Do caciquismo clásico ao apartheid baltarista

Nelson Mandela di que ninguén nace odiando a outra persoa pola cor da súa pel, orixe ou relixión. Aprenden a un á facelo. E desde logo hai un amplo abano de alteracións ou trastornos da aprendizaxe e da conduta asociados a psique humana que discorren entre a invención do dereito de pernada do feudalismo medieval ata as máis feroces atrocidades do réximes autoritarios. Coma o de Franco. 

Un fenómeno multiforme e universal que na muideza do “que hai do meu?” condensa a deturpación total da esencia da democracia

Todo o que atopemos entre estes dous abominables feitos disque do pasado alicerzan a permanencia na actualidade de moitas reminiscencias propias desta zarracina. No medio deste marasmo senil destaca un modelo sobre todos, a relación de filiación gregaria patrón-protexido enramada nos resortes de poder político e arquicoñecida como o caciquismo clásico. Un fenómeno multiforme e universal que na muideza do “que hai do meu?” condensa a deturpación total da esencia da democracia, a vulneración do sufraxio universal e da proporcionalidade representativa en favor só de quen se somete a súa autoridade.

No caso galego compre engadir a estes arrepiantes antecedentes outra podente variable para o análise, o todopoderoso pantocrátor da ultradereita española e galega, Manuel Fraga Iribarne, connotacións tardo franquistas e indulxencias engadidas para o xenocidio, a brutalidade e o sadismo da ditadura e o postfranquismo, aínda nunca repudiado nin condenado nin tan sequera censurado nin polo PP nin por Alberto Núñez Feijoo. O que en Alemaña por lei suporía directamente a inmediata inhabilitación para todo cargo político.

Cos personaxes Baltar sénior e júnior, acada o cumio da especialización encarnando o xeito de partidismo máis noxento, agresivo, mordaz e descarnado posible, o exercido con tódalas garantías legais, con todo o peso do goberno e dos resortes de poder das institucións públicas

E no tocante a Ourense e o caso Baltar resulta indispensable engadir outra galla máis á árbore, o aparello piramidal das cooperativas agrogandeiras dos centristas galegos do moi respectable Euloxio Gómez Franqueira, fundador de COREN, que teceu o ecosistema axeitado para o medre e engorde dunha nova especie de cacique disposto a achegar o seu peso específico non só á irreversibilidade da propia alma ou familia, senón tamén tentar podrecer a alma enteira dun país. E que cos personaxes Baltar sénior e júnior, acada o cumio da especialización encarnando o xeito de partidismo máis noxento, agresivo, mordaz e descarnado posible, o exercido con tódalas garantías legais, con todo o peso do goberno e dos resortes de poder das institucións públicas, de xeito reiterado e consciente, e sempre en discriminación e detrimento do outro, o diferente.

Apartheid é separación. Democracia é equiparación, redistribución baixo os principios inquebrantábeis da igualdade, mérito e capacidade

E neste punto da hipótese é onde cumpría establecer o agravante preciso para unha sentenza xusta. Un comportamento desta magnitude dado o seu impacto social xa non pode cinguirse só o eido da prevaricación e corruptelas dun cacique clásico. Estamos a falar dunha práctica sistemática, reiterada, rigorosamente orquestrada desde o propio goberno, de consciente e intencionada segregación sociopolítica e comparable ao mesmo apartheid surafricano cando comparten dous mesmos obxectivos básicos: a fenda total na equiparación de plenos dereitos e a teima obsesiva da perpetuación dun determinado colectivo cun status de privilexio mentres outros sofren sen reparo a marxinalidade absoluta.

Apartheid é separación. Democracia é equiparación, redistribución baixo os principios inquebrantábeis da igualdade, mérito e capacidade. O exemplar sempre debe estar por enriba do legal, e no caso da denuncia da trama sucesoria e das prácticas nepotistas de Baltar sénior e júnior é cando se fai máis necesario que nunca sentar un precedente xudicial nítido, limpo, claro e de contornos ben definidos das gravísimas e irreparables consecuencias socioeconómicas que pode deparar a putrefacción total dun sistema de crenzas, valores, normas de convivencia, dereitos e deberes.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.