A crise de réxime, a cuestión nacional e a esquerda

O goberno de Rajoy parece empeñado en polarizar o debate político en torno á cuestión nacional

O goberno de Rajoy parece empeñado en polarizar o debate político en torno á cuestión nacional, como amosan as últimas medidas propostas polo sinistro ministro Wert. A lingua non é unha cuestión para nada secundaria. Os ataques contra o euskera, o catalán e o galego (ou a invisibilización doutras como o asturiano) representan un impulso máis no proceso de recentralización política, consistente en reconstruír, precisamente por onde é máis débil, a autoridade dun réxime deslexitimado: a cuestión nacional.

Vaiamos por partes. Que podemos entender por crise de réxime? Unha crise de réxime é substancialmente diferente a unha crise de estado, de gabinete gobernamental ou unha crise revolucionaria. Unha crise de réxime caracterizase pola deslexitimación das normas que rexen a política oficial, pola posta en cuestión das súas institucións, pola sensación de que "o que servía ate agora xa non basta". No caso concreto do estado español esa posta en cuestión diríxese cara a Constitución do 78 e reflíctese na caída constante dos votos dos partido que sosteñen e xestionan conforme a ese modelo. A esta expresión do descontento a través do plano electoral temos que sumarlle unha profunda crise por "enriba".

CiU, o partido dos conservadores cataláns tenta recoller os sentimentos nacionais, envolvendo os recortes na bandeira independentista, azuando unha situación que quizais non controlen tanto como prevén, pois os movementos populares teñen dinámicas propias que non poden ser teledirixidas

Unha xudicatura paralizada e desconcertada comeza a preguntarse sobre o seu papel. A monarquía é o bufón oficial ante a opinión pública, perdendo a súa aura de intocábel. O goberno Rajoy trata de mostrarse como independente ante a Troika, con ridículos resultados. CiU, o partido dos conservadores cataláns tenta recoller os sentimentos nacionais, envolvendo os recortes na bandeira independentista, azuando unha situación que quizais non controlen tanto como prevén, pois os movementos populares teñen dinámicas propias que non poden ser teledirixidas. Sen dúbida, o exemplo máis extremo desta situación é a progresiva descomposición do PSOE, abocado a terminar coma o PASOK grego.

Esta crise de réxime é un epifenómeno da profunda crise estrutural do sistema capitalista, tanto no plano económico como no social, ambos intimamente relacionados. A aposta para saír da crise por parte da burguesía é converter a "España" nunha colonia turística-deudora, onde o concepto de cidadanía este vencellado á renda e ao gasto, cun mundo do traballo completamente atomizado. Para iso precisan deconstruír tódolos espazos de resistencia social, os lugares de relativa autonomía comunitaria, como é o público. Ademais da busca de novos mercados para a inversión de capital, as contrarreformas en sanidade e educación tratan de preparar a sociedade para unha reestruturación social de enormes proporcións.

A cuestión nacional relaciónase así intimamente co social e co ideolóxico: non ten absolutamente nada que ver co etnicismo sentimental, aínda que este poida ser un dos seus vehículos de expresión

A crise de réxime relacionase así coa necesidade de expulsar á clase traballadora de espazos parcialmente conquistados. Esa desintegración das clases subalternas, esta ruptura do pacto social, non está exenta de riscos  O neoliberalismo e a ideoloxía patrioteira do PP contradínse y compleméntanse na práctica: ser español xa non é un privilexio, é un castigo para o 99% precarizado. Por que imos querer ser españois se significa miseria e austeridade? A cuestión nacional relaciónase así intimamente co social e co ideolóxico: non ten absolutamente nada que ver co etnicismo sentimental, aínda que este poida ser un dos seus vehículos de expresión. A identidade nacional constrúese sempre en relación a contextos máis amplos e sempre en relación co outro. 

As identidades galegas, catalá, vasca ou española teñen unha característica común: todas precisan do "outro", do antagonismo e contraposición co outro para existir. Aí terminan as semellanzas, porque obviamente, as identidades nacionais non se atopan agora en condicións de igualdade. A inexistencia de esa igualdade tamén lle causa problemas á burguesía española. Non pode solucionarse a cuestión nacional pola vía federal senón existe unha relación de igualdade entre nacionalidades, vía que só pode conquistarse e concretarse no "dereito de autodeterminación". Para a burguesía española isto é impensábel: necesita o españolismo para vivir, necesita a "unidade de España", é parte da súa natureza ontolóxica, a súa principal arma ideolóxica para reconstruír un réxime en descomposición, e, por ironías do destino, o seu punto máis débil.

