Vinicius de Moraes e o retrato de Portinari

“— Ah! Seigneur! donnez-moi la force et le courage
De contempler mon coeur et mon corps sans dégoût!”
(Charles Baudelaire Un Voyage à Cythère”)

Cóntao José Castello na súa espléndida biografía do poeta. Cada vez que Vinicius de Moraes percibía a sombra intensa dun vivir mecánico, a pesadume da  rutina, tomaba as súas pertenzas máis aprezadas e abandonaba o lugar. Se acreditamos no escrito sobre o tema, a súa reducida bagaxe comprendía apenas unha escoba de dentes e mais o retrato que lle fixera Cândido Portinari.

A extensa traxectoria amorosa do personaxe fai pensar nun recurso frecuente a este mutis. De Moraes era cativo da paixón (Carlos Drummond de Andrade manifestara envexar o Poeta “…porque ele vive em estado permanente de poesía” ). O aborrecemento supuña para el un lento esmorecer que acababa por abafalo, por esmagar a  sobrenatural vocación de espremer a vida que reflicte a súa obra.

Cando Portinari retrata a Vinicius no ano 1938, éste aínda non partira para Oxford, onde había pasar unha tempada a estudar lingua e literatura inglesa como bolseiro do British Council. É, xa que logo, o retrato do Poeta baixo o esplendor físico da xuventude vitoriosa, da sensual arrogancia. Quizá por iso a intuición da decadencia erótica facíao sempre volver a aquela imaxe apoteósica – e pretérita - de si propio.

Non resulta estraña esa tendencia a relembrármonos eternamente novos na inminencia da devastación ou nas situacións de inevitábel fuxida nas que adoito se viu o brasileiro. O propio Dante expresara a humanidade dese hábito: nessun maggior dolore che recordarsi del tempo felice nella miseria. Unha frase que, por certo, séculos despois abriría a obra cume doutro experto en fugas: O byroniano Childe Harold.

A mocidade como espazo idealizado de plenitude e pretensa felicidade é unha constante na nosa especie. Quizá esa obsesión polas fotografías de mocidade ou nenez empregadas no perfil de moitos usuarios de redes sociais traduzan o pavor á decrepitude que nos persegue nestes tempos de primacía da estética.

Oscar Wilde, outro entusiasta dos valores da mocidade que, no entanto, sempre amosou unha absoluta incapacidade para fuxir a tempo, tamén dedicou obra a esta cuestión. Porén, a diferenza do Dorian Grey do irlandés, neste caso era Vinicius o que asistía á súa decadencia física encanto o retrato de Portinari permanecía na súa eterna apoteose. E destarte, cando a mocidade abandonou aquel individuo miúdo e a un tempo ciclópeo, o seu ollar agudo e apaixonado debeu virar moitas veces cara aquel mozo que unha vez fora. Sen carraxe nin saudades. Ao cabo, o excepcional poeta xa atopara un sentido último á natureza efémera do amor absoluto:

“…que não seja imortal posto que é chama
mas que seja infinito enquanto dure.”

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.