O sistema electoral: un instrumento de manipulación política

A crise de representación, e a quebra da lexitimidade dos partidos políticos, que nos últimos anos, están a ser  percibidos, non como ferramenta para avanzar na toma de decisión e ser a correa de transmisión que leve o que demanda o pobo  ás Institucións, senón máis ben coma unha caste afastada da realidade  e que non é sensible as necesidades da cidadanía; lévanos  a formular, que ante esta situación, de desconexión entre representantes e representados, de descolgue entre as elites políticas e a vontade popular, causada por unha acentuada desafección política, urxa, por parte dos representantes tomar medidas que encamiñen a situación, e respondan ás peticións da cidadanía. Movementos como o 15M puxeron riba da mesa  a imperante necesidade de reformular os mecanismos de conexión entre o pobo e os seus representantes, pois, e así o vemos co nacemento de novos movementos sociais, novos partidos, que pouca relación gardan con partidos convencionais,  e que se están a coar nas Cortes, é preciso un cambio dos instrumentos cos que ata agora a Democracia estaba a funcionar. Un importante sector da cidadanía demanda maior participación, ou se cabe, expresa un desencanto coas políticas que se están a levar a cabo. Os casos de corrupción, a constante toma de decisión que se amparan no ben común, pero que non representan a vontade da maioría, están a facer que agrome no palpitar do pobo unha sensación de baleiro, e de apatía ao ver que a toma de decisión que foi transferida, seguindo o senso da Democracia Representativa, a persoas que manifestasen o clamor popular nas Institucións, non é a axeitada.

Ante esta realidade de disenso entre as políticas que se levan a cabo e a vontade da cidadanía, os partidos políticos, viron a oportunidade, movidos polo clamor dunha parte do pobo, de mellorar os cauces de representación e de rendición de contas, de mudar as leis electorais. Así, comunidades autónomas como Valencia, Madrid, Castela e a Mancha, Estremadura e Galicia, postularon ou abriron a opción de replantexar os marcos electorais co fin de responder a vontade cidadá. Mais como ben expresan os politólogos José Ramón Montero e Pedro Riera, en moitas das súas publicacións que abordan esta temática, “existen dúas motivacións pra reformar un sistema electoral:  as directas, que beben das consecuencias mecánicas que se derivan do funcionamento do novo sistema, e as indirectas que consisten no premio que os votantes outorgan á forza ou forzas políticas que abandeiran o cambio de sistema”. Isto é, as reformas non buscan o contento da cidadanía, se non que máis ben responden a intereses partidistas e a maximización de beneficios por parte dos impulsores de ditas reformas. Seguindo ao tamén politólogo, Katz, hai seis razóns polas cales os gobernantes modifican as leis electorais que precisamente lle permitiron chegar ao goberno, estas, nos casos que vamos a abordar, e no caso galego en concreto, se resumen na pretensión, por un lado, de evitar unha derrota electoral e mesmo incrementar a vantaxe, ata a consecución de obxectivos a medio prazo, como mudar o sistema de partidos.

O certo é que os partidos maioritarios de ámbito nacional, nos últimos anos, caracterizáronse por un discurso baleiro nestas cuestións, e  mostráronse de acordo cun sistema que, polo de agora, funcionou ben, e dentro da proporcionalidade, introducía elementos correctores que permitisen gobernos sólidos e estables, cun baixo multipartidismo. Así, o Partido Popular semella estar contento co funcionamento do actual sistema electoral, que lle outorga unha clara taxa de vantaxe, debida, primeiro polo seu nesgo maioritario, e segundo polo claro nesgo conservador que potencia as rexións menos poboadas e de voto máis afín aos populares. Nun principio AP, falaba dun sistema maioritario, esta vontade, non sería asumida polo PP, unha vez acadaron o poder. No Partido Socialista, semella que nos últimos días, está a agromar a  formulación dunha reforma de calado, e que xa leva tempo soando, que buscaría a introdución dun sistema mixto como o modelo alemán. Mais, o discurso habitual é o de falar en termos de “mellora do nexo de unión entre representados e representantes”, mellora da participación… pero sen nunca  introducir o cambio de modelo. Por outra banda, os partidos minoritarios, como IU, falan de establecer a Comunidade Autónoma como circunscrición e ampliar o parlamento a 400 deputados. UPyD que irrompe nas eleccións de 2008 cunha clara vontade de reforma do “perverso” sistema electoral español, formula un cambio moi acorde ao de IU, que procure a maior  proporcionalidade.

