A estafa das débedas (I)

Entre as moitas ensinanzas que nos deixa a gran recesión non é a menos relevante que aquilo que as elites dominantes e os seus medios altofalantes –que son maioría- nos contaron sobre as causas da crise financeira foi toda unha sarta de mentiras. Mentiras coas que intentaron tapar a súa enorme responsabilidade tanto na crise financeira como na posterior grande recesión, seguramente unha das mais grandes na historia do sistema capitalista.

Se facemos memoria lembraremos que estas elites tentaron convencernos de que a crise financeira fora consecuencia de que “viviamos por riba das nosas posibilidades”. En termos macroeconómicos que a demanda superaba a oferta, o que tería provocado que se dispararan os déficits e as débedas públicas e que se producira o colapso económico. Feito o diagnóstico, déficits e débedas públicas excesivos, o remedio aparecía doado: había que corrixir eses desequilibrios, había que frear as demandas pública e privada. Así puxéronse en marcha políticas procíclicas de axuste fiscal e rebaixa salarial (acertadamente coñecidas como políticas austericidas) quen lonxe de corrixir aqueles supostos desequilibrios provocaron a grande recesión económica. 

Non podía ter sido doutro xeito. En primeiro lugar puido comprobarse a gran mentira en que se apoiaba o diagnóstico das elites: a crise financeira non fora provocada polos excesivos déficits e débedas públicas xa que non eran tales. Así no ano 2008 nin España nin Galiza tiñan unhas débedas públicas elevadas: si a débeda pública española ascendía a 450.000 millóns de euros que equivalían ao 39,5% do PIB, a débeda pública galega era de 3.950 millóns de euros equivalentes ao 6% do PIB. En segundo lugar o que non dixeron esas elites, pero que quedou en evidencia axiña, era que si había un problema de débedas este era de débedas privadas. Unhas débedas privadas que, no conxunto do estado español, superaban os 3,5 billóns de euros que equivalían ao 330% do PIB.  Finalmente tampouco se dixo que o maior debedor privado era o sistema bancario –bancos e caixas- cuxa débeda superaba os 1,5 billóns de euros que equivalían ao 140% do PIB español. Unhas débedas derivadas do excesivo apalancamento no que se meteran para financiar a burbulla inmobiliaria. Unhas débedas privadas excesivas que si afectaron a demanda  colaborando así ao estoupido da grande crise.

Unha vez estendida a grande mentira estas elites procederon a montar a grande estafa. A recuperación económica so podía producirse, dixéronnos aquelas, si se atallaban os supostos males: os excesivos déficits e débedas públicas. Había, xa que logo, que fixar os obxectivos fiscais que permitiran saneala economía (3% do PIB de déficit, 60% de débeda pública segundo o tratado de Maastricht) para así poder entrar na senda dun crecemento sostido e prolongado. Obxectivos que, segundo estes profetas do austericidio, esixían duras políticas de axuste fiscal e rebaixa salarial.

Políticas que nembargante non so non trouxeron a anunciada recuperación económica senón que provocaron a grande recesión sen sequera conseguir os obxectivos fiscais prometidos. Así logo de case unha década de políticas austericidas a débeda pública española disparouse (2017) ata superar o valor de 1 billón de euros (98,5% do PIB), e a débeda publica galega situouse por riba dos 11.200 millóns de euros (19,5% do PIB). En definitiva ámbalas dúas débedas multiplicaron o seu valor converténdose así en insostibles pois medran moi por riba do que medran ambas economías: a débeda pública galega, por caso, tivo un crecemento medio anual do 28,5%.

Analizando en detalle a dinámica da débeda pública galega –noutro artigo analizarei a débeda española-, tendo como fonte os respectivos Orzamentos da Xunta de Galicia, comprobamos como durante os mandatos de A. Núñez Feijoo (PP), ao fronte da Xunta de Galicia, a débeda pública galega multiplicouse por mais de tres (+320%). Por si isto non fora suficiente durante este período a Xunta de Galicia fixo pagos por servizos desa débeda equivalentes a 11.000 millóns de euros (2.500 en xuros e 8.500 en amortizacións), cifras que nos subliñan como a pesares de ter pagado un importe claramente superior ao valor inicial da débeda (+275%) esta non parou de medrar (+320%).

Unha estafa que queda mais en evidencia cando se comproba que mentres no ano 2009 –ano da chegada do Partido Popular a Xunta de Galicia- un 45% (395 millóns de euros) dos ingresos por débeda (850 millóns de euros) foron para os pagos por servizos da mesma e un 55% (455 millóns de euros) destináronse a financiar servizos públicos, infraestruturas, gastos de funcionamento, etc. No ano 2017 a situación foi radicalmente distinta: os pagos por servizos da mesma (1.850 millóns de euros) representaron o 92,5% dos ingresos por débeda (2.000 millóns de euros) quedando so un 7,5% (150 millóns de euros) para financiar outros gastos. Velaí a grande eficiencia como xestores dos actuais responsables da Xunta de Galicia!: débeda (ingreso) para financiar case exclusivamente débeda (gasto) sen por elo evitar que esta sega medrando. Un negocio redondo para os bancos si temos en conta que preto do 25% da mesma son prestamos bancarios directos e un 50% é débeda co Estado que, na súa maior parte, son tamén prestamos bancarios.

Finalmente sinalar que, a pesar dos recortes no gasto público (-25% en termos reais), o recurso a débeda para financiar os Orzamentos por parte da Xunta de Galicia é cada vez maior, pois si no ano 2009 os ingresos por débeda supoñían 8% dos ingresos totais no ano 2017 ascenderon ao 18,5%. Estamos así diante dunha Xunta de Galicia que paga cada vez máis pola débeda sen evitar, senón todo o contrario, estar cada vez mais endebedada. Velaí a grande estafa.

Galicia, con A. Núñez Feijoo ao fronte da Xunta, entrou no labirinto das débedas públicas: moi fácil entrar pero moi difícil saír. Difícil saída pero non imposible como están demostrando, a pesares dos atrancos que lles pon o ministro de Facenda Cristobal Montoro, os chamados “concellos de cambio”. So hai que ter vontade para cambialas políticas austericidas que alimentan as débedas.

Publicidade

{C}{C}{C}{C}

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.