Academia

Xa somos demasiado adultos. Deixemos a un lado os requintes, que en quen non posúe o talento do virtuosismo na interpretación quedan ridículos. As reviravoltas e as digresións só son interesantes se a literatura é boa. Se non hai técnica nin xenio, fan demasiado evidente o artificio, e onde o artificio se exhibe goberna o simulacro. Hoxe o simulacro volve ocupar a escena social pública. Saibamos, coa cantidade de consciencia que se nos presupón ós adultos formados, que en toda esta exhibición impúdica de cinismo, saña e mal disimulada rabia hai un histórico, alterado e elocuente axuste de contas. A tres bandas. Por moitos motivos, e non todos confesables. E hai tamén oportunidade política.

Saibamos, coa cantidade de consciencia que se nos presupón ós adultos formados, que en toda esta exhibición impúdica de cinismo, saña e mal disimulada rabia hai un histórico, alterado e elocuente axuste de contas. A tres bandas

Quen dixo que as academias non viven o seu tempo? Víveno, e interveñen nel coa potencia das forzas que operan no seu interior. Nada é casual, mesmo se adopta forma de azar cósmico e conxunción entre desiguais. As guerras sempre teñen orixe material. Tamén a que culminou na Real Academia Galega co feito insólito da renuncia do seu Presidente. Guerra interna e guerra externa. Ou a guerra en diferentes frontes.

Méndez Ferrín, desde o seu uso de razón política, representa o lado inconveniente. Sempre o representou. Cando foi o mozo irado disposto a romper coa igrexa piñeirista que suprimía a dimensión política do galeguismo. Cando lle tocou enfrontarse á igrexa nacionalista desde a esquerda e o independentismo e esta xa se formaba naquilo que caracteriza toda igrexa con ansia de perdurar: todo o que cae fóra do dogma será silencio. Certo é que o silencio nunca se dá producido de todo, tan potente é a perigosa teimosía dos herexes, o seu mal exemplo. Pero toda igrexa está infundida do don santo da paciencia. A fe ofrece a seguridade de que algún día a hora exacta acaba chegando. É o dominio sobre a eternidade convertida en espazo de propiedade privada. E quen domina a eternidade escusa o movemento. A fe non coñece alteración. O obxectivo é a parousía. Xa virá o que teña que vir. Máis vale castigar herexías que alterar o abaneo rítmico do tempo.

A existencia política e literaria de Méndez Ferrín, en todas as dimensións que ocupa a súa figura, vén medrando coma unha anomalía insoportable

A existencia política e literaria de Méndez Ferrín, en todas as dimensións que ocupa a súa figura, vén medrando coma unha anomalía insoportable. No político, porque nada do que acontece hoxe en Galicia, e concretamente no campo do nacionalismo, pode ser comprendido sen a súa participación. Máis aló da dimensión cuantitativa das súas apostas ó longo destas décadas da nosa historia recente. Só o feito de representar na praxe e na teoría unha outra cultura política posible para o nacionalismo e a esquerda é unha abominación de enorme magnitude, a ousadía de apuntar o imposible como horizonte de expectativas. A audacia que non coñecen certas tradicións nacionalista e galeguista. O mal exemplo.

No ámbito literario e cultural, Ferrín rompe desde os seus primeiros textos e intervencións co sentido común establecido e con aquel que combate pola hexemonía cultural, que cre conquistala durante décadas e que a sabe perdida na actualidade. Ferrín nunca caeu baixo a disciplina do nacional-realismo. A súa obra literaria proxéctase coma unha tormenta máis aló do aparente, creba lindes, asalta as portas pechadas da imaxinación e da liberdade humana ata o seu derradeiro recuncho. A súa arte aborrece modelos reaccionarios, coma aquel exposto non hai tanto tempo nunha crítica cinematográfica que acababa concluíndo na necesidade dun cine galego que exaltase certos mundos tradicionais como esencia do noso ser e desconfiase estética e politicamente do odioso progreso. A antimodernidade. E Ferrín foi, é, o máis moderno, o cal constitúe un crime de lesa galeguidade. En Galicia, o reparto de espazos culturais e de influencias constituíu durante todo este tempo a grande alianza entre o nacionalismo hexemónico e o galeguismo de matriz piñeirista. Hoxe, co eficaz cemento da extrema dereita, festexan a peza capturada en caza maior.

