O ano da división

O 2012 pasará á historia da política galega como o annus horribilis do nacionalismo organizado. Precisamente cando se cumprían 30 anos dende o nacemento do Bloque Nacionalista Galego, esta forza política experimentaba a maior división rexistrada na súa traxectoria.

O 2012 pasará á historia da política galega como o annus horribilis do nacionalismo organizado

A ruptura da unidade organizativa acontecida a partir da Asemblea de Amio (xaneiro de 2012) non se explica pola carencia dunha masa crítica de acordos a respecto dos principios inspiradores do BNG e das alternativas programáticas construídas nas tres últimas décadas. Un repaso das resolucións aprobadas –con amplas maiorías- nas sucesivas Asembleas Nacionais celebradas e un percorrido polas propostas realizadas nas distintas convocatorias electorais certifican a existencia dunha densidade relevante na definición requirida por unha organización política que pretenda representar a sectores cualitativamente relevantes da sociedade galega. Unha ollada singular aos programas presentados nos comicios ao Parlamento galego nos anos 1997 e 2001 permite constatar a notábel relevancia que tiñan os denominadores comúns entre os diferentes segmentos da organización.

No canto de propiciar novas fórmulas políticas e organizativas que permitiran administrar con éxito a recoñecida e reiteradamente louvada pluralidade da organización frontista optouse por forzar unha polarización que provocara unha presunta e benéfica clarificación da liña política do BNG

Este indiscutíbel nivel de unidade nas definicións ideolóxicas e políticas conviviu con algunhas diverxencias non suficientemente debatidas: análise sobre as luces e sombras da experiencia do goberno de coalición na Xunta (2005-2009) e avaliación dos resultados obtidos nas eleccións locais de Maio de 2011 e nos comicios xerais de Novembro do mesmo ano. Esas diferenzas non afectaban explicitamente ao núcleo duro do consenso fundacional pero si alimentaron unha dinámica de confrontación que demandaba un específico talante integrador capaz de renovar os acordos anteriores e construír unha nova cultura de cooperación interna. Foi precisamente nese ámbito onde tivo lugar o principal fracaso da xestión realizada por quen ostentaba o maior peso específico na dirección nacionalista: no canto de propiciar novas fórmulas políticas e organizativas que permitiran administrar con éxito a recoñecida e reiteradamente louvada pluralidade da organización frontista optouse por forzar unha polarización que provocara unha presunta e benéfica clarificación da liña política do BNG.

Paradoxalmente, a fractura nacionalista aconteceu no momento de maior unidade social na resposta ás durísimas medidas gobernamentais: o nacemento, neste mesmo ano, da Alianza Social Galega é unha expresión paradigmática deste rechamante contraste. Pero é que, ademais, o Bloque non foi quen de manter o seu perfil diferencial a respecto das restantes forzas políticas e reproduciu a coñecida relación directa entre devalo electoral e conflitividade interna (repárese na recente Asemblea estatal de IU: as fortes diverxencias do pasado desapareceron por mor das cifras conseguidas nas urnas). O sucedido confirma, mais unha vez, que as estruturas organizativas non garanten per se a consecución das virtudes que se proclaman se non concorre unha acertada actuación das persoas que encarnan e dirixen semellantes instrumentos.

Paradoxalmente, a fractura nacionalista aconteceu no momento de maior unidade social na resposta ás durísimas medidas gobernamentais: o nacemento, neste mesmo ano, da Alianza Social Galega é unha expresión paradigmática deste rechamante contraste

A cita do pasado 21 de Outubro demostrou algunhas cousas: o BNG recibiu un serio correctivo, CxG non foi capaz de crear un espazo electoral propio e AGE obtivo un grande suceso porque –a través da figura singular de X.M. Beiras- conectou cos votantes que desexaban propostas unitarias para combater a Feijoo. Porén, a existencia desta coalición non estaba na folla de ruta do Encontro Irmandiño cando decidiu abandonar o Bloque. O denominado Novo Proxecto Común pretendía ser o acubillo organizativo para a reconstrución do BNG de 1982 e podía ter sido a oferta electoral (coa eventual incorporación da outra parte escindida, +G) o 21-O. Nunca saberemos o que tería ocorrido nese caso, pero non hai dúbida de que AGE é outra cousa: unha coalición pensada para enfrontar unha comparecencia electoral determinada.

Non é realista pensar nun reencontro próximo dos distintos segmentos nacionalistas no interior da mesma organización. Si é posíbel traballar na reconstrución das pontes destruídas e nalgúns acordos políticos concretos de maior ou menor envergadura

Non é realista pensar nun reencontro próximo dos distintos segmentos nacionalistas no interior da mesma organización. Si é posíbel traballar na reconstrución das pontes destruídas e nalgúns acordos políticos concretos de maior ou menor envergadura. Non será doado porque as circunstancias mudaron e as feridas non cicatrizan rapidamente. Se queren, os distintos continxentes do nacionalismo galego poden aprender da súa propia historia. Nela atoparán un catálogo de boas prácticas e tamén as pedras nas que veñen tropezando dende os anos 70 do pasado século.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.