A decisión de Beiras

Nunha entrevista neste mesmo medio Antón Gómez-Reyno definía a Podemos como “a ferramenta esencial de cambio no Estado Español”. É un marco mental ao parecer moi compartido, dado que notables dirixentes de Anova tenden a repetilo como unha verdade autoevidente, pero, creo, é unha idea fundamentalmente errónea e/ou falaz. Visto dende hai un ano podería parecer que a irritación xeneralizada da poboación podía forzar unha grande onda de cambio político que modificase as regras da conduta social, esas que van dende o marco legal a esa mentalidade media que, por certo, viviu un enorme proceso de arrefriamento conservador nas últimas décadas. Unha grande onda de cambio é iso: unha transformación da atmosfera. Unha nova relación de forzas parlamentaria, nesa hipótese, podería, dun lado, reverter a deconstrución do Estado de Benestar levada a cabo con grande determinación baixo o pretexto da crise iniciada no 2008 e, por outro lado, poñer as bases dun novo comezo. A famosa ruptura co réxime do 78 ben baixo a modalidade reformista, ben baixo a modalidade da ruptura.

Non entrarei a discutir se o mero cambio na relación de forzas nos parlamentos e municipios abonda para mudar a relación de forzas. Resulta evidente  que este é un elemento necesario pero non semella que resulte suficiente. Tampouco axuda nada o adanismo daqueles que reifican a marca Podemos, ignorando as súas debilidades: a inconsistencia da súa base social, a debilidade organizativa, a incapacidade para transformar mentalidades a longo prazo. Nin os erros dos seus dirixentes, pretendendo atar, mediante listas prancha e unha certa arrogancia de novo rico político, o movemento social que, pola súa propia natureza, tende a desbordar a forma partido. Ese adanismo é comprensible nunha xeración que cre estar vivindo o seu momento, pero os que somos algo máis vellos podemos asegurar, con ese punto de distancia que dá a experiencia, que efectuar unha transformación dese callado é moi duro e difícil. Na hoxe deostada Transición o caudal social e político era moito máis forte e xa se viu como acabou, non tan mal como algúns pretenden pero certamente concedéndolle un grande peso ás eternas elites que manexan o Estado como se fose patrimonio propio.

Podemos está lonxe de ser capaz de forzar un proceso constituínte. Se acaso, podería contribuír a que o cambio constitucional non sexa en sentido regresivo, o que ben puidera suceder

Sexa coma for, e á vista da evolución última dos acontecementos, non parece que esteamos as portas dunha revolución democrática. Primeiro, porque todo parece indicar que o PP está conseguindo convencer á xente  do mantra da recuperación ou, en todo caso, reducir a indignación establecendo un período de tregua da desmontaxe do benestar ata que pasen as eleccións. Está en marcha un proceso de momentánea recuperación da calma social. Segundo, porque a evolución das enquisas coloca a Podemos como unha especie de IU ampliada. Visto dende hoxe, Podemos está lonxe de ser capaz de forzar un proceso constituínte. Se acaso, podería contribuír a que o cambio constitucional non sexa en sentido regresivo, o que ben puidera suceder. Ao final, parece moi probable que se vexa forzado a apoiar ao PSOE, probablemente sen participar no goberno. Ou si. Non é algo sen importancia, pero tampouco para subirse ao curuto do poleiro. Vai haber cambio en España, si, pero moi conciso e circunspecto. E veremos en que dirección.

Por outro lado Podemos, coma o PSOE, está xogando á ambigüidade calculada no outro grande tema que concita o interese de España: a cuestión da plurinacionalidade do Estado, que forma parte de calquera programa que busque a súa democratización. Probablemente os seus estudos demoscópicos aconséllanlles esa prudencia. Pero sucede que as próximas eleccións xerais van estar marcadas pola confrontación entre Rajoy e a candidatura de Junts pel Si. Está claro que o dramatismo que o PP vai introducir na campaña electoral vai ser extremo. O PP xulga, probablemente con razón, que a xente que quere estabilidade e orde, ese centro neurálxico da sociedade española, vai asustarse ante a evolución catalá. Por non dicir que, en España, a opinión maioritaria é españolista, tal e como en Cataluña é catalanista.  Nese terreo estratéxico a confrontación pode darlle rédito electoral ao PP, e escurecer a PSOE e Podemos. A axenda social vai a estar moi condicionada por non dicir que subordinada  –ao menos na esfera mediática-, á demanda de recoñecemento nacional de Cataluña, que vai marcar o momentum electoral. O nacionalismo español vai a inflar as súas bandeiras despois da previsible vitoria dos independentistas o 27-S.

