Un pouco de vergoña

Cando era mozo aprendín a xulgar o que acontecía na vida con criterios máis ou menos sociolóxicos e o prisma marxista: había opresores e oprimidos e explotadores e explotados. Afinando máis había matices, dentro das clases sociais había sectores, fraccións ...(e o leite en verso, que total non serviu para nada). Pero agora un está xa moi superado pola historia, este é un tempo no que non hai que analizar e desvelar o oculto, está todo á vista e móstrase con todo o descaro, é o tempo no que se moven con soltura os fillosdeputa e os canallas (gustaríame ter un vocábulo que non amentase inmerecidamente ás prostitutas e que dixese o mesmo aos mesmos, aínda que o hideputa que xa escribía Cervantes é tan claro e exacto...). É tanto o descaro, a mala educación, que un invoca as vellas virtudes da urbanidade e clama desde a sala da súa casa, "un pouco de vergoña!". Porque nos rodean os espectáculos ridículos á vez que ofensivos e non pode ser que nolo teñamos que tragar.

Agora un está xa moi superado pola historia, este é un tempo no que non hai que analizar e desvelar o oculto, está todo á vista e móstrase con todo o descaro

Aí están, veña roupas ostentosas, curas e cardeais, o Vaticano en acción. Discútese que se este papable, que se o outro, que se lle vén mellor á Igrexa aquilo, que o que saia será o que fai falta... Coma se ese espectáculo non resultase anormal, coma se non estivésemos a ver o que vemos: cento e pico tíos maiores, moi maiores case todos, que esconden negocios e secretos repulsivos, iso é o que garante o silencio. Non é un silencio que nos mereza respecto, é o silencio autoritario dos soberbios. Esa fumata branca será unha exudación de cousas indefendibles.

O papado historicamente é unha vergoña romana e o que sabemos, a pesar deles, sobre o Vaticano actual tamén é un cúmulo de miserias e vilezas. Con todo, aí está o espectáculo coma se nada, o máis natural, ocupando todas as pantallas que se nos ofrecen. O Vaticano resulta moderno porque é fotoxénico, toda esa teatralidade barroca e ese cerimonial anacrónico fano inevitablemente pintoresco e atractivo, comunican continuidade histórica nun mundo que aboliu o pasado e crea e destrúe modas continuamente. O ritual e a cerimonia é unha parte importante de toda relixión pero desde o punto de vista da mensaxe evanxélica todo iso é intranscendente, e iso é o peor que se lle pode dicir. Por outra banda se nolo seguen presentando como a única igrexa cristiá, cando comparte a fe de Cristo con millóns de ortodoxos e evanxélicos. É evidente que hai moito máis de fidelidade ao evanxeo nas igrexas evanxélicas que ordenan sacerdotes a mulleres que nese Vaticano que se di católico pero é sectario, que se di universal pero exclúe a metade do xénero humano das súas decisións e do sacerdocio, que é homófobo pero esconde pederastia. O Vaticano simboliza boa parte da historia da civilización occidental pero non é o cristianismo, que afortunadamente non ten moito que ver. Se os aí reunidos visen entrar pola porta a Cristo cunha correa escaparían polas xanelas correndo.

Ao principio dos anos oitenta Angelo Jiuseppe Roncali foi elixido Papa, Xoán XXIII, nunha cerimonia semellante pero a continuación abriu as portas da igrexa romana para saír ao mundo. Volvéronllas pechar. Agora non creo que ninguén o volva tentar e a Igrexa seguramente seguirá avanzando nun proceso histórico que a conduciu desde a Idade Media, cando era a fonte do poder real, a este presente no que cede espazo sen parar no solo europeo, onde naceu como relixión histórica. O Vaticano será romano, pero o cristianismo xa non é europeo, é americano. Pero neste tempo onde á Igrexa iso non lle importa, non lle obriga a reflexionar, porque xa se transformou nunha gran empresa da fe e unha empresa cínica e sabia sabe que non hai que correr detrás dos clientes que se perden, sempre se poden atopar novos clientes.

O fracaso final de Rodríguez Zapatero, esmagado pola crise financeira e o fracaso do modelo español, non quita que os seus gobernos tomaron medidas que son avances sociais moi importantes, ese era un patrimonio do Partido Socialista, en realidade o único que quedaba

Como espectáculo vergoñoso é a España de Bárcenas, un Atlas que sostén sobre os seus ombreiros a bóla do mundo, un Sansón que sostén as vigas do templo do Goberno e, quizais do estado, para que caia ou non caia. E vergoña acompañada de tristeza é o que produce ver o que está a dar de si o PSOE. O fracaso final de Rodríguez Zapatero, esmagado pola crise financeira e o fracaso do modelo español, non quita que os seus gobernos tomaron medidas que son avances sociais moi importantes, ese era un patrimonio do Partido Socialista, en realidade o único que quedaba. Pero acaban de demostrar que non lles importa, non o fan seu nin lle dan valor a esa etapa do seu propio partido. Realmente fixeron unha ruptura profunda e consciente co pasado inmediato do tempo de Zapatero, pero o resultado é vergoñoso.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.