Novas eleccións e Cortes Constituintes

Convén admitir de antemán que a noticia dos pagos a destacados dirixentes do PP eleva a indignación latente neste país desde hai un tempo a extremos imbatibles. A ira cidadán chegou ao cénit e, polo tanto, faise innecesaria calquera explicación dos feitos, no substancial inequívocos, por moita xustificación, matización ou dulcificación que a desvergonza poda admitir. A situación do presidente do goberno é insostible: a deslexitimación por esta vía resulta palmaria. Podería resolverse coa incorporación doutro dirixente do partido popular á presidencia, aínda que habería que rachar o tradicional presidencialismo electoral español -non explícito nas leis pero si no costume- que establece un contrato implícito entre o candidato nas eleccións e a ulterior elección do presidente. O PP pode ofrecer un substituto para a ocasión:  candidatos, entre os que Feijoo non sería o menor, non faltan. Porén, a propia dirixencia aparece moi fanada diante da cidadanía: tería que recompoñer de inmediato a súa cúpula reitora con poucas esperanzas de que puidera soportar a tensión política acadada coas novas que sacoden hoxe o país.

Podería resolverse coa incorporación doutro dirixente do partido popular á presidencia, aínda que habería que rachar o tradicional presidencialismo electoral español

Non queda mais remedio político, algo traumático iso si, pero obrigado, da convocatoria dunhas novas eleccións. O inconveniente da crise, utilizada como chantaxe política e económica cunha insistencia excesiva, non é motivo suficiente: o exemplo próximo de Italia non parece a priori un bo parangón pero todo apunta a que non hai nada que mellore a solución electoral. Tampouco o vello refrán de non mudar de cabalo no medio da corrente non merece demasiado crédito, á vista da fraxilidade da cabalería utilizada ata o momento. E, por último, tendo en conta cinicamente que o mercado (ese totem) vai por libre e non se ve condicionado polos vaivéns políticos, non acho eu demasiada dificultade en que volvamos ás eleccións por un puro exercicio de hixiene e protocolos democráticos.

Non queda mais remedio político, algo traumático iso si, pero obrigado, da convocatoria dunhas novas eleccións

O asunto é decidir que se vai a votar: se un goberno que trace un novo guieiro para a crise económica ou unha lexislatura que apure, nun esforzo necesario pero tranquilo, unha mudanza institucional. Non parece doado artellar solucións aos problemas económicos e ao tempo establecer un novo modo de organización democrática que permita resolver a ineficacia e as fallas corruptas do sistema ata o de agora desenrolado. Voces solicitan de inmediato unhas cortes constituíntes, ben co complemento ou bandeirías dunha terceira república, aproveitando que a crise monárquica é rutilante. Non sei se o corpo electoral está para repúblicas, pero parece lóxica a demanda dunha nova constitución ou ben dunha constitución moi reformada en capítulos atinxentes á organización do territorio, á representación da soberanía cidadán ou á transparencia e control dos distintos órganos e institucións senlleiras do Estado. É evidente que se trata dunha tarefa complexa, que ademais se desenrola nunhas condicións non moi favorables, cunha grande tensión pública. Pero nunca se lexislou nin se mudaron as leis en circunstancias benévolas: son precisamente os tempos convulsos os que determinan a necesidade de mudar as regras da convivencia por ver de satisfacer as demandas do meirande número de xente.

Hai que tomar este camiño cunha calma radical

Hai que tomar este camiño cunha calma radical. Convén, logo, calmar os ánimos agora airados e canto antes desmantelar esta situación institucional inaceptable. Coa calma dunha mudanza inexorable que debe constituír o propósito político destes tempos que corren.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.