Crise como coartada

A dereita do Estado está a empregar a crise como coartada para impulsar unha profunda reforma da administración cunha dobre intencionalidade: refinanciar a banca e introducir a iniciativa privada en espazos até agora vedados para esta. Esta vocación neoliberal, permeable e transversal nas estruturas do estado de benestar mostra unha especial querenza curiosamente polos espazos onde existía unha maior cota de liberdade na toma de decisións, a administración local, a pesar do ínfimo peso destas no conxunto da débeda pública. Agora que os nosos desgobernantes avalan un sistema financeiro en caída libre cos cartos de todos e todas e os dereitos da cidadanía, semella curioso que un dos principias problemas para estes estea na Administración Local.

Semella claro que a necesaria reforma que algúns venden da  Administración Local é máis unha coartada ideolóxica da dereita do PP ca unha necesidade urxente

No segundo trimestre do 2012, a débeda pública do Estado representaba o 75,9% do PIB (804.388 mil euros). Esta porcentaxe desagrégase do seguinte xeito: o 58,3% (617.503 mil euros) está imputada á Administración Central, o 14,2% (150.577 mil euros) ás comunidades autónomas e tan só o 3,4% (36.306 mil euros) ás Corporacións locais, sendo responsable desta cantidade, con 6.479 millóns, o Concello de Madrid gobernado polos excelentes xestores da dereita durante tantos anos. Semella claro, pois, que a necesaria reforma que algúns venden da  Administración Local é máis unha coartada ideolóxica da dereita do PP ca unha necesidade urxente.

As medidas made in Montoro aumentan os beneficios do sector privado e refinancian a banca

As medidas adoptadas made in Montoro durante o 2012 xustifican esta afirmación. A prohibición para contratar traballadores públicos nos concellos dende o ano pasado obriga a estes a externalizar calquera servizo de nova creación dende entón (aumentando os beneficios do sector privado e recortando a autonomía local). Por outra banda, o plan de pago a provedores, vendido como o maná para solucionar os problemas de liquidez da Administración Local, non deixou de ser unha maneira de refinanciar a banca dende o momento no que os xuros fixados a pagar polo préstamo acadaron cifras próximas ao 6% .

A información que nos chega, aínda non pechada, da suposta reforma da Administración Local que están a pactar os dous partidos da alternancia no Estado (PP-PSOE) non semella un troco na tendencia iniciada o ano pasado. Tras a cortina de fume da regulación (necesaria) dos soldos dos  representantes públicos (baixo o principio de responsabilidade con vencellos no soldo), agóchanse medidas que minoran a cooperación municipal (desaparición das mancomunidades), aumentan a opacidade da xestión do público e limitan a participación democrática (potenciando o rol das deputacións na fiscalización dos concellos de menos de 20.000 habitantes). Nun momento no que semellaba existir un amplo consenso sobre o anacronismo do papel que xogan os entes provinciais, que lembremos non pasan polas urnas e fan unha xestión discrecional dos fondos, o pinchacarneiro da posible reforma tan só se pode explicar na necesidade de aumentar o dióxido de carbono nos espazos onde aínda respirábamos osíxeno.

A visión dos califatos potenciada (con Baltar, Calvo, Louzán ou Besteiro) semella un esperpento de difícil explicación democrática e racional

A visión dos califatos potenciada (con Baltar, Calvo, Louzán ou Besteiro), previo exame ás administracións locais de menos de 20.000 habitantes na prestación de servizos, semella un esperpento de difícil explicación democrática e racional, orientada a introducir xestión do privado nos servizos que se digan deficientes. 

Neste contexto, semella canto menos curiosa ou sorprendente a posición negociadora do PSOE, sobre todo despois de facer da desaparición das deputacións  un compromiso nas últimas citas electorais. A Pasokización deste partido comeza a semellar un proceso irreversible.

A Pasokización do PSOE comeza a parecer un proceso irreversible

Nada se fala na reforma das necesidades de financiamento na Administración Local do noso país con base no envellecemento e a dispersión poboacional, da importancia de introducir mecanismos de democracia participativa regulados na toma de decisión, da necesidade de blindar a prestación de servizos básicos ameazados pola coartada da crise e o incumprimento sistemático da administración estatal e nacional. Nada se fala diso porque non interesa mellorar e optimizar a xestión dos concellos. A cuestión que está en xogo é facer dos entes locais chibos expiatorios. A cuestión que está en xogo é introducir, coa coartada da crise, o cabalo de Troia do neoliberalismo de catecismo nos concellos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.