Polo tanto semella que dende os partidos maioritarios, non hai unha clara vontade de reforma, mais pese a elo, diversas Comunidades Autónomas, todas elas presididas polo Partido Popular, nos últimos anos, decidiron responder a vontade dunha parte da cidadanía e facer propostas que camiñasen da man do cambio das súas respectivas leis electorais, servindo deste modo, como captadores desas demandas e potenciadores da súa implementación dentro das Institucións Públicas. Xa que isto se está a dar, cabe preguntarse polo por que desta situación. O certo é que o  funcionamento deficiente dun sistema electoral non é razón suficiente para que este se reforme, como diversos estudos politolóxicos nolo veñen a confirmar. Polo tanto, que buscan estas propostas de reforma? Camiñan da man das demandas de movementos sociais como o 15M?, Procuran a diminución da desproporcionalidade, e acercarse máis a iso de un unha persoa un voto? ou procuran outro interese. Que demanda a cidadanía?, se é que verdadeiramente hai demandas neste eido, fora de certos movementos, que se ben teñen repercusión, non representan a pluralidade.

Para responder a isto, debemos de falar das distintas propostas que estas comunidades autónomas queren implantar. Cabería esperar, que dado que todas as iniciativas veñen do mesmo partido político, fosen similares e tomasen elementos conxuntos, mais a realidade é ben distinta. O PP de Extremadura fala de listas abertas e de primarias para elixir aos candidatos dos partidos, unha temática xa moi soada, que incrementaría a accountability ou rendición de contas, e que viría a responder a esas demandas que tanta repercusión tiveron nos medios, e que foron clamor dos movementos sociais e da opinión pública, de poder elixir aos candidatos dentro dunha lista, unha opción que dende a creación do Senado ven existindo, e que non obstante so emprega un 5% da cidadanía. Por outra banda, Castela-A Mancha, propón o aumento en 4 deputados do Parlamento, pasando de 49 a 53, que é o teito que establece o seu Estatuto de Autonomía. Esta proposta é moi similar á que os socialistas xa introduciran en 2007 cando xa se sumaran 2 escanos. No caso, o goberno de Cospedal, afirma que é preciso a reforma, debido ao aumento poboacional nas circunscricións que se pretenden crezan en un escano, estas son: Toledo, Ciudad Real, Guadalaxara e Cuenca. Tras a realización das simulacións electorais empregando os resultados de 2011, o resultado, cun Parlamento de 53 escanos sería: o aumento de tres escanos para o PP, un por cada unha das provincias que aumentan en un o seu escano, Toledo, Cidade Real e Cuenca, e o aumento de un escano para o PSOE en Guadalaxara. O PP, quedaría con 28 escanos fronte aos actuais 25 e o PSOE con 25, un máis que os actuais 24 escanos. Sen dubida, unha clara manipulación do sistema electoral para aumentar a súa vantaxe electoral. O que non se pode conseguir nas urnas, si se poder conseguir combinando elementos puntuais do sistema electoral.