En Galicia, o reparto de espazos culturais e de influencias constituíu durante todo este tempo a grande alianza entre o nacionalismo hexemónico e o galeguismo de matriz piñeirista. Hoxe, co eficaz cemento da extrema dereita, festexan a peza capturada en caza maior

Hai tres anos, cando Ferrín era candidato á Presidencia da RAG, a extrema dereita recachou o cabeiro en primeiro plano. Desde diferentes medios. Poida que hoxe non haxa contubernios nin conspiracións, pero se cadra tampouco casualidades. A coincidencia de intereses convocou á simbiose entre a extrema dereita, o nacionalismo esencialista e o galeguismo de raíz piñeirista, cada un cos seus modos, os seus estilos, as súas formas tradicionais. Tratábase de arrastrar pola lama unha figura humana, pero sobre todo de abater a súa dimensión política, cultural e literaria. E de cobrar vellas débedas. E de vencer o mal exemplo. Nada interrompa o proveito das alianzas. Se o Presidente da Academia, ademais, manifesta inclinacións políticas e electorais inconvenientes, que pague a culpa. Poñamos o mapa político actual por riba desta operación, e o debuxo irase pintando el só. De todas as maneiras, se os soldados disciplinados que foron acudindo á batalla se fixesen acompañar coa comprensión da xusteza e da xustiza, antes de iniciaren o combate e mesmo durante os golpes terían que recoñecer, co respecto que sempre merece o inimigo digno, todo o que se leva feito na RAG nestes tres anos. Sería moito pedir. Xa sabemos aquilo que seica dicía Einstein verbo dos soldados e dos órganos prescindibles para facer a instrución.

Se o Presidente da Academia, ademais, manifesta inclinacións políticas e electorais inconvenientes, que pague a culpa. Poñamos o mapa político actual por riba desta operación, e o debuxo irase pintando el só

A RAG ten un historial cheo de luces e de sombras. Luces moi brillantes, e algunha sombra abismal. A Academia presidida por Ferrín enfrontouse argumental e xudicialmente ao goberno galego por lexislar e actuar contra a lingua. Veremos a ver en que queda agora todo. Hai algúns anos, un Presidente da Academia era ó mesmo tempo Delegado do Goberno en Galicia cando se presentaba recurso de inconstitucionalidade contra a Lei de Normalización Lingüística. Non é posible borrar indefinidamente a Historia. Mais coas súas luces e as súas sombras, a RAG é unha das nosas institucións; talvez por iso non deixa de ter a súa gran dose de ironía tanta obsesión contra ela malamente disimulada. Tamén nesta dimensión política da relación coa Academia opera o principio de distancia que conduce, por algunha estraña pulsión antisocial, a que certa tradición nacionalista rexeite as falas que ós galegos nos serven para comunicarnos. A Academia, nese sentido, é a personificación institucional do universo idiomático que se nega, que arrepía, que non se quere nin ver. Pero ese é asunto para outro día.

A Academia presidida por Ferrín enfrontouse argumental e xudicialmente ao goberno galego por lexislar e actuar contra a lingua. Veremos a ver en que queda agora todo

Coa dimisión de Méndez Ferrín todo parece volver ó rego. A Academia saberá se lle compensa. Porque a súa historia está xa marcada para sempre. Dentro dunhas cantas xeracións seguirá posuíndo o dubidoso honor de que Méndez Ferrín non terminase o seu mandato como Presidente. O ano en que se lle dedicou o Día das Letras a Roberto Vidal Bolaño. Que boa farsa podería escribir.

Para festexar o triunfo, en tres casas grandes botan foguetes e bombas de festa. Chaman á misa de acción de grazas. Eu non penso acudir. Hai tempo que decidín non pisar igrexas. Deica outra.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.