A necesaria actualización ideolóxica das esquerdas en tempos de colapso

* Este artigo está baseado nun texto recollido no libro “A Esquerda ante o colapso da civilización industrial. Apuntamentos para un debate urxente”, recentemente traducido ao castelán e publicado pola editorial La Oveja Roja.

Estamos a esperar demasiado da esquerda política cando reclamamos que abandone o seu discurso produtivista, embebido do mito do progreso perpetuo? Se a política é —na coñecida definición pragmática— a arte do posible, como afrontar entón, dentro dela, aquilo de fixérono porque non sabían que era imposible? Dito en termos dos diversos niveis que compoñen as nosas sociedades: erramos ao agardarmos unha mudanza no máis profundo nivel cultural que parta do superficial nivel político? Se o que precisamos é unha conversión de tipo antropolóxico, resulta inútil buscala en organizacións que son froito doutra concepción totalmente diferente do lugar do ser humano na biosfera? Deberemos admitir, como naquela canción de The Police, que “there is no political solution to our troubled evolution”? Eu quero crer que non.

E non son o único, pois unha minoría de pensadoras e pensadores —que se remontan como pouco a Manuel Sacristán—, querían ver esa misión no socialismo; e, se cadra con máis frecuencia, tamén llo reclamaron algúns ao anarquismo. Eu aférrome a esas propostas que son tamén políticas coma o Decrecemento, a Economía Ecolóxica, o Ecosocialimo, o Anarcoecoloxismo, o Bo Vivir, a Simplicidade Voluntaria, o Ecofeminismo, o Camiño da Simplicidade de Ted Trainer... e a esas iniciativas concretas e locais que xorden nas ecoaldeas, nas Transition Towns ou nas cooperativas integrais, que están a demostrar que o imposible é factible, aquí e agora.

Velaí é onde deben estar agora presentes e activas as esquerdas se queren tomar parte na revolución en marcha, participando nesas experiencias transistema, poscapitalistas ou poscrecemento e achegando a elas os principios éticos cardinais da esquerda histórica, cargándoas de significado político e dotándoas —sen pretensións de dirixismo— da perspectiva necesaria para se integraren nunha estratexia de transformacioń/superación/substitución do sistema socioeconómico capitalista e industrial. A persoa militante de esquerdas que entrar nestes colectivos debe facelo, por suposto, con humildade, desprendéndose de moitos deses prexuízos e sesgos dos que falo no meu libro A esquerda ante o colapso da civilización industrial, apostando pola praxe política e renunciando a moita da súa teoría revolucionaria pasada, coa ilusionante intención de aprender e trasladar á práctica o desexo de vivir sen capitalismo, pero co obxectivo lexítimo e necesario de influir nestas iniciativas —que en ocasións poderiamos dicir que pecan de prepolíticas— para que se autoconciban como tales prácticas revolucionarias, como xermolos da nova civilización.

En realidade, a necesaria reorientación que lles reclamamos ás esquerdas, a actualización do seu pensamento ao novo escenario civilizatorio que se abre, non debería ser tan inasumible pois non é máis que unha fonda fidelidade aos seus valores diferenciadores (a defensa do comunal e a loita contra todo tipo de opresión e desposuimento), cunha visión ampla dos cánones da esquerda. Velaí os apuntamentos ecolóxicos na obra de Marx que numerosos autores teñen salientado1, ou a coñecida previsión de que as contradicións implícitas do capitalismo o acabarían destruíndo, que se pode recuperar en clave entrópica. Como di Federico Ruiz: “para un marxista non especialmente dogmático, superar este produtivismo mantendo o fundamental do corpus teórico marxiano non debiera ser tarefa complicada”2. Tamén hai quen reclama que se recupere o diálogo “entre a tradición marxista clásica e os seus precedentes teóricos”3.

A ese requisito para o desenvolvemento dunha nova teoría política da esquerda postindustrial, habería que engadir unha nova solidariedade estendida ás xeracións futuras e ao noso propio e inmediato mañá: isto é, non loitarmos só pola obreira que despediron hoxe senón tamén pola labrega que ela mesma será mañá e polos seus fillos que tamén han depender da terra para subsistiren, como veu facendo a inmensa maioría da nosa especie durante o 99% da súa historia. Iso implica decatarse de que o gasóleo que hoxe gasta a fábrica na que traballa esa obreira, se cadra era mellor conservármolo para o tractor que poida cultivar o pan que han de comer os seus netos ou a ambulancia que leve o seu fillo a un hospital comarcal ou simplemente para a bomba que subministre auga á súa casa. Se non é o obxectivo da política de esquerda buscar o mellor para todos, o que o é? Se non vai ser a esquerda quen procure non comprometer o noso futuro polos beneficios do presente, de quen o podemos esperar?

A chave está en comprender que a sociedade emancipada non pode ser unha sociedade consumista-industrial, unha sociedade da opulencia material e enerxética, e xa que logo o obxectivo non se debe limitar a substituír o capitalismo polo socialismo deixando intacta a cultura e o modelo civilizatorio industriais, pois esa irresponsabilidade só podería conducir a un tráxico camiño sen saída. É preciso entender que a emancipación só é posible se sobrevivimos ao colapso e que, en consecuencia, os movementos deben ser pola emancipación e mais pola supervivencia, por usarmos os acertados termos que defende Jorge Riechmann.

É preciso, e moi urxente, ampliar a perspectiva e comprender que trascender o capitalismo debe ir moito máis alá do que pretendeu a esquerda historicamente, e debe estar acompañado por —máis ben inscrito en— a transición a outro modelo de civilización poscrecemento e postindustrial compatible cos límites da biosfera. Ou diría máis aínda: non só compatible coas súas limitacións e outros condicionantes físicos, senón profundamente integrada nela, nunha sorte de biomímese civilizatoria4. Arnau Montserrat fala dun novo contrato social, que sen dúbida é un concepto necesario nunha nova civilización —aínda que el non chegue tan lonxe nos termos—, e propón algúns pasos básicos para chegar a el desde posicións que non renuncien a un certo populismo5:

Tal vez ha llegado el momento de resignificar la "austeridad" y crear un nuevo contrato social basado tanto en el afán de supervivencia como en el deseo de igualdad. El trato vendría a ser: vamos a garantizarnos entre todos los comunes básicos: agua, energía, vivienda, trabajo, comida, cultura... y a cambio nos vamos quitando de los caramelos que se están cargando ahora el planeta. Pero para llegar a eso hay que empezar a deconstruir las nociones convencionales de valor, capital, inversión y riqueza, que no son útiles en esta tarea. Y a popularizar que los almacenamientos más importantes de valor futuro no son las urbanizaciones fantasma o las bolsas de gas de esquisto, sino el suelo fértil con un alto contenido de humus; los bancos de peces, los reservorios de agua o las construcciones solares pasivas.

Se a esquerda parte da realidade física e enerxética, non pode senón chegar a estas conclusións. O resto é facer unha política gravemente irresponsable a partir duns castelos no aