Carta aberta a Alberto Núñez Feijoo

Prezado sr. Núñez Feijoo,

Escríbolle desde o máis profundo respecto polo Presidente do meu país, democraticamente electo pola cidadanía galega, mais tamén desde unha non menos fonda discrepancia a respecto da política lingüística que o Goberno galego veu practicando nos últimos anos. A rutura do consenso, a fractura institucional, o enfrontamento aberto con todos e cada un dos sectores da cultura galega e a instauración dun clima de conflito social no tocante á normalización da lingua propia do país conforman un panorama desolador e que urxe ser mudado.

As sentenzas do TSXG constitúen unha magnífica oportunidade –se cadra, a derradeira– para repensar aonde nos leva a actual derrota da nave e mudar o rumbo

As sentenzas do TSXG, anulando os aspectos máis polémicos do Decreto do plurilingüismo, constitúen unha magnífica oportunidade –se cadra, a derradeira– para repensar aonde nos leva a actual derrota da nave e mudar o rumbo. Vostede, o seu goberno e o partido que o apoia teñen a maior parte da responsabilidade nesa tarefa e por iso mesmo correspóndelles levar a iniciativa, mais trátase dunha empresa que –para ser ben sucedida– precisa do concurso de todos, sen exclusións. A oposición parlamentar, as institucións oficiais dedicadas ao estudo da lingua e da cultura galegas e as universidades deberían ser os primeiros interlocutores nun proceso que máis adiante se abrise ao conxunto das organizacións sociais que actúan neste ámbito.

Ningún xesto, por máis significativo que sexa, é capaz de borrar de vez a desconfianza gañada a pulso, polo que se precisa de algo máis concreto que faga crible o propósito de navegarmos todos xuntos

Construír un novo consenso non é complicado: precísase, apenas, vontade política de facelo. Un primeiro xesto sería o de non presentar perante o Tribunal Supremo español o anunciado recurso de casación contra as sentenzas do TSXG, evitando ademais dese xeito unha segura e dolorosa nova derrota xudicial para vostede e o seu goberno, mais tamén para o conxunto do país polo desprestixio que suporía para as nosas institucións nacionais. Mais ningún xesto, por máis significativo que sexa, é capaz de borrar de vez a desconfianza gañada a pulso, polo que se precisa de algo máis concreto que faga crible o propósito de navegarmos todos xuntos. Aí está o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, referencia ineludible de calquera tentativa de voltar a definir un punto de encontro en común; e aí está, tamén, a oportunidade de reformar o Decreto do plurilingüismo por consenso. Por non falar da posibilidade de constituír un grupo de expertos que estude o modo de aplicación do PXNLG en cada un dos sectores sociais e faga propostas concretas de actuación, co compromiso de todos os grupos políticos de telas moi en conta á hora de aprobar e executar a futura política lingüística –sen por iso suplantar a soberanía popular representada no Parlamento, por suposto.

O obxectivo só pode ser o de garantir que, goberne quen goberne, a política lingüística non sexa motivo de antagonismo

O obxectivo só pode ser o de garantir que, goberne quen goberne, a política lingüística non sexa motivo de antagonismo, senón que as lexítimas diferenzas se reconduzan dentro dunha ampla marxe de consenso. E, por descontado, é preciso concibir a política de defensa e promoción do galego dun xeito transversal e non unicamente ligada ao ámbito do ensino, aspecto no que non debería existir dificuldade para chegar a un acordo unánime.

O grupos políticos da oposición, as institucións culturais e as organización sociais levan anos a pedir un acordo

As persoas que nos identificamos coa defensa da lingua galega non queremos vivir detrás da pancarta. Por iso tanto os grupos políticos da oposición como as institucións culturais e as organizacións sociais levan anos a pedir un acordo que faga desnecesaria a constante mobilización nas rúas e o enfrontamento entre galegos por unha lingua que une a inmensa maioría do noso pobo, tanto se a fala como se non o fai habitualmente. Non esqueza vostede que, grazas ás recentes eleccións nas que revalidou a maioría que o elixiu para o cargo que hoxe ocupa, hoxe sabemos con precisión o peso social dos que renegan do idioma e defenden a segregación en dúas comunidades sociais diferentes: o 2% do censo electoral. Non semella moi lóxico pretender satisfacer eses sectores marxinais –cuantitativa e cualitativamente falando– desprezando a posibilidade dun grande acordo que poña o noso país como modelo da capacidade para facer política de altura nestes tempos en que case toda a actualidade é no mellor dos casos grisalla.

Se é vostede intelixente, e non me cabe a menor dúbida diso, percibirá que hoxe adveñen moitos máis beneficios –e incalculablemente maiores– de propiciar o consenso que de teimar na división

Para rematar, confeso que durante algúns anos incluín vostede na categoría dos inimigos do galego, mais co andar do tempo mudei esa opinión e creo que a vostede a lingua galega lle resulta indiferente, como á maioría da cidadanía deste país. Por iso utilizouna en beneficio propio, atacándoa de xeito irresponsable nos últimos anos de oposición e nos primeiros na Presidencia do Goberno galego, considerando que o gaño electoral era un ben maior que a saúde do noso maior patrimonio colectivo. Mais non pense que lle digo isto en ton de reproche –si de crítica, certamente– senón con esperanza: porque se é vostede intelixente, e non me cabe a menor dúbida diso, percibirá que hoxe adveñen moitos máis beneficios –e incalculablemente maiores– de propiciar o consenso que de teimar nunha división que xa lle deu todos os dividendos posibles e cuxa perpetuación só implicará notables perdas para vostede. Por iso, de falcón a falcón, permítome achegarlle esta breve análise, en formato FODA, sobre as vantaxes e inconvenientes de promover un acordo ambicioso e posible, plural e sen vencedores nin vencidos. Estou seguro de que, se vostede dá pasos convincentes nesa dirección, non lle faltarán cómplices. E todos sairemos gañando no plano colectivo –porque no individual, é difícil imaxinar unha xogada que a vostede lle permita semellante proxección… e sen gastar cartos!


Espero sinceramente que saberá valorar axeitadamente os pros e os contras e adoptar a mellor decisión. Por fortuna, neste caso alíñanse os seus intereses persoais, os do seu partido e os da defensa da lingua propia do país. Non permita, por acción ou por omisión, que esta oportunidade se estrague. Reciba un atento saúdo.

*  *  *  *  *
N.B. Excepcionalmente, por se tratar dun texto con un dado destinatario privilexiado, e como sinal de cortesía cara á persoa aludida, non aceptarei comentarios por esta vía. Mais, por suposto, as vosas opinións, críticas e suxestións son sempre moi benvidas: podedes facermas chegar via twitter ou facebook. Agradezo a comprensión.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.