Paula Prado marcha. O problema continúa

A situación política que vive o Concello de Santiago de Compostela é insostíbel: dous alcaldes dobremente imputados en ano e medio, outros dous concelleiros do Partido Popular tamén imputados ao igual que unha xefa de área, un xefe de gabinete cesado e o seu substituto tamén imputado… e todo parece indicar que a lista de persoas (e de causas) non vai rematar aquí... A isto haille que engadir unha guerra fraticida e pública entre os diferentes sectores do PP santiagués e un absoluto colapso na xestión diaria do Concello de Santiago que provoca graves prexuízos ás veciñas e aos veciños.

O clima no Pazo de Raxoi resulta irrespirábel e existe unha crise de lexitimidade sen precedentes. A situación de desgoberno e descontrol é evidente para unha veciñanza que mira con bochorno e vergoña o comportamento do seu goberno municipal

O clima no Pazo de Raxoi resulta irrespirábel e existe unha crise de lexitimidade sen precedentes. A situación de desgoberno e descontrol é evidente para unha veciñanza que mira con bochorno e vergoña o comportamento do seu goberno municipal.

Mentras, o sr. Currás, actual alcalde de Santiago, non se dá por enterado. Empéñase en repetir as consignas que lle preparan os seus asesores sobre a “normalidade” e “tranquilidade” que reina no seo do Grupo Municipal do PP de Santiago. Porén a ninguén se lle escapa que o que acontece no seo do grupo de goberno do Concello de Santiago é de todo menos normal e tranquilo.

Feijóo, lonxe de esixir a inmediata dimisión do alcalde, dá a cara por Currás consentindo e amparando explicitamente que se aferre ao cargo a pesar da situación

Tras varias apelacións públicas e privadas á unidade por parte de diferentes dirixentes do PP, Feijóo toma parte no conflito obrigando a Paula Prado a deixar o Concello de Santiago. Feijóo optou pola saída máis doada: a eliminación por elevación. Con esa decisión Paula Prado marcha, pero o problema queda. Feijóo, lonxe de esixir a inmediata dimisión do alcalde, dá a cara por Currás consentindo e amparando explicitamente que se aferre ao cargo a pesar da situación. Iso convérteo en corresponsábel do que pasou e do que poida pasar no futuro.

Con esta decisión, Feijóo evita o bochorno de ser o presidente do partido que lle dea tres alcaldes a Santiago en menos de dous anos, pero a táctica da avestruz, en política, rara vez funciona. Cando levante a cabeza do furado en que a meteu o problema seguirá ai.

Con esta decisión, Feijóo evita o bochorno de ser o presidente do partido que lle dea tres alcaldes a Santiago en menos de dous anos

Algúns interpretan que na guerra interna que se vive no seo do Partido Popular de Santiago, a marcha de Paula Prado é unha vitoria do bando do actual alcalde, no seu Juego de Tronos particular no que teñen convertido o Pazo de Raxoi. Eu non teño claro quen gaña (sinceramente tampouco me importa), o que si que sei é quen perde: Santiago de Compostela. A decisión de aferrarse ao poder do sr. Currás a sabendas do terríbel dano que iso lle provoca á imaxe da cidade e á credibilidade da institución vai supor un auténtico vía crucis para Compostela nos vindeiros meses. El sábeo, pero non lle importa. Unha vez máis, anteporá os seus intereses particulares e/ou partidarios aos dos veciños e veciñas que representa.

A decisión de aferrarse ao poder do sr. Currás a sabendas do terríbel dano que iso lle provoca á imaxe da cidade e á credibilidade da institución vai supor un auténtico vía crucis para Compostela nos vindeiros meses

Non debemos sacar callo con este tipo de cousas. Non podemos acostumármonos. A indiferenza fainos cómplices do seu mal facer. A democracia non se reduce ao dereito formal de votar cada catro anos. Haina que exercer no día a día, e cando se producen feitos tan graves como os que estamos a vivir en Compostela é fundamental que na institución e na rúa a cidadanía esixa responsabilidades até o final e unhas institucións con paredes de cristal. Se Currás non asume motu propio as súas responsabilidades políticas, haberá que facerlle saber que hai cidadáns e cidadás dispostos a esixirllo día si e día tamén e que existe unha veciñanza disposta a varrer o emporcado. Teremos a oportunidade de facelo simbolicamente o vindeiro xoves, día 31 ás 16:30h. diante do Pazo de Raxoi, mediante unha concentración ataviados con material de limpeza mentres se produce o Pleno Extraodinario onde se debaterá a situación na que estamos inmersos. A vasoira, a fregona e as ganas de parar a un PP que está a arruinar Santiago hai que traelas da casa ;-) Vémonos alí.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.