Venezuela: unha nova faciana para a oposición

Enmarcado nun inédito proceso electoral, a Mesa pola Unidade (MUD), plataforma que agrupa a máis de 20 partidos e movementos de diversas tendencias políticas e ideolóxicas opostos ao presidente venezolano Hugo Chávez, elixiu este domingo 12 a un candidato unitario, Henrique Capriles Radonski (39 anos), como fórmula electoral de cara aos comicios presidenciais do próximo 7 de outubro.

O histórico proceso de eleccións primarias na oposición venezolana e a contundente vitoria de Capriles Radonski (62% dos votos), deixa diversas lecturas abertas. A principal ten que ver coa elevada participación nestas primarias, calculada en torno ao 70%, con case tres millóns de cidadáns, nun proceso electoral absolutamente aberto a todos os inscritos no Rexistro electoral. Por tanto, non votaron unicamente os sectores tradicionalmente opositores a Chávez (clases medias e alta) senón que tamén participaron os sectores populares, considerados os tradicionais bastións políticos e electorais do “chavismo”.

Todo isto aconteceu no marco dunha pléiade de rumores e acusacións sobre presuntas presións gobernamentais para non votar, aparente e finalmente infundados tendo en conta que este proceso electoral percorreu con absoluta normalidade. En medios oficialistas igualmente denunciouse unha aparente compra de votos na MUD. Non obstante, diversas enquisas sinalaron que estas primarias da oposición superaron levemente en participación electoral ás eleccións primarias realizadas no Partido Socialista Unido de Venezuela (PSUV) a comezos de 2010, presentando unha nova tendencia de intención de voto no actual contexto político venezolano.

Unha carreira política con claroscuros

Velaí que a elección de Capriles Radonski tenta fomentar unha evidente nova faciana e unha sensación de renovación dentro da oposición venezolana, principalmente no relativo á súa unidade política e convicción democrática. Con ascendencia xudeu-polaca e sefardí a pesar da súa confesionalidade católica, o novo candidato opositor é un político amplamente coñecido en todas as capas sociais venezolanas: fundador e dirixente do partido de centrodereita Primero Justicia (PJ), con 26 anos Capriles foi elixido deputado e presidente temporal do extinto Congreso venezolano para ser electo  posteriormente na Asemblea Constituínte proposta por Chávez en 1999.

Capriles foi posteriormente elixido alcalde do concello capitalino de Baruta, con reelección incluída no período 2000-2008, unha vez asumira o cargo de gobernador do estratéxico estado Miranda tralos comicios de 2008, onde contra todo prognóstico derrotou a un dos “pesos pesados” do “chavismo”, o tenente coronel retirado Diosdado Cabello, un dos máximos dirixentes do PSUV. Por tanto, ninguén dubida da súa prolífica experiencia política e electoral.

Fronte a este aparentemente inobxectable currículo, emerxen claroscuros na carreira política de Capriles Radonski, especialmente pola súa participación no golpe contra Chávez en abril de 2002, sendo por entón alcalde de Baruta. Nese momento, foi evidente a súa surrealista intervención no asedio e ocupación da embaixada cubana en Caracas así como na detención de personalidades do goberno de Chávez que habitaban no seu municipio. Por estes sucesos, Capriles sufriu catro meses de prisión e inhabilitación política, sancións cumpridas meses antes das eleccións municipais de 2008. Precisamente, o seu actual programa electoral evita mencionar calquera tipo de ruptura nas relacións con Cuba e  suxire  conservar os programas sociais e as misións impulsadas por Chávez.

O suceso garda semellanza co acaecido ao seu compañeiro político Leopoldo López, quen fora alcalde do concello capitalino de Chacao no momento do golpe de 2002. Posteriormente, López foi sentenciado a cinco anos de inhabilitación política, razón pola que non podería presentarse como candidato presidencial en 2012. Non obstante, López presentou a súa candidatura ás primarias da MUD, para finalmente retirarse a favor de apoiar a Capriles Radonski, cuns sucesivos éxitos electorais en 13 anos de carreira política que semellan conferirlle certa imaxe de infalibilidade, curiosamente un factor que igualmente se lle imputa ao propio Chávez.

Afrontando o novo tempo político

 

En todo caso, a oposición venezolana apostou por renovar democraticamente o seu liderado para enfrontarse cun Chávez que busca unha nova reelección nun contexto político distinto, moi determinado pola súa saúde persoal. Con Capriles Radonski, a MUD e os sectores opositores esfórzanse por ofrecer unha nova faciana diferente á dos ata agora preponderantes liderados tradicionais que dominaron as forzas opositoras, con sectores que incluso defenderon a vía da violencia para desaloxar a Chávez do poder.

Nunha campaña electoral que afondará a polarización, Capriles tentará moderar o seu discurso, afastándose de radicalismos e vertebrando unha serie de alternativas igualmente repletas de dilemas e incertezas tanto sobre a real consistencia e unidade política da MUD como ante a súa eficacia para confrontarse cos aínda fortes niveis de popularidade dun Chávez que segue a encabezar as enquisas de preferencia de voto.

Así e todo, o contexto político venezolano aborda un novo momento con Capriles Radonski no centro do escenario como rival electoral de Chávez. A súa vitoria  no estado Miranda en 2008 e a súa campaña para as primarias levárono, con relativo éxito, a abrir espazos de incursión e participación nos barrios populares, tentando disputar así o voto do sector tradicionalmente “chavista”.

De aquí a outubro, o campo de batalla electoral de Capriles se concentrará na loita contra os elevados índices de criminalidade e inseguridade cidadá existentes actualmente en Venezuela (diversas ONGs cifran en 17.000 os civís mortos violentamente en 2011) e nas secuelas da crise económica, así como na necesidade de reconciliación nacional, tentando atraer aos sectores indecisos e os aparentemente desencantados con Chávez. Este, pola súa banda, podería intensificar unha campaña electoral con matices de radicalización clasista, loitando contra  a “ofensiva da dereita” encarnada nun Capriles Radonsky con presunto apoio exterior.

Pero a única certeza, á marxe da nova faciana da oposición venezolana con Capriles de candidato, apunta a unha polarización social e política que se vai acentuar nos próximos meses

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.