Cámaras de vixilancia nos montes de Sanabria. Salvaremos desta queima?

Nesta crise moral, ambiental, social e económica, na que estamos envolvidos, o Ministerio de Agricultura, Alimentación e do Medio reducirá o seu orzamento no ano 2013 nun 25,4%, implícando a perda de 1.680,15 millóns de € con respecto a 2012, sendo a partida que maior recorte sufriu polo goberno central. O paro no mundo rural pasou do 8,3% en 2007 ao 26% este ano, segundo datos da Organización Internacional do Traballo (OIT).

O paro no mundo rural pasou do 8,3% en 2007 ao 26% este ano, segundo datos da Organización Internacional do Traballo (OIT)

Sanabria, ao igual que o resto do medio rural, está a sufrir dende hai décadas os ataques das políticas neoliberais de axuste, europeas e estatais, que se traducen en recortes en educación, transporte, sanidade, xustiza, saneamento...

A pesar deste contexto de austeridade no ámbito rural, e coa diminución de fondos na partida de desenvolvemento rural, na que se encadra o proxecto das cámaras, do 33,7%, ata 1.007,76 millóns menos, un proxecto de instalación de cámaras nos montes segue adiante cun orzamento de 1.548.750 €. O obxectivo orixinal do proxecto é a Vixilancia e Detección de incendios forestais, mediante unha rede de vixilancia que vai contar, entre outros medios, con 11 torres dotadas con tecnoloxía de última xeración coa que se acadará información en tempo real. Cada torre está dotada de tecnoloxía térmica, mediante a cal é posible a detección de focos de incendios nun radio de 8 km. Cando os sensores detectan un cambio importante de temperatura, trasmitese unha sinal de alarma ao Centro Provincial de Mando, que estará situado no Servizo Territorial do Medio de Zamora, fóra da bisbarra de Sanabria, o que supón un problema ao non crear postos de traballo na área afectada.

É importante mencionar que non houbo información, nin procesos participativos en Sanabria

É importante mencionar que non houbo información, nin procesos participativos en Sanabria, tal e como esixía o Convenio de data 25 de Marzo de 2010, subscrito entre o entón Ministerio do Medio, o Medio Rural e Mariño e as Consellarías do Medio e de Agricultura e Gandaría da J.C.Y.L. Isto deu como resultado unha desinformación das persoas da bisbarra respecto ao proxecto que lles levou a organizarse primeiro, para posteriormente recoller suxestións escoitando á cidadanía dos pobos, e solicitar información, para crear propostas de xeito participativo, establecidas nun Plan Alternativo á implantación das cámaras, que tiñan como obxetivo mellorar o benestar na bisbarra. O devandito plan foi difundido polos pobos de forma directa e por diferentes medios de comunicación, así mesmo foi avalado por máis de 40 colectivos da bisbarra.

Co custe deste proxecto poderíanse crear 24 postos de traballo que, ao mesmo tempo, axuden a frear a despoboación da bisbarra

Esta experiencia de informar e ao mesmo tempo de recoller o sentir dos pobos, permitiu que unha clara maioría dos habitantes de Sanabria se opuxese ao proxecto das cámaras e solicitaron que fose substituído por outro, por canto consideran que co custo deste proxecto se poderían crear 24 postos de traballo que, ao mesmo tempo, axuden a frear a despoboación da bisbarra. Na situación actual Sanabria ten necesidades máis prioritarias que a instalación de tecnoloxías avanzadas para a prevención de incendios, pois vivimos instalados nunha fantasía tecnolóxico-económica que fainos crer que os medios estatais de extinción nos salvarán da queima.

Noutra banda, coa colocación destas cámaras nos municipios de Sanabria soamente xa non entra en xogo o dereito á intimidade, senón tamén aqueles outros dous que están garantidos no artigo 18.1 da vixente Constitución Española: o dereito á honra e o dereito á propia imaxe. Nos últimos meses xa apareceron sancións a sistemas de video vixilancia por gravar en determinados ámbitos da vía pública.

É necesario un plan participativo contra incendios cun órgano permanente, e recuperar o Plan 42 e os plans silvopastorales nos cales os gandeiros e agricultores limpan o monte durante os meses do outono e inverno

Pódese afirmar que este proxecto é alleo á realidade do territorio sanabrés e aos seus habitantes e, polo tanto, é necesario un plan participativo contra incendios cun órgano permanente, e recuperar o Plan 42 e os plans silvopastorales nos cales os gandeiros e agricultores limpan o monte durante os meses do outono e inverno, recuperando así a identidade territorial da poboación sanabresa.

A cidadanía organizada de Sanabria tramitou unha entrevista co Director Xeral do Medio Rural do Ministerio do Medio, Medio Rural e Mariño na que se presentou o programa de medidas do Plan Alternativo en substitución das cámaras en 2010, sen ter resposta ata o dia de hoxe.

As Administracións implicadas continúan co seu apoio á instalación das cámaras, converténdose este nun caso máis de democracia secuestrada

Ante esta pasividade da administración pública, e esgotada a vía diplomática comezan as mobilizacións cunha concentración en Puebla de Sanabria convocada pola Asociación para la Defensa de Sanabria y Buraco, para rexeitar a implantación de sistemas de cámaras nos montes da bisbarra e para solicitar emprego no medio rural, á cual acudiron representantes de varios colectivos da zona, creándose sinerxías positivas entre eles, pois cando se xuntan os ríos faise forte a corrente. A pesar diso, as Administracións implicadas continúan co seu apoio á instalación das cámaras, converténdose este nun caso máis de democracia secuestrada. Paga a pena destacar que quizais nestes días nos que os casos de corrupción salpican as portadas de todos os xornais, fose máis conveniente poñer as cámaras nos despachos dalgún dos nosos representantes políticos.

Outra Sanabria non só é posible, é necesaria

Outra Sanabria non só é posible, é necesaria. Se mellor ou peor, dependerá da súa poboación, xa que non é momento de preocuparse se non de ocuparse, deixando o pesimismo para tempos mellores, porque as loitas de onte son os dereitos de hoxe, e as loitas de hoxe son os dereitos de mañá.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.