Mención aparte reciben Valencia e Madrid. No caso de Madrid, a ex-presidenta rexional, Esperanza Aguirre, tras ser reelixida en 2011, no debate de investidura, anunciaba a intención de levar a cabo unha reforma de calado na lei electoral da comunidade, que precisaría mesmo modificar o Estatuto. Xa na súa primeira lexislatura Aguirre falara de modificar a lei electoral, mais finalmente non foi adiante. Desta volta, a expresidenta falaba de dividir a Comunidade en circunscricións uninominais e implantar un modelo mixto como o alemán, con elección directa de 43 parlamentarios dos 129 (voto maioritario) e o resto por voto de lista. Na Comunidade Valenciana, as propostas de reforma que se fixeron no seu día, seguen o camiño que se dispuxo en Madrid, e de novo, semella que hai unha clara querenza pola creación de distritos uninominais, por unha banda, e voto de lista, que complemente o reparto de escanos. Sen dubida, os modelos mixtos, son os que máis aceptación tiveron nas novas Democracias e nas recentes remodelacións das leis electorais dos diversos Estados. En todo caso,  debemos salientar a falta de consenso nas distintas propostas de reforma, por un lado, unhas falan dun cambio total de lei electoral, mentres outras so pretenden mellorar a rendición de contas, ou, supostamente, aumentar a proporcionalidade, ou por outra banda, adecuar o Parlamento a crise económica que sufrimos, como en Galicia. Listas abertas, ampliación do Parlamento, redución do Parlamento, cambio drástico de modelo… non parece haber ningún elemento común nas reformas dos líderes autonómicos do PP, o cal é estraño, pois dende o comité nacional se entende debería de existir certo consenso no gusto por un tipo de reforma do sistema electoral.

O caso galego é de especial estudo, pola dimensión que implica, e polo que aos galegos e galegas nos afecta, por elo cabe un maior desmenuzamento do que a reforma, de se levar a cabo, significaría. Por un lado destacar, a intención de Feijoo, deixándoo patente xa na campaña electoral, de modificar a Lei electoral para establecer un Parlamento de 61 escanos fronte os 75 actuais. Tal proposta, que se argumenta, na adecuación do Parlamento a situación de crise económica, e a un Parlamento máis afín a realidade dos galegos, que non precisa de máis deputados, senón que, e seguindo o Estatuto de Autonomía, que establece entre 60 e 80, se pode representar a cidadanía galega, con tan só 61 parlamentarios, 14 menos que na actualidade. A proposta, dende o seu inicio non contou co apoio das restantes forzas políticas con representación, que ven unha diminución de representantes da cidadanía nas Institucións, e polo tanto un menoscabo, aos principios da Democracia representativa.

A reforma que quer levar a cabo o Partido Popular, fai que se deba facer un novo reparto de escanos por circunscrición. Tal é como di a Lei 8/1985 cada Provincia parte de 10 escanos, o restante débese asignar seguindo criterios poboacionais , no caso da proposta de reforma, 21 escanos. Tras a realización do prorrateo electoral, empregando o censo a data de un de xaneiro de 2013, A Coruña pasaría de 24 escanos a 18 escanos, Lugo de 15 a 13, Pontevedra de 22 a 17 e Ourense de 14 a 13. Como vemos as urbes máis poboadas son as que máis infrarrepresentadas quedan, mentres que as menos poboadas,  e con nesgo maioritario, apenas notan a modificación que imporía a nova  lei electoral. Tras realizar o reparto dos escanos, e seguindo os resultados electorais dos pasados comicios de 2012, os resultados para 2016 de se producir a reforma que pretende aprobar o Partido Popular serían os seguintes:

Polo tanto, o PP mantén a vantaxe fronte aos restantes partidos, que diminúen en escanos e restan a súa xa escasa forza como oposición. Seguindo a Montero e Riera, a reforma pode ter tras de si a intención, por un lado de responder a emerxencia de novos partidos que entraron con forza, e polo tanto mudar no longo prazo o sistema de partidos, e por outro banda, buscar, mediante a coartada do aforro nun contexto de crise, conseguir unha maior taxa de vantaxe. Importante destacar que a proposta reduce o número de escanos que se reparten con criterios poboacionais, e non toca os de atribución directa para manter o nesgo maioritario. En todo caso, e como di o mestre Sartori: "Electoral System is the most specific manipulative instrument of politics".

Nota: O presente artigo é un primeiro resumo/adaptación dunha investigación máis ampla que desenvolvo titorado por Don José Ramón Montero, Catedrático da Universidade Autónoma de Madrid.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.