Política Alternativa: Ecosocialismo (e II)

O Ecosocialismo como doutrina política da esquerda non é unha pose post-moderna, non é unha simple adorno de moda, non é unha maquillaxe de cor verde. Pon de manifesto o choque, tal e como di Jorge Richmann, “da sociedade capitalista có límite da biosfera”. Existe a contradición fundamental dun sistema económico baseado na competitividade  e no beneficio e as políticas que defenden a cooperación e o medioambiente.

Existe a contradición fundamental dun sistema económico baseado na competitividade  e no beneficio e as políticas que defenden a cooperación e o medioambiente

Como proxecto ideolóxico o ecosocialismo xorde a finais do século XX. Como integrador do socialismo e o ecoloxismo pon novamente e de forma  paradoxal, que o desenvolvemento e o crecemento desbocado da economía intimamente relacionada co consumismo entran en contradición, e como define o pensador André Gorz, convértese na “ditadura das necesidades”, ou na “socialización antisocial”, constatando que a valorización das capacidades produtivas do capitalismo e polo tanto dos seus beneficios, esixen un crecemento do consumo como un consumo adicional; creándolles necesidades artificiais á xente para que teña maiores ansiedades de consumo de forma constante. Moldeando individualmente e desenvolvendo esas necesidades do modo máis rendible para seguir sometendo os consumos individuais aos intereses do capital como rango de lei, e así que o consumo estea individualizado e sexa privado. Por isto, sérvese da publicidade e do marketing para crear a demanda, para satisfacer as máis pequenas necesidades con maior consumo. Deste xeito a economía real convértese nun apéndice das burbullas especulativas sostidas pola industria financeira, xerando esta crise sistémica.

Como vemos, existe unha incompatibilidade entre un sistema económico baseado no beneficio que esquilma as riquezas da terra e pola contra as políticas que defenden o medioambiente. Políticas que están intimamente relacionadas coa defensa da biodiversidade, cambio climático, cunha redistribución da riqueza que imposibilite a especulación, e polo tanto nun senso político dun novo modelo económico sostíbel da sociedade humana e do conxunto da vida no planeta.

O ecosocialismo como parte da esquerda renovada reconecta cunha sociedade cambiante, para dar resposta aos dramáticos desequilibrios ecolóxicos

Tal e como escribiú Albert Einsten “o verdadeiro propósito do socialismo é superar e avanzar máis alá da fase depredadora do desenvolvemento humano”. Por iso entendo que o ecosocialismo e a única alternativa da esquerda.

É ben certo que ata o de agora moitas organizacións que se reclaman como socialistas seguen ancoradas no paradigma da revolución industrial e filosoficamente no antropocentrismo (o home é o centro do mundo), coma no século XIX. O ecosocialismo como parte da esquerda renovada reconecta cunha sociedade cambiante, para dar resposta aos dramáticos desequilibrios ecolóxicos, pola lóxica destrutiva da acumulación capitalista e á vez, para pasar da concepción antropocéntrica ao biocentrismo (vivimos en comunidade con máis especies). Se a natureza non está o ser humano tampouco estará.

Sabémolo, no planeta temos os recursos limitados: enerxía, alimentos, auga... Por iso o ecosocialismo dá alternativas para unha ecoloxía sostíbel co desenvolvemento, promovendo políticas medioambientais ante cambios climáticos, contaminación do aire e a auga, degradación dos solos, deforestación, biodiversidade ameazada e prevención de catástrofes medioambientais. Pero non estamos illados das inquedanzas da cidadanía, da necesidade da xustiza social, da cultura da paz, da soberanía cidadá (radicalidade democrática), promovendo un cambio e nova ética cidadá por unha ecoloxía anticapitalista cun socialismo onde non teña cabida a lóxica do produtivismo consumista. Non todo son dividendos e afondamento na desigualdade social, e si por outra banda, ir cara ao interese xeral, que hoxe está sometido a lobbies multinacionais económicos e financeiros.

Espazo Ecosocialista Galego somos ecoloxistas, somos de esquerdas pero tamén galeguistas porque dende a nosa realidade nacional actuamos no local en conexión coa realidade dun mundo global e interconectado

Necesítase polo tanto que o cidadán teña acceso ao control de todo o público, control dos traballadores e usuarios para organizar outra forma de desenvolvemento, coa firme converxencia da loita social e medioambiental por unha utilidade social da produción, tendo en conta as necesidades.

Espazo Ecosocialista Galego somos ecoloxistas, somos de esquerdas pero tamén galeguistas porque dende a nosa realidade nacional actuamos no local en conexión coa realidade dun mundo global e interconectado, onde Galicia sexa o centro de actividade e intervención política, con alianzas: nacionais (AGE), estatais (Espazo Plural), europeas (con aqueles que se definan como esquerda renovadora que incorporen a sustentabilidade ecolóxica). Vivimos nunha realidade nacional e interrelacionada que necesitamos mudar local e globalmente.

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.