Crise e privatización das prisións

Hai apenas uns días, este mesmo medio de comunicación publicaba unha nota de Alternativa Galega de Esquerda, na que a coalición denunciaba que “o Estado español pretende seguir o exemplo estadounidense e colocar os cárceres en mans de empresas privadas”. Esta valoración facíase en relación co plan piloto do Ministerio do Interior de substitución de gardas civís nas súas funcións nas cadeas por vixilantes de seguridade privados, un plan que comeza o 1 de abril, e que vai ser aplicado, entre outras, en Teixeiro e na Lama.

Hai cando menos tres motivos para non compartir a análise que da materia fai AGE, mesmo asumindo que a privatización das prisións é unha política que debe ser resistida, sen matiz algún

Desde xa cabe avanzar que a valoración realizada por AGE é sorprendentemente apocalíptica. Fronte a iso, convén reparar con maior detemento no que significa este plan do ministerio, e en que cabe agardar que aconteza no futuro.

Ante todo, chama a atención que, en principio de xeito sorprendente, AGE adopta unha análise e unha linguaxe plenamente consonantes co que sobre o particular veñen afirmando os sindicatos penitenciarios, con independencia da súa adscrición ideolóxica. Precisamente por iso, non é estraño que a información mencione que AGE se vai reunir con eses sindicatos e que a súa denuncia foi compartida pola Asociación Unificada de Guardias Civiles. É ben coñecido que a práctica de excluír aos traballadores penitenciarios -en tanto que responsables de administrar a coerción do Estado- dos sindicatos de clase é allea á cultura política de AGE (cando menos, dunha parte da coalición). Non obstante, non deixa de resultar digno de reflexión que unha organización política destas características faga un discurso coincidente co dos sindicatos das forzas de seguridade do Estado e dos traballadores penitenciarios.
Alén diso, hai cando menos tres motivos para non compartir a análise que da materia fai AGE, mesmo asumindo que a privatización das prisións é unha política que debe ser resistida, sen matiz algún.

O primeiro dos motivos ten que ver coa escasa significación da medida emprendida polo plan piloto do Ministerio. O anunciado é simplemente a privatización de tarefas moi menores no funcionamento dos centros penitenciarios. Nese sentido, a capacidade de derivar desa medida que se camiñe cara a un modelo de privatización semellante ao estadounidense é tan feble como o sería en relación con calquera das outras funcións da prisión abertas á competencia mercantil, como os subministros. Mal que ben, o primeiro que cabería admitir é que se trata dunha medida de relevancia moi limitada, máis aínda para unha formación política que pretenda ser contrahexemónica.

A capacidade de derivar desa medida que se camiñe cara a un modelo de privatización semellante ao estadounidense é tan feble como o sería en relación con calquera das outras funcións da prisión abertas á competencia mercantil, como os subministros

A segunda das razóns que debería conducir a matizar valoracións como a mencionada é que o camiño distópico que se enuncia (“o exemplo estadounidense” de privatización das prisións) é bastante menos unidireccional do que caiba pensar. Dito doutro xeito, é dubidoso que o plan do ministerio, á marxe de tratarse dunha medida menor, apunte a iniciar un percorrido dese xénero. En primeiro lugar, ese camiño é algo que a lexislación (art. 79 Lei Orgánica Xeral Penitenciaria) exclúe expresamente. Certamente, a normativa sempre pode ser reformada, mesmo sendo unha lexislación que ten amosado unha estabilidade tan rechamante como a L.O. Xeral Penitenciaria. Con todo, é dificilmente imaxinable que esa reforma fose a fundamentarse na experiencia estadounidense. Queda xa bastante lonxe o momento en que, en 1983-1984, Corrections Corporation of America iniciou o negocio das cadeas privadas de adultos en EE.UU. Desde entón, se cadra o máis significativo é a limitada capacidade de expansión que ten tido ese sector mercantil, progresivamente concentrado noutros eidos da industria da seguridade. Trinta anos despois da súa posta en marcha, o seu crecemento está estabilizado e, o que é máis relevante, atinxe un segmento limitado do mundo carcerario daquel país (o 8’2% dos presos, en 2011). Se cadra unha razón fundamental diso é que o suposto aforro de custes das prisións privadas non se ten amosado tal, como recoñecen mesmo informes oficiais, e que esa falta de eficiencia se veu acompañada por problemas graves en materia de dereitos e condicións de vida dos presos.

En suma, pensar nun inicio de proceso de privatización á moda estadounidense é facer unha concesión excesiva á imaxinación distópica. A experiencia naquel territorio ten evidenciado que non hai xeito de emprender unha privatización de grande alcance na materia sen un investimento público moi considerable, e diso é do que nestes momentos está máis carente o ministerio español. Polo demais, a esa inviabilidade financeira se suma unha razón política: se hai sindicatos con capacidade de incidir sobre a política da Administración, estes son os penitenciarios, que están incondicionalmente enfrontados a calquera suxestión de privatización.

O texto de Alternativa sinala oportunamente que o sistema penitenciario español ten sido denunciado en incontábeis ocasións por “incumprir os estándares mínimos en trato dos presos, condicións de habitabilidade (…) ou reinserción dos internos"

Con todo, e alén de calquera crítica do hiperbólico da análise de AGE, o máis cuestionable é a súa potencial contribución a descontextualizar a situación carceraria no tempo da Grande Recesión. O texto de Alternativa sinala oportunamente que o sistema penitenciario español ten sido denunciado en incontábeis ocasións por “incumprir os estándares mínimos en trato dos presos, condicións de habitabilidade (…) ou reinserción dos internos". Nese punto reside o cerne da cuestión, de xeito especialmente preocupante desde o inicio dos brutais recortes de gasto público. Non é certo que esteamos a presenciar o inicio dun percorrido de privatización das prisións; precisamente por iso, non convén centrar a análise nesa perspectiva trabucada. Fronte a iso, estamos a vivir un proceso de recortes que afecta de maneira moi notable ás condicións de vida dos presos, plasmándose en cuestións tan centrais como a alimentación, a asistencia sanitaria ou o acceso a actividades diferentes da monotonía de pagar tempo dentro da prisión. Como é coñecido, a mellor expresión da influencia dos recortes sobre a situación carceraria é o descenso da poboación prisional (12’2% entre maio de 2010 e xaneiro de 2013), obxectivo funcional para o cal se están a poñer en marcha medidas moi criticables, como a expulsión masiva de presos estranxeiros.

Os recortes de gasto supoñen recortes de dereitos. Se iso é así en relación coa sociedade libre, é doado entender que a situación é aínda (moito) máis grave dentro da prisión

Os recortes de gasto supoñen recortes de dereitos. Se iso é así en relación coa sociedade libre, é doado entender que a situación é aínda (moito) máis grave dentro da prisión. Nesa degradación de dereitos e de condicións de vida das persoas presas é no que hai que concentrar a atención política. Contra iso é contra o que hai que traballar, na denuncia desde todas as instancias. Os anuncios dunha privatización ao estilo estadounidense son, en cambio, lumes de artificio, de tal insignificancia que só poden operar como xeito de ocultar o verdadeiro campo de conflito.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.