A axenda social vai a estar moi condicionada por non dicir que subordinada á demanda de recoñecemento nacional de Cataluña, que vai marcar o momentum electoral

E cal é a tradución de todo isto entre nós, para o caso galego?. Non hai que enganarse, esa confrontación introduce un bo marco tamén para o PP galego. E diminúe o potencial da posible ventá de oportunidade que parecía abrirse para os seus opoñentes. En Cataluña a opinión maioritaria é catalanista pero en Galicia non é galeguista, signifique isto o que signifique. E hai segmentos francamente españolistas, signifique isto o que signifique. Na confrontación aberta parece probable que o lado máis débil vaia a saír máis danado: parece obvio. Para que as cousas resultasen doutra maneira tería que producirse unha conxunción astral que non se intúe por parte ningunha. Pero, en fin, meigas habelas hainas, segundo din..

Nestes días hai un grande debate en Galicia que trata sobre quen ha de ir con quen e cal ha de ser a candidatura resultante. Farían ben os encargados de chegar a puntos de encontro en reparar na fortaleza allea e na debilidade propia que só pode aliviarse se se actúa con intelixencia. Trátase de acordar unha candidatura de amplo espectro, que evite o minifundismo, pero tamén de articulala dun modo que resulte convincente. O 24 de maio e o subsecuente entusiasmo no que un feixe de individuos están instalados non pode funcionar como un estupefaciente ou un alucinóxeno que faga esquecer o peso das realidades políticas máis elementais para quen viva en Galicia. Esa candidatura, ademais, tería que ter na súa perspectiva o horizonte das eleccións autonómicas. A gobernabilidade do país, en suma. Así que a súa pluralidade e o peso das persoas que lle concedan apoio debería –xa se ve que uso os verbos en modo desiderativo- conferirlle un singular poder de atracción. Digo todo isto con esperanza, pero tamén coa pertinaz sensación de que o máis probable é que acabe todo, como di o refrán español, “facendo un pan como unhas hostias” . É o que ten ter vivido cousas parecidas no pasado.

Farían ben os encargados de chegar a puntos de encontro en reparar na fortaleza allea e na debilidade propia que só pode aliviarse se se actúa con intelixencia

Polo demais, non vai haber un proceso constituínte en España nin, polo tanto, en Galicia. Ao menos, un que provoque esa enorme transformación do Estado que algúns desexamos. Só se na lexislatura seguinte o tecido social segue rachando, despois dunha nova rolda de esixencias da troika podería abrirse esa posibilidade, que non xulgo probable. Vai haber, si, previsiblemente, unha reforma constitucional que encaixe a Cataluña. O que o PP busca é forza para liderar esa reforma no Parlamento que naza das próximas eleccións. Cataluña, a revolta cívica catalá, será a causa máis probable da transformación constitucional de España. As outras opcións –a independencia ou a solución autoritaria- parecen descartables aínda que é certo que, se algo pode estar fóra de control en España e saírse do guión iso é o desafío catalán. Non hai que ser nacionalista para velo. É cousa de sentido común.

A carga da proba está nestes momentos sobre todo en Anova que é a forza que está no medio e a bisagra que abre e pecha portas

A presión que iso introduce en Galicia, ao menos no ámbito nacionalista e galeguista, é enorme porque ben podería suceder que despois da excepcionalidade vasca recoñecida na Constitución, unha hipotética reforma dese texto legal contemplase o recoñecemento da sociedade diferente que Cataluña sen dúbida é. Iso deixaría á marxe a Galicia e moi tocadas as súas propias ansias de recoñecemento, tal vez dun modo irreversible. Tamén por iso, unha candidatura unitaria tería que ser necesariamente bifronte en Galicia, porque unha que fose puramente nacionalista sería, segundo todos os indicios, impotente. No entanto tampouco vai ser a axenda social a que marque o paso nunhas eleccións tan cargadas polo clima que introducirá a previsible vitoria de Junts pel Si e a dramatización posterior que o PP inducirá. Dito de fronte: Podemos, por si só dificilmente podería obter bos resultados estando en curva descendente. Así que a carga da proba está nestes momentos sobre todo en Anova que é a forza que está no medio e a bisagra que abre e pecha portas. Anova é a que pode decidir se oscila sobre un pivote ou sobre o outro. Moi especialmente Xosé Manuel Beiras que todos sabemos que é o elemento central sobre o que pesa –e nunca mellor dito neste caso- a decisión. Ao final é o seu lombo o que vai a levar a carga das pouco predicibles consecuencias futuras que implique esa toma de posición.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.