0 Gardados para despois

Xosé Lois Carreira

2013. Maioría absoluta, responsabilidade absoluta

Semella que Galiza para o PP está a converterse nun potente racha olas artellado para frear a contestación e a indignación cidadá que cada día emerxe con máis virulencia contra un Rajoy que xa o propio aparello popular sinala como medio amortizado

Semella que Galiza para o PP está a converterse nun potente racha olas artellado para frear a contestación e a indignación cidadá que cada día emerxe con máis virulencia contra un Rajoy que xa o propio aparello popular sinala como medio amortizado. Toda vez superada a escollera en 2012, alancado o dique galego, adquirida unha nova prórroga da libertinaxe absoluta, máis osíxeno e tempo para seguiren aplicando reformas, recortes e duras medidas antisociais segundo a folla de ruta imposta polo Banco Central europeo, cúmprese o vello dito de que o que paga manda, ou sexa salvando a banca e os especuladores a toda costa, sempre en requesta dos máis débiles, o que non deixa de ser o cumio da sen razón e da mentira dado que foi precisamente esa ampla maioría social quen os puxo a gobernar.

Con todo, atopamos desta volta unha cativa e inqueda salvidade, un desestabilizador imprevisto con trama sucesoria engadida e que promete deñadas turbulencias políticas na coordenada galego-madrileña dos populares no vindeiro ano e no que todo apunta á que a situación socio política galega determinará en gran medida a continuidade ou non ao fronte do goberno español dun reaccionario mais anovado PP.

O erro imperdoable de Feijóo máis aló do marabilloso país de cifras que nos testará é non asumir que o que está facendo medrar a crise de xeito exponencial é un desorbitado desemprego

A pesar do esforzo disuasorio que sempre envolve estas manobras de Xénova, o erro imperdoable de Feijóo máis aló do marabilloso país de cifras que nos testará é non asumir que o que está facendo medrar a crise de xeito exponencial é un desorbitado desemprego. Sen traballo e con unhas prestacións sociais xa en precario resulta traumático para a xente que malvive delas e sobre todo pola imposibilidade de pagar as débedas. Sen traballo, sen crecemento, pódenlle meter todo o capital alemán que queiran a banca que si as perdas non se frean e os prezos non se estabilizan, o burato seguirá a medrar e medrar por moito banco malo que improvisen.

O máis desalentador é que os novos orzamentos da Xunta para 2013 confirman unha notable redución do 40% na promoción do emprego e mellora do mercado laboral

O máis desalentador é que os novos orzamentos da Xunta para 2013 confirman unha notable redución do 40% na promoción do emprego e mellora do mercado laboral. Responsabilidade cero do señor Feijóo. Sen estímulo empresarial, sen fomento do emprego, sen unha entidade financeira propia e solvente, sen moito menos unha Banca Pública envorcada nas pemes, sen fiscalidade xusta nin un radical atallo da fraude, seguiremos caendo en barrena por mor do partidismo máis noxento, o que se exerce con todo o peso do goberno e das institucións antepoñendo os intereses dun partido ao interese xeral da xente.

Desgraciadamente confírmase a Feijóo como o aval, o garante en Galiza das políticas erradas de Mariano Rajoy e sen dúbida xa asubía como seu marabilloso relevo natural en Madrid

Hoxe, xa en 2013, cun paro por enriba do 20%, oito puntos porcentuais máis que en 2009, unha débeda pública preto dos 8.000 millóns de euros a pesar do conto da austeridade, 80 novos parados cada día e 150 empresas fechadas cada mes, desgraciadamente confírmase a Feijóo como o aval, o garante en Galiza das políticas erradas de Mariano Rajoy e sen dúbida xa asubía como seu marabilloso relevo natural en Madrid, todo grazas ou a pesar dunha maioría absoluta de 2012 sen asunción de responsabilidade algunha en 2013.

Acerca de Xosé Lois Carreira

Nado en 1971 en Parada de Ribeira, Xinzo da Limia, Ourense. Licenciado en Belas Artes pola Universidade do País Vasco. Artista plástico multidisciplinar. Concelleiro do BNG en Xinzo da Limia