A grande evasión do forte San Cristóbal-Ezkaba

Unha efeméride que pasa desapercibida no noso país: a gran fuxida de presos do penal de San Cristóbal, un lugar de infausto recordo para centos de galegos que foron parar alí dende cárceres e campos de concentración como San Simón, Camposancos, A Coruña, Pontevedra...

Para Anxo Doval

Neste mes de maio que andamos ten lugar, un ano máis, unha efeméride que inexplicabelmente pasa desapercibida no noso país: a gran fuxida de presos do penal de San Cristóbal - ocorrida o 22 de maio de 1938 -, un lugar de infausto recordo para centos de galegos que foron parar alí dende cárceres e campos de concentración como San Simón, Camposancos, A Coruña, Pontevedra... Unha evasión que tivo lugar apenas un ano antes de rematar a Guerra Civil, coa República ofrecendo unha última e desesperada resistencia ante o imparábel avance franquista, e cando faltaban dous meses para o inicio da decisiva batalla do Ebro.

O penal de San Cristóbal está situado a escasos dez quilómetros de Pamplona, no cumio do monte Ezkaba, nun lugar de difícil acceso e relativamente illado. Alí, unhas antigas instalacións militares - escavadas na roca entre 1877 e 1919 e reconvertidas en cárcere dende 1934, tras o levantamento revolucionario de outubro - foron o escenario dun panorama carcerario caracterizado por unha dureza extraordinaria. A miseria, a fame, a falta de hixiene, o trato inhumano e cruel dos militares e funcionarios encargados de vixiar o penal e un número de presos moito máis elevado do que o lugar podería soportar, foron os seus tráxicos sinais de identidade.

O penal de San Cristóbal está situado a escasos dez quilómetros de Pamplona, no cumio do monte Ezkaba, nun lugar de difícil acceso e relativamente illado

Por suposto, entre aqueles presos houbo moitos galegos. Dos case cinco mil condenados que pasaron por San Cristóbal entre 1936 e 1945, 654 proviñan de Galiza. De feito, o primeiro continxente galego chegou ao forte o 14 de decembro de 1936. Eran nove persoas procedentes de Lugo, xulgadas en consellos de guerra e condenadas a reclusión perpetua por defender o réxime legal e constitucional republicano.

O domingo 22 de maio de 1938, a noitiña, un grupo de presos liderados polo comunista Leopoldo Picó comezou a desenvolver un plan de evasión que xa estaba estudado con anterioridade. Pouco a pouco foron reducindo aos gardas e abrindo as portas do forte. Naquel momento malvivían alí 2487 presos. Non todos optaron pola saída e moitos permaneceron aterrados dentro das instalacións do penal. Outros, 795, decidiron evadirse coa intención de alcanzar a fronteira francesa, distante uns cincuenta quilómetros daquel inferno. Mais, como fuxir naquelas condicións, esfameados, con pésimo calzado, sen luz e sen saber certamente cara onde correr? A pronta chegada de forzas procedentes de Pamplona acelerou a traxedia.

Daqueles 795 fuxidos só tres alcanzaron Francia. 585 foron capturados, a maioría ao día seguinte, perdidos no monte ou nas aldeas próximas e levados outra vez cara o penal. O último detido foi apresado o 14 de agosto: chamábase Amador Rodríguez Solla e era natural de Salceda de Caselas. Outros 207 presos foron asasinados con frialdade no momento de ser detidos e soterrados no monte como se de animais se tratara. Aínda hoxe permanecen 22 sen identificar. Os 14 organizadores da fuxida foron xulgados en Pamplona en agosto de 1938 e fusilados.

Entre os evadidos case douscentos tiñan orixe galega e 54 morreron na tentativa. Outros, como José Antúnez, do Grove, Benito Pastoriza, de Bueu, ou Antonio Sarceda, de Becerreá, faleceron no interior do forte vítimas de enfermidades

Entre os evadidos case douscentos tiñan orixe galega e 54 morreron na tentativa. Outros, como José Antúnez, do Grove, Benito Pastoriza, de Bueu, ou Antonio Sarceda, de Becerreá, faleceron no interior do forte vítimas de enfermidades. Todos eles arribaron a Pamplona con condenas firmes en consellos de guerra e case todos foron condenados a reclusión perpetua acusados de rebelión militar. En realidade, aqueles homes defenderon a legalidade republicana e foron xulgados e condenados polos únicos rebeldes nesta historia: os militares golpistas.

Non houbo entre eles líderes políticos nin intelectuais nin artistas. Eran xente do común: labregos, mariñeiros, canteiros, albaneis. Moitos militaban na CNT

Que ninguén busque entre os nomes daqueles galegos presos a persoas relevantes ou especialmente significadas. Non houbo entre eles líderes políticos nin intelectuais nin artistas. Eran xente do común: labregos, mariñeiros, canteiros, albaneis. Moitos militaban na CNT. E malia unha mesa redonda celebrada en Compostela a principios de marzo de 2015 baixo o título Que aflore o soterrado, coa participación de destacados historiadores e especialistas na materia como Lourenzo Fernández Prieto, Eliseo Fernández, Andrés Domínguez, José Novás, Antonio Míguez e Xosé Ramón Pousa, na que foi tratada a cuestión polo miúdo, a día de hoxe descoñecemos os nomes daqueles galegos que aínda permanecen sen unha homenaxe que dignifique a súa memoria. Galegos inocentes que merecen un recoñecemento público xa.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.