Os límites do nacionalismo burgués: non pode optar por unha vía de ruptura porque significaría alimentar as contradicións de clase dentro do movemento independentista, co risco de que as clases populares encabecen o proceso, pero tampouco pode negociar cunha burguesía española

O nacionalismo burgués vasco, catalán ou galego (1) ten como premisa fundamental a canalización dos sentimentos nacionais cara unha renegociación de status co Estado Español, construíndo así unha teoría e praxe conservadora, baseada no pluralismo político: "utilizar a diferencia para que todo siga gual".  Neste punto atopámonos cos límites do nacionalismo burgués: non pode optar por unha vía de ruptura porque significaría alimentar as contradicións de clase dentro do movemento independentista, co risco de que as clases populares encabecen o proceso, pero tampouco pode negociar cunha burguesía española, a cal necesita contraporse o nacionalismo separatista para cohesionar a súa base social. A crise de réxime por enriba transformase así nunha situación de impase, que en realidade favorece a ambos campos burgueses. A tensión é calculada, constante, pero ordenada.

As esquerdas, tanto nacionais como estatais, teñen unha oportunidade histórica de ligarse en proxectos converxentes. Por unha banda, a esquerda estatal debe asumir sen reservas a defensa do dereito de autodeterminación dos pobos (coa defensa da independencia incluída), porque debilita a estabilidade do bloque histórico das clases dominantes, cohesionado ideoloxicamente pola idea da "unidade de España". A libre asociación dos pobos só pode ser conquistada cando exista a condición de iguais, que só pode ser conquistada dende abaixo e dende a ruptura. Por outra banda, as esquerdas nacionais necesitan dunha esquerda internacionalista (2) que alimente fendas no réxime do 78, para que a crise de réxime non culmine nunha recentralización forzosa que aniquile as diferentes identidades nacionais.

A contrarreforma educativa do sociópata Wert abre unha posibilidade concreta nesa confluencia nas batallas inmediatas. As esquerdas estatais teñen a oportunidade de ligar os ataques estruturais contra a educación pública coa defensa internacionalista dos dereitos nacionais dos pobos sen estado, erosionando así a hexemonía da dereita no plano social e nacional, ademais de facilitar alianzas baseadas no interese común de clase coas esquerdas nacionais. As esquerdas nacionais, ademais de tecer alianzas en condición de igualdade coas esquerdas estatais, teñen a oportunidade de ligar a cuestión da lingua á defensa do benestar social, en concreto á defensa da educación pública.

As esquerdas nacionais, ademais de tecer alianzas en condición de igualdade coas esquerdas estatais, teñen a oportunidade de ligar a cuestión da lingua á defensa do benestar social, en concreto á defensa da educación pública

O reto na Galiza é enorme. Se a esquerda é capaz de ligar a defensa da lingua á necesidade de reconstruír un movemento popular alternativo, en defensa do público, cun proxecto de sociedade diferente, darase un paso adiante importantísimo no fortalecemento dun suxeito que rompa co plano neoliberal. O risco está en que determinadas organizacións intenten utilizar a lingua para fortalecerse ante os seus rivais políticos, como se fora propiedade de alguén e non común, antepoñendo mezquiñamente os seus intereses de aparato á construción dun contrapoder democrático dos de abaixo. Temos entre todas a obriga de demostrarlle a Wert que as reivindicacións das nacionalidades sen estado non son un arma favorábel para os intereses da burguesía, senón un arma para a transformación social.

O risco está en que determinadas organizacións intenten utilizar a lingua para fortalecerse ante os seus rivais políticos, como se fora propiedade de alguén e non común

 

NOTAS:

1- Na Galiza aínda que non exista burguesía "galega", existe un nacionalismo burgués que se concreta na defensa do pago dos impostos das multinacionais na Galiza sen cuestionar a propiedade privada ou en defender un "desenvolvimentismo nacional" capitalista.

2- Non todas as esquerdas estatais tiveron ou teñen a mesma actitude co tema nacional: a esquerda anticapitalista sempre defendeu implacablemente o dereito dos pobos a decidir. O caso da LCR e do MC nos 80 é bastante claro, chegando a concretarse en campañas electorais a favor de Batasuna durante as eleccións europeas, ou na actualidade apoiando a campaña das CUP en Catalunya. Na esquerda antineoliberal como IU a situación é máis ambigua: a incapacidade para ligar o seu proxecto federal cunha asunción consecuente do dereito de autodeterminación segue sendo un lastre importante. Incluso neste período as contradiccións son bastante flagrantes: mentres que tacticamente en sitios como Galiza asumen tacticamente as reivindicacións nacionais, Cayo Lara interpreta a derrota de CiU coa derrota do independentismo catalán.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.