A Lei de Amnistía de 1977 e a impunidade franquista

Neste mes de outubro que andamos, hai catro décadas foi aprobada polo Congreso dos Deputados a chamada Lei 46/1977, do 15 de outubro, de Amnistía. A iniciativa dos representantes do PCE e coa aquiescencia dos integrantes da extinta UCD, do PSOE e dos nacionalistas vascos e cataláns, o proxecto saíu adiante nun pleno celebrado o día 14. Unicamente a Alianza Popular de Manuel Fraga Iribarne –que nin tan sequera participou nas discusións da Comisión Parlamentar–  decidiu absterse. Aquel día, o ex-ministro franquista e entón deputado Antonio Carro declarou: “A lei non é boa medicina”. O texto entrou en vigor tres días máis tarde, cando foi publicado no Boletín Oficial del Estado e asinado polo Rei Juan Carlos e o presidente das Cortes Antonio Hernández Gil.

A Lei de Amnistía tiña un claro obxectivo: baleirar os cárceres de presos políticos antifranquistas e sacar ás rúas a milleiros de homes e mulleres condenados por participar, en calquera grao, na loita contra a ditadura. Con todo, os resortes da Transición fixeron agromar un aspecto indesexábel que rematou por equiparar vítimas e verdugos, facendo da Lei un instrumento válido para a impunidade e o esquecemento dos crimes cometidos durante catro longas décadas.

A anterior afirmación ten a súa base nun feito fundamental: a inclusión de dous apartados no articulado do texto, en concreto no seu artigo segundo. Alí, o punto e) contempla a amnistía dos “delitos y faltas que pudieran haber cometido las autoridades, funcionarios y agentes del orden público, con motivo u ocasión de la investigación y persecución de los actos incluidos en esta Ley”. E por se non quedaba claro, o seguinte apartado, f), perdoa os delitos cometidos “contra el ejercicio de los derechos de las personas”. Todo un despropósito.

Os dous apartados citados foron incluídos na redacción da Lei a última hora e por iniciativa da UCD, un grupo heteroxéneo que, como Alianza Popular, recollía a herdanza do réxime franquista para salvagardar os seus propios intereses. O que resulta inexplicábel é como os propios comunistas aprobaron o texto e, sobre todo, faise difícil entender as palabras de Jaime Sartorius –deputado do PCE e integrante daquela Comisión– cando cualifica de arbitrario e sen fundamento defender que a Lei de Amnistía perpetuou a impunidade do franquismo. Ao noso entender, a Lei de Amnistía actuou –e actúa– como unha máscara para agochar unha lei de punto final. Dende logo, era prioritario liberar os presos, mais a calquera prezo?

O certo é que a Lei do 77 traballa como dique de contención ante as reclamacións que esixen unha investigación xudicial dos crimes do franquismo. Así o declarou o propio Tribunal Supremo nunha sentenza do 2012 cando afirmou que o texto aprobado hai corenta anos constituía “un pilar básico e insustituible de la Transición española”. Deste xeito, axuizar os crimes do franquismo resulta imposíbel. O poder xudicial non se detivo aí: ao Tribunal Supremo deberiamos engadir a Audiencia Nacional e a súa fiscalía que, nun par de ocasións, desestimou enviar á Arxentina a case vinte cidadáns españois reclamados para que declararan sobre supostos crimes de dereito internacional. Tamén a Fiscalía Xeral do Estado “aconsellou” aos xulgados que non colaboraran coas peticións da xustiza arxentina e as súas reclamacións.

O poder lexislativo tampouco quere saber nada e négase a escoitar calquera petición de auxilio. Non hai un ano transcorrido dende que a uniformidade de PP, PSOE e Ciudadanos botou abaixo unha tentativa para reformar a Lei de Amnistía. Cinco anos antes, cos mesmos argumentos, os protagonistas foron, ademais dos citados populares e socialistas, os deputados de CiU. Para todos eles, non ten cabida a investigación de torturas, desaparicións forzosas ou crimes de lesa humanidade. Mentres, os familiares de máis de 114.000 desaparecidos, repartidos en 2.500 foxas comúns, suspiran por unha xustiza que non chega. Xustiza que non chega tampouco para os torturados, para os encarcerados. Todos agardan sen esperanza. 

Así, tanto a Organización de Nacións Unidas e o seu relator especial, Pablo de Greiff, como Amnistía Internacional e a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, entre outras, afirman que o Goberno español actúa con displicencia cando se trata de dilucidar as graves violacións dos dereitos humanos ocorridos durante a Guerra Civil e a ditadura. Aínda máis: o Estado español esquiva toda busca da verdade, da xustiza e da reparación das vítimas. Iso, malia asinar o Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos.

A Lei de Amnistía de 1977 impide á xustiza actuar en casos imprescritíbeis. Con todo, sempre quedará o Tribunal Supremo para paralizar calquera tentativa de xustiza e solidariedade coas vítimas da represión franquista.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.