O pan do sol

“Meu canto corre sempre ceibe e puro
E cada cousa â miña vos responde
Asegún seu destino e natureza.”

Ramón Otero Pedrayo

Noites de inverno caroal nos Chaos de Amoeiro; unha fiestra trasloce o tremor rubio da lareira acendida;  o vello fidalgo, en silencio grave, mide ao compás das horas hendecasíbos brancos. Devalan sobre o papel versos rectos como sucos, a grave caligrafía seguindo o compás do ciclo litúrxico do centeo: agroman, como da oración dun antigo druída, as xeórxicas do pan, a égloga dun poeta que soña Galiza como Virxilio, Roma. 

O poeta dise Ramón Otero Pedrayo. Albisca nos seus soños un universo máis alá do humano, rexido polo ritmo xeolóxico da Natureza, onde todo o que existe, acontece e regresa ás orixes, nun tempo cósmico que está á marxe das vicisitudes da Historia. Constrúe, a través da enerxía telúrica da linguaxe, un paraíso perdido, agreste e agrario a un tempo. Un lugar a medio camiño entre o mito céltico de Eduardo Pondal e a pegada saudosista de Ramón Cabanillas. E, na irmandade do canto ao cosmos rústico, ecoan tamén versos de Aquilino Iglesia Alvariño e de Antonio Noriega Varela. Xunguidos todos eles por un mesmo ideal galeguista: a redención da Terra.

Pero, na cosmovisión oteriana, a Terra non pode ser tan só un espazo físico, unha paisaxe inerte. A Terra constitúe, ante todo, un devalar de ritmos xeolóxicos e atmosféricos que determinan a acción da Natureza sobre o Ser Humano; a Terra é sempre o ámbito sagrado, un lugar posuído de fondo alento espiritual. E por iso o poema representa, no seu conxunto, unha oración panteísta onde as colleitas son deusas e os  vellos petrucios campesiños, sacerdotes.

E o poeta actúa, unha vez máis, como o bardo que interpreta a linguaxe secreta do Universo: Percibía na friaxe da grá antiga / un medrar en mareia solermiña / das enerxías da Terra. A pedra morta / vibraba como lira. No seu cerne / semellaba medrar a xenerosa /saiba que baixo das curtizas ermas / rube na primaveira das carballas.

Pero estas Xeórxicas do pan representan, máis alá do intento de preservar a imaxe dun mundo rural fondamente idealizado, un acto de fe absoluto no poder nomeador da palabra. Pois se o mito da Galiza agraria colle pulo e chega a conmovernos, aínda hoxe, é grazas a forza expresiva e metafórica da linguaxe oteriana, enérxica e vibrante, enxebre e imaxinativa. Unha linguaxe que non se limita a describir a natureza, senón que traduce e interpreta os seus ritmos primordiais. E por iso estamos, como diría Ernesto Cardenal, ante un cántico cósmico que consagra a Ramón Otero Pedrayo como un dos grandes vates galegos do século XX.

E a nós só nos queda por agradecer o traballo de investigación emprendido por Silvia Penas, contando coa promoción e apoio da Universidade de Vigo, a Fundación Penzol e a editorial Galaxia; beizóns por faceren realidade este proxecto que nos devolve a voz poética de Otero Pedrayo como unha fonte da que emanan as esencias do idioma nun esplendor que semella inmorredoiro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.