Alcaldes e siglas partidarias. Sobre o goberno municipal en Teo

Para amañar catro beirarrúas malo será que non nos poñamos de acordo, ao sermos de esquerdas. No pouco ou moito que se poida desde un concello, se gobernamos non imos ter máis remedio que chegar a acordos entre nós, para actuarmos en coherencia coa nosa cultura política. É evidente que temos diferenzas, mais coido que son moitos máis os aspectos nos que coincidimos.

Un meu amigo catalán contábame, máis ou menos deste xeito, por que apoiaba unha lista ao concello da súa vila, unha lista conxunta que reunía persoas de esquerdas, con ou sen militancia, dun amplo abano ideolóxico. Eran as primeiras eleccións municipais despois da morte do ditador Franco.

Aquel grupo de persoas non chegou a gobernar, o grupo de veciños espallouse polo mundo catalán adiante, e fóronse despois consolidando, alí e en todas as partes, as opcións de militancia partidaria, que conformaron os seus aparellos electorais. Pero o meu amigo mantivo ata a súa morte, que infelizmente o visitou moi cedo, a necesidade de, polo menos nos concellos, defenderen alternativas como as que ensaiaran na súa vila naquelas eleccións dos anos setenta do século pasado.

Veume á cabeza esta reflexión perante o remuíño que, no meu concello, se está a dar despois da decisión do Encontro Irmandiño de deixar o BNG. Son veciño de Teo, onde temos a sorte de que presida o equipo de goberno un alcalde e un equipo que fixo, así o percibo eu, unha clara política nacionalista de esquerdas. Como é sabido, o alcalde, ao ser militante do Encontro Irmandiño, deuse estes días de baixa do BNG, despois de o seu grupo político acordalo en asemblea, por aclamación.

Martiño Noriega gobernou en minoría na lexislatura anterior. A lista do BNG que encabezaba foi a máis votada, e el substituíu en Teo o coñecido home do PP Armando Blanco, famoso en todo o país polas tortillas do seu restaurante en Cacheiras, pola súa nefasta xestión municipal e tamén por presumir por escrito dun amplo currículo ateigado de recoñecementos, algúns tan incontestablemente importante como a Insignia de Ouro da Festa Gastronómica da Carne ó Caldeiro da parroquia de Teo.

A oposición de Armando Blanco, nesa lexislatura da que se fala, era previsible. Asistín a algún pleno e, cando tomaba a palabra o cabeza de lista do PP, era para manifestar que el e o seu grupo ía votar en contra do que fose, e botaba ao ar os seus argumentos populistas e paternais, expostos nunha linguaxe coloquial, con frecuencia adobada de sexismo, sempre adornada dun bo feixe de tacos. Deixara un concello endebedado, mais o novo equipo de goberno decidiu non ir adiante cunha Auditoría, ao veren o elevado custo económico da mesma.

A oposición máis dura chegaba, non obstante, da banda do grupo municipal socialista. A súa cabeza  visible, Jano Leis, valíase de que o goberno municipal non limitaba o tempo nas intervencións nos plenos, para ceibar longos discursos, tan impecables formalmente como baleiros de contido. El non adornaba as súas intervencións con tacos, pero si con citas. Lembro nun pleno a mirada de asombro coa que nos miramos, o meu compañeiro no público e máis eu, cando, para defender o voto do grupo municipal socialista, que na práctica impedía o arranxo dunha estrada, tirou de cita de Ho Chi Min. O meu compañeiro dixérame á orella, en baixo e en broma: pero que teremos que ir procurar nós, para este caso, a Vietnam!; mentres o alcalde lle lembraba ao Sr. Jano Leis que estabamos a falar dunha estrada que cruza a parroquia de Rarís, Teo.

Anécdotas á parte, era moi difícil gobernar en minoría con ese tipo de oposición. Pero o grupo municipal do BNG non caía en provocacións, aplicaba o sentido común na súa toma de decisións, administraba e xestionaba con cordura. O concello mellorou a pouco e pouco. Merecería unha boa análise a xestión municipal no seu conxunto, desde a limpeza, o saneamento ata as políticas culturais e de creación de espazos para desenvolvelas.

Verbo da política de esquerdas e nacionalista, cumpriría subliñar o apoio ao tecido asociativo do concello, a participación da institución municipal nas homenaxes ao alcalde de Compostela Ánxel Casal, paseado en Cacheiras, a declaración de fillo adoptivo de Teo ao galeguista histórico Avelino Pousa Antelo, e que, nas listas electorais apareza o nome de Eduardo Liste, fillo do último tenente de alcalde republicano, tamén paseado no ano 1936.

Neste caso, o traballo foi apoiado polos votos. Nas últimas eleccións acadaron a maioría absoluta, e Martiño Noriega e o seu equipo continuaron gobernando cos mesmos criterios. Desde fóra non se  percibían as diferenzas internas do grupo, que pasaron agora a primeiro plano, despois de, como se dixo, o Encontro Irmandiño deixar de pertencer ao BNG. Agora, o comité local desta forza política desautoriza a Martiño Noriega, manifesta que perdeu a súa confianza nel.

Volvo á reflexión coa que comezo estas liñas, para opinar, como o meu amigo catalán, que, desde unha cultura de esquerdas, cumpriría chegar a acordos para manter unha política municipal como a que leva a termo o equipo de Martiño Noriega, unha política que debería estar moi por riba das siglas partidarias. Coa única autoridade que me dá ser cidadán de Teo fago unha chamada ao entendemento, e estou seguro de que, neste aspecto, non estou só no concello.

Mais permítanme que, para rematar este artigo, faga partícipe, a quen chegou ata aquí, do meu asombro. O comité local do BNG de Teo desautoriza o seu alcalde por diferenzas partidarias, e esquece a súa impecable traxectoria no goberno municipal, mentres o comité local do BNG de Monforte apoia o alcalde da súa formación, que consentiu en outorgarlle unha rúa da cidade a Manuel Fraga Iribarne, e esquece o seu pasado de franquista convicto e confeso, e a súa participación directa en accións do aparello represivo da ditadura. Sei de ben xente que levaría unha grande ledicia se ambos os dous comités locais rectificasen.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.