A lei da selva nas relacións laborais

Estamos diante dunha reforma laboral que é moito mais cunha modificación de normas legais. Vai cambiar o xeito de entender as relacións laborais porque modifica os principios fundamentais e as regras de xogo. Na transición, desenvolvendo o mandato constitucional de elaborar un estatuto dos traballadores, definiuse como punto de partida que, para evitar a situación de indefensión na que está un traballador cando se individualiza a negociación fronte ó empresario, esta negociación debería ser colectiva. As condicións de traballo se negocian entre os representantes do conxunto de traballadores e do conxunto de empresarios. Esta negociación así definida produce unha situación de equilibrio. Os uns necesitan dos outros. Os empresarios necesitan traballadores e viceversa. Ese equilibrio é co que racha esta reforma.

Cando se individualiza, o equilibrio queda rachado porque un empresario non necesita un traballador en concreto. Válelle un, ou outro, ou un terceiro. Se ademais esta cambio se fai con case seis millóns de parados, a posición do traballador é moitísimo mais feble porque hai moitas persoas para ocupar o seu sitio, polo que o empresario está nunha posición de forza aínda moito maior. A reforma establece a supremacía do convenio de empresa sobre o de sector e o convenio de empresa se pode asinar mesmo cun delegado de persoal. As empresas dende seis traballadores poderán descolgarse e, en moitos casos, asinar un convenio imposto polo propio empresario que designará como un señor feudal mesmo ó representante dos traballadores. Isto sen necesidade de claúsulas de descolgue.

Os convenios colectivos forman parte do ordenamento xurídico laboral. O estableceren claúsulas de descuelgue sen necesidade de acordo e sen garantías da propia situación que se invoca, mais que parte do ordenamento laboral, pasa a ser papel mollado. Falar de tres trimestres é falar dun período sen tan sequera auditar. Soamente coa variación de facturacións dun a outro mes, se provocará esa situación.

Eu descoñezo as posibles reaccións dos violentados, pero conceptos como diálogo social, negociación, empezan a carecer de sentido cando se entra na selva

Se o empresario te chama para diminuír nun terzo o teu salario, sabes que hai persoas cunha situación de necesidade que lles leva a aceptar traballar por esa cantidade. Nesta situación o empresario concreto violenta mais aló dos límites admisibles, a propia relación laboral. Pasa a aproveitarse dunha situación de forza violentando ata o indicible ó traballador, que queda sen resposta racional. Hai un acordo de empresa que fixa un salario, pero decide diminuírllo e como non afecta a mais de dez traballadores e está nos marxes do convenio… Esta situación se dará a partires desta reforma. As consecuencias son de difícil imaxinación pero previsibles. Cando alguén violenta utilizando unha posición de forza unha relación, pode esperar calquera reacción no violentado. Se un empresario diminúe a retribución dun traballador por debaixo da norma establecida nesa empresa, e agora pode facelo, nunha situación de pleno emprego o traballador considerará que o están invitando a irse e collerá a porta. Nesta situación considerará que se aproveita del e da situación de paro existente.

Pasamos dunha situación na que se negocia entre empresarios e traballadores a outra na que os empresarios imporán as súas condicións a cada traballador en concreto. O cambio é obvio. O PP opta con esta reforma pola violencia nas relacións laborais, a violencia que exercerá cada empresario diante de cada traballador. Chamaralle “condicións de mercado” e dirá que elas son as que mandan. Eu descoñezo as posibles reaccións dos violentados, pero conceptos como diálogo social, negociación, empezan a carecer de sentido cando se entra na selva. E é a lei da selva o que instaura esta reforma nas relacións laborais.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.