Haberá sangue?

Primeiros pasos da nova lexislatura e, aínda sen que o presidente en maioría absoluta Núñez Feijóo nomeara o gabinete de altos cargos do novo goberno, o que todos agardabamos que se producira coa entrada no Parlamento de Anova e Esquerda Unida baixo a plataforma de AGE sucedeu. A posibilidade legal de achegar convidados ao Parlamento é aproveitada pola oposición para que os diferentes “mortos” que está a deixar polo camiño o goberno popular teñan una plataforma mediática impagable.

A crise, manifestada no desemprego o incremento da brecha social e a perda de dereitos, o desencanto e a desesperanza que a clase política provoca na cidadanía

Hoxe foron os afectados das preferentes os que, diante da fuxida dos 41 representantes legais do pobo galego que teñen a obriga de responder coa súa acción de goberno e as responsabilidades adquiridas na anterior lexislatura, converteron o Parlamento de Galicia nun mero reflexo do que está a pasar noutros parlamentos europeos cuxos gobernos están a ser executores das políticas máis reaccionarias e contrarias ao ben común e ao estado do benestar que se construíu en Europa despois da II Guerra Mundial.

A crise, manifestada no desemprego o incremento da brecha social e a perda de dereitos, o desencanto e a desesperanza que a clase política provoca na cidadanía, o fartazgo que a permisividade co sector financeiro que aplica o goberno en contra da dureza das medidas que receita á cidadanía, e a sensación de tomadura de pelo que ten o contribuínte cando ve que cada vez se recorta máis, cada vez se privatiza máis, mentres os asesores seguen nos seus postos e as empresas beneficiadas polas privatizacións están cheas de políticos cobrando por asistir a consellos de administración cantidades indecentes.

Méndez, Prego ou Gayoso cobraron grandes sumas polas súas xubilacións, perciben pensións que levantarían do seu cadaleito a quen creou as caixas e montes de piedade e pavonéanse coma se con eles non foran as cousas

Recentemente o vicepresidente da patronal madrileña declaraba que asinaba os informes de Bankia sen sequera botarlles un ollo, polo que non se considera responsable da fraude; pero non facer o seu traballo non lle impediu cobrar máis de 200.000 euros anuais por aprobar contas maquilladas.

Méndez, Prego ou Gayoso cobraron grandes sumas polas súas xubilacións, perciben pensións que levantarían do seu cadaleito a quen creou as caixas e montes de piedade e pavonéanse coma se con eles non foran as cousas.

A Conselleira de Facenda do goberno galego que aprobou una auditoría que avalaba a fusión paritaria das caixas galegas dirixe agora a redacción e execución dos orzamentos do Estado. Ninguén fai pública dita auditoría e ninguén asumirá que Galicia perda o seu entramado financeiro creado cos cartos dos propios galegos e cos aforros de motos galegos que tiveron que emigrar nos últimos cento cincuenta anos.

Onte acoitelaron un director dunha sucursal. Non hai nada que xustifique a violencia pero dado que os responsables de artellar o produto financeiro tóxico son inaccesibles á cidadanía o problema téñeno os empregados das sucursais

Onte acoitelaron un director dunha sucursal. Non hai nada que xustifique a violencia pero dado que os responsables de artellar o produto financeiro tóxico son inaccesibles á cidadanía o problema téñeno os empregados das sucursais. E din que haberá sangue, máis o acceso aos que nos gobernan é e será cada vez máis difícil, polo que a ira dos cidadáns corre o risco de focalizarse e manifestarse a nivel local. Estamos preto de que a xente deixe de suicidarse e comecen a suicidar a outros.

A fame, a desesperación, o sentimento de indignación son tan fortes que o que todos nos preguntamos é por que non sucedeu o que acabará por ser cotián.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.