zapatero, conseguiron minimizar e fragmentar a investigación básica sobre os efectos do Prestige no medio mariño. A ciencia é unha arma e había que desarmar a cidadanía. Por suposto que hai moitas e boas liñas de investigación e excelentes publicacións, claro está, pero a día de hoxe faltan moitas outras e falta unha síntese na que se aborden as consecuencias dende unha perspectiva multidisciplinar. Aquí queda a idea. Maniatar a ciencia é facer desaparecer o cadáver do escenario do crime. Ciencia e científicos quedaron relegados a un cuarto escuro. Ese cuarto escuro pon de manifesto que seguimos a ser un país de rosario e misa semanal, un país que inclúe horóscopos no seus xornais e no que os seus futbolistas miran ao ceo tras marcar un gol.

Outro Prestige? Dubídoo, ata o máis fanático e curto responsable daquela catástrofe tomou boa nota do que poderíamos cualificar como a maior imbecilidade da historia moderna da navegación

Moitas persoas e medios de comunicación pregúntanse se unha nova marea negra podería ser posible de novo. A pregunta está de máis. Por suposto que si, porque neste mesmo instante petroleiros navegan polo Atlántico como o levan facendo dende hai décadas e a costa galega segue a ser ese duro Atlántico inzado de perigos. Agora ben, outro Prestige? Dubídoo, ata o máis fanático e curto responsable daquela catástrofe tomou boa nota do que poderíamos cualificar como a maior imbecilidade da historia moderna da navegación: os barcos en perigo non se mandan ao “quinto pino”. Así que isto, creo, xa o sabemos todos.

Houbo, hai que lembralo, ata tres comisións sobre o tema, unha por cada parlamento aínda que no español se degradara a subcomisión. Alguén pode dicir algo sobre elas? Que concluíron? Serviron para algo? Creo que, quizais, a comisión do Parlamento Europeo si que tivo algunha repercusión en canto a lexislación futura pero as dos parlamentos galego e español? Alguén lembra xa algo? Tiro de aquí dúas conclusións: os parlamentarios de entón degradaron a función dos parlamentos, das súas propias casas que son as de todos e, en realidade, o Prestige como catástrofe ambiental impórtalles un pemento, mellor esquecer este desagradable episodio canto antes.

Houbo, hai que lembralo, ata tres comisións sobre o tema, unha por cada parlamento aínda que no español se degradara a subcomisión. Alguén pode dicir algo sobre elas? Que concluíron? Serviron para algo?

Trato de dirixir, logo, a mirada cara ao outro lado, ao lado dos que nos mobilizamos, protestamos, limpamos, esiximos. E parte do que me suxire esta mirada ven xa de lonxe e non é moi tranquilizadora.

Pasou o día, pasou a romaría é a primeira impresión. Os problemas ambientais nin comezaron co Prestige nin remataron con el. Agora ben, unha catástrofe mediática que deixa imaxes tan impactantes fai reaccionar a moitas persoas que pasados uns meses esquecen todo e volven á súa vida habitual, a queimar petróleo polas estradas e rúas do mundo con completa indolencia. Parece claro que os que tiñamos unha clara implicación ambiental previa non soubemos, ou non puidemos, transmitir nada relevante sobre este evento, explicando que en realidade era a punta do iceberg do noso modelo enerxético e económico.

Unha catástrofe mediática que deixa imaxes tan impactantes fai reaccionar a moitas persoas que pasados uns meses esquecen todo e volven á súa vida habitual, a queimar petróleo polas estradas e rúas do mundo con completa indolencia

No eido político, unha mobilización como a que desencadeou o Prestige debera ter traído un reforzamento dos partidos que daquela estaban na oposición por simple contraste coa execrable conduta de quen ostentaba os gobernos galego e español. Non foi así, obviamente, por varios motivos. Por un lado non enfocar o problema de raíz: un problema ambiental derivado, como sinalo máis arriba, dun modelo económico e enerxético concreto tratado cunha sorprendente carencia de principios éticos. 

Tampouco se aproveitou para reforzar, precisamente, a función pública e o papel do Estado

Tampouco se aproveitou para reforzar, precisamente, a función pública e o papel do Estado (calquera que sexa o modelo de este) no senso de separar as decisións técnicas das políticas. Por suposto que o Estado avanzou en materia de educación dende a transición, que dúbida cabe!, agora ben, as carencias que amosan os gobernantes con nulos coñecementos de carácter científico básico (refírome a ensino primario, non máis) son demoledores. Quizais poida parecer novamente esaxerado pero baste pensar como se abordan problemas ambientais cunha significativa dimensión científica, como o dos lumes nos montes, sen solución mentres a visión sexa simplista e acientífica. Que á sociedade non lle parecera significativa tal ignorancia só é concibible dende unha inopia intelectual similar.

Os movementos sociais deben ser a vara que guíe a acción política, non ao revés, senón, pasa o que pasou. Ineficacia, perda de credibilidade e de apoios

Tratar de controlar, ou mesmo impulsar, os movementos sociais dende os partidos políticos é lamentable, deshonesto e moi pouco intelixente, como se demostrou. Os movementos sociais deben ser a vara que guíe a acción política, non ao revés, senón, pasa o que pasou. Ineficacia, perda de credibilidade e de apoios. Non hai máis que lembrar que parte do movemento ecoloxista en Galicia deixou de apoiar a Nunca Máis pouco a pouco, meses despois de terse convertido nun dos fitos de mobilización cidadá máis espectaculares de Europa. E aquí chegamos a falar de movementos sociais que en vez de saír reforzados afrontaron a nova década nunha situación de debilidade extraordinaria pola falla de credibilidade que conseguiron tras a súa división. Esta división foi seguida, obviamente, uns anos máis tarde polo propio BNG, desconectado da cidadanía real, non da suposta, claro está.

Máis aló de diferenzas ideolóxicas, as catástrofes fan agromar o mellor e o peor de persoas e organizacións, e neste caso agromaron personalismos sen liderado e intereses espurios.

Máis aló de diferenzas ideolóxicas, as catástrofes fan agromar o mellor e o peor de persoas e organizacións, e neste caso agromaron personalismos sen liderado e intereses espurios

A lectura tópica, miope incluso, da catástrofe do Prestige tivo consecuencias inmediatas e que aínda persisten. Insistiuse moito en que a vertedura do Prestige afectaba economicamente. Ben, isto non é máis que unha das múltiples afectacións posibles e diría eu, a menos importante, porque é doadamente solucionable. Se partidos da oposición, movementos cidadáns pensan que iso é todo e que iso é o esencial, limítanse os danos a un pequeno feixe de persoas e colectivos e soluciónase untándoos con cartos. E de paso, amósase que non hai alternativa nin se concibe. Si, pode que os mariñeiros, mariscadores, etc tiveran unha afectación económica pero e as afectacións múltiples de todos os demais?

Así chegamos desmemoriados ao día de hoxe, dez anos despois, onde todo está moi claro pero nada mudou.

Acerca de Xabier Vázquez Pumariño

Xabier Vázquez Pumariño (Lugo, 1969) é biólogo ambiental. Vencellado ao movemento ecoloxista dende principios dos 80 traballa como consultor ambiental dende Santiago de Compostela en diferentes eidos, dende a ornitoloxía ao desenvolvemento sostible e a cooperación ao desenvolvemento en diferentes países latinoamericanos