Democracia low cost

Así como o descenso dos salarios percibidos polos traballadores é parte da devaluación interna da nosa economía, a desconfianza en toda clase de institucións forma parte da nosa devaluación política, e os recortes en educación e sanidade prefiguran a nosa devaluación cultural e a nosa devaluación como sociedade. Menos mal que, como presume o goberno, agora xa non se fala da intervención de España!

Hai un elemento de fondo que, máis alá do económico, ten un alcance político e cultural: trátase dunha auténtica revolución das elites, que se ven producindo desde finais do século XX

Fomos uns alumnos aplicados no descenso inducido dos custes de produción, dos salarios e das cotizacións sociais, na flexibilización do mercado de traballo e nos axustes duros, presentados como imprescindibles reformas estruturais. Na espiral de austeridade e recesión que domina hoxe en Europa, un auténtico círculo vicioso, as necesidades financeiras convertéronse nun argumento a prol da desarticulación política e social das sociedades.

Hai un elemento de fondo que, máis alá do económico, ten un alcance político e cultural: trátase dunha auténtica revolución das elites, que se ven producindo desde finais do século XX. O aumento dos beneficios dos grandes capitais vai da man da privatización da existencia e da despolitización dos pobos, e o estreitamento dos nosos horizontes temporais garda relación co imperio da publicidade. Son signos aquí e alá dun longo proceso en marcha, no que a decadencia da soberanía nacional, da división de poderes e dos instrumentos tradicionais da representación política van parellas da apertura dos sectores públicos aos mercados e do desmantelamento das sociedades de benestar.

Semella volver a sospeita marxista de que a desigualdade é unha condición de partida que ao cabo, cos procedementos democráticos, acaba por adquirir carta de natureza

Atravesando estes procesos hai unha pregunta que permanece irresolta: como se expresa unha vontade colectiva?, e para contestala non se pode obviar un escenario de competencia electoral curtopracista, e de obsolescencia programada dos programas políticos. Non hai sitio para a imaxinación política nas institucións, e o mercadeo de intereses e de parcelas de poder priman sobre o intercambio de propostas e argumentos. 

Agora que na situación laboral tan precaria parece que volvemos ao século XIX, tamén semella volver a sospeita marxista de que a desigualdade é unha condición de partida que ao cabo, cos procedementos democráticos, acaba por adquirir carta de natureza. Co agravante de que agora os poderes económicos e financeiros xa non precisan dotarse de aparencias igualitarias. Xa non semella posible unha xestión civilizada do capitalismo, e o terreo está abonado para calquera tipo de populismo ou de fascismo máis ou menos popular.

Optimismo da vontade? Vai ser necesario no momento no que chegue a refundación de algo

En lugar de debater modelos alternativos encamiñámonos cara unha paisaxe cultural de baixo custe, e a unha democracia devaluada. Como defender os principios dun sistema democrático, cando se perciben cada día os mecanismos do propio sistema político para contrariar ou anular a vixencia deses principios? A alienación e a explotación son conceptos que volven. Cada un terá que facerse a súa composición de lugar nun futuro con escasas alternativas, e facer acopio das doses necesarias de idealismo e realismo para afrontalo. Optimismo da vontade? Vai ser necesario no momento no que chegue a refundación de algo (da España constitucional, do contrato social, da Unión Europea, dos mecanismos reguladores da globalización, do que sexa), que chegará. Se non remata antes a idea de formar parte parte dunha sola humanidade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.