O cancro da corrupción

Transcorrido máis dun mes dende os comicios ao Parlamento galego e celebrada a sesión de investidura de Núñez Feijoo como presidente da Xunta, pódese constatar unha circunstancia sorprendente. Tanto na campaña electoral coma no debate parlamentar existiu unha ausencia significativa: os episodios de corrupción rexistrados durante os últimos meses na Galiza como consecuencia de diversas actuacións xudiciais que aínda non chegaron ao punto final do seu percorrido. Nin as tres forzas políticas que conformaron, durante os últimos anos, a composición da Cámara do Hórreo nin a nova coalición que obtivo unha presenza destacada nestes comicios dedicaron unha atención relevante a esta temática.

Tanto na campaña electoral coma no debate parlamentar existiu unha ausencia significativa: os episodios de corrupción rexistrados durante os últimos meses na Galiza como consecuencia de diversas actuacións xudiciais que aínda non chegaron ao punto final do seu percorrido

A corrupción é, sen dúbida, un dos factores explicativos do notábel proceso de afastamento e desconfianza dunha parte significativa do corpo social a respecto das persoas que ocupan postos de representación nas institucións. A fondura e persistencia da crise económica multiplica a desafección que se ven rexistrando nos inquéritos que publican periodicamente os institutos públicos e privados especializados. Tal circunstancia non debe agachar a evidencia de que as prácticas corruptas rexistradas nos últimos anos na esfera da política contaron cun nivel de complicidade social moi notábel. Os casos de Camps, do PP balear ou dos alcaldes populares de Fisterra e Mazaricos certifican que unha parte importante do electorado non penaliza suficientemente a quen utiliza os cargos institucionais para realizar operacións contrarias aos valores éticos básicos e, na grande maioría dos casos, violentando as normas legais existentes.

A experiencia dos últimos anos demostra, tamén, que as organizacións políticas non respostan do mesmo xeito cando algúns dos seus membros resultan involucrados nos casos coñecidos pola opinión pública. O criterio que se aplica actualmente no BNG –presentar a dimisión cando existe unha imputación xudicial sobre cargos públicos- constitúe un esixente modelo de asunción de responsabilidades políticas que non foi seguido, até o momento, polo PP e polo PsdG. Non é certo, pois, que nesta materia todos os partidos son iguais. As dimisións de persoas como Fernando Blanco, A. García Mata ou Fernando Varela tiveron o valor engadido de colocar nun primeiro plano a necesaria recuperación da confianza da cidadanía, asumindo o risco de que as propias sentenzas xudiciais –como foi o caso do chamado caso paneis de Ourense- establezan a inocencia penal dos encausados.

O criterio que se aplica actualmente no BNG –presentar a dimisión cando existe unha imputación xudicial sobre cargos públicos- constitúe un esixente modelo de asunción de responsabilidades políticas que non foi seguido, até o momento, polo PP e polo PsdG

A corrupción na política non debe ser subsumida ou desculpada por mor do deserto moral que caracteriza ao propio sistema económico vixente. O mal de moitos (Urdangarín, Méndez, Gayoso, Díaz Ferrán…) é unha epidemia que non debe servir de coartada para desautorizar e retirar a todos aqueles dirixentes políticos que, por acción ou por omisión, permiten o medre deste grave cancro no sistema democrático.

Máis alá da hipocrisía ou demagoxia exhibida polo Grupo Parlamentar do PP, non se pode banalizar a importancia da total transparencia no exercicio da representación política

Por iso entendo que foron desafortunadas as palabras pronunciadas polo voceiro de AGE, X.M. Beiras, con motivo dunha iniciativa relativa ao carácter público das declaracións de bens patrimoniais dos deputados e deputadas do Parlamento galego. Máis alá da hipocrisía ou demagoxia exhibida polo Grupo Parlamentar do PP, non se pode banalizar a importancia da total transparencia no exercicio da representación política. Esa e outras medidas (mais e mellores mecanismos de control, maior vixilancia no seo das organizacións políticas, cambios no financiamento dos partidos para evitar as perigosas dependencias con grupos financeiros, limitación de mandatos para dificultar os efectos perversos da excesiva permanencia nos cargos…) deben figurar na axenda prioritaria daquelas organizacións que desexen acometer seriamente a rexeneración do sistema político e a recuperación da empatía entre representantes e representados.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.