0 Gardados para despois

Antón Sánchez

O Xallas: o espolio dos recursos naturais

A historia deste río é a historia do espolio dos nosos recursos coa conseguinte fuga de capitais fora do país para maior gloria do que é de facto propietario do río: Villar Mir, o marqués de Villar Mir, que como bo aristócrata, exerce dereito de pernada sobre o río ate privarnos durante moito tempo incluso dun reclamo engaiolante de primeira magnitude coma son as fervenzas do  Ézaro, únicas de Europa, cuxo eco nos devolve se o escoltamos con atención as arelas de paz e fermosura dos fuxidos do Pindo, abrigados nel no tempo que señorearon Galiza os Atilas retratados por Castelao. Historia vella que a fachenda dos que detentan o goberno da Xunta actualiza mediante o expediente de seguiren a tramitar licencias para máis minicentrais nos concellos de Dumbría e Mazaricos, onde o goberno do PP participou da corrupción urbanística  na trama da operación Orquestra.

Coa historia deste espolio ben puido facer Galeano algún capítulo do seu As veas abertas de América Latina narrando coma cos cartos deste ríos levantáronse os rañaceos máis altos de Madrid, Torre Espacio

Coa historia deste espolio ben puido facer Galeano algún capítulo do seu As veas abertas de América Latina narrando coma cos cartos deste ríos levantáronse os rañaceos máis altos de Madrid, Torre Espacio, montáronse fábricas no estranxeiro, que logo compiten - esa palabra cerna de todos os egoísmos destrutores - coas fábricas de Cee e Dumbría, e que se engrosou con eles a fortuna do marqués e demais parasitaxe capitalina. A fábrica de facer cartos exiliou as numerosas mouras que noutrora gardaron a fermosa beleza do río, elas si sabedoras do tesouro da terra que nos acubilla.

O tesouro do Xallas que lle interesa a aristocracia dos cartos en B son os 35 millóns anuais de beneficios que Ferroatlántica lle arrinca ás augas  aproveitándose ademais do fraude permitido polos gobernos, ao cobrar prima, por acollerse ao réxime especial eléctrico, cando en realidade é evidente que se encobre unha gran hidroeléctrica que non debería ter dereito a eses beneficios. Que beneficio obtemos as galegas e os galegos desas explotacións no Xallas?

Que beneficio obtemos as galegas e os galegos desas explotacións no Xallas?

Todo isto non podería ser posible sen a complicidade dos obedientes gobernantes autóctonos que defenden o saqueo con entusiasmo, e queren vendelo coma progreso, e é de supoñer que reciben a cambio algunhas frangullas do negocio ao través das pasarelas inmorais que vencellan política pública e negocios privados. Non por casualidade o señor Villar Mir aparece coma doador do Partido Popular nos “supostos” papeis de Bárcenas.

A oligarquía empresarial do franquismo non notou a transición e seguiu instalada no poder na sombra, e seguen a chuchar no país coma parasitos. Para Galiza queda o impacto ambiental, os danos ao río, a factura da luz e a descapitalización coma país. Degradarase máis o río, afectándose as poucas zonas virxes e aínda teremos que agradecer que nos den traballo a algúns durante a obra, e despois a seguir mandando cartos para o mundo.

A oligarquía empresarial do franquismo non notou a transición e seguiu instalada no poder na sombra, e seguen a chuchar no país coma parasitos

Coma éste poderíanse pór ducias de exemplos semellantes ao longo do país reflectindo  a fuga de riqueza tanto no escalafón social coma en clave de país.

Calquera goberno comprometido coa maioría social debería enfocar as súas políticas, en ademais de garantir unha política enerxética sostible e ambientalmente respectuosa, en reverter estas políticas de saqueo.

A esquerda terá que poñerse a pensar. E ser intransixente cos negocios privados que destrúen o patrimonio dun pobo farto xa de caciques, ladróns e señoritos

Como se deben utilizar os nosos recursos tanto a nivel ambiental, fixando criterios e modelo novos  de desenvolvemento, coma dende o punto de vista económico, no que se deberían de protexer utilizando para a súa explotación formas cooperativas, autoxestionadas ou públicas.

Moi fácil é dicilo, xa o sei, pero a esquerda terá que poñerse a pensar. E ser intransixente cos negocios privados que destrúen o patrimonio dun pobo farto xa de caciques, ladróns e señoritos.

Acerca de Antón Sánchez

Antón Sánchez é Portavoz Nacional de Anova e Vicevoceiro de En Marea no Parlamento de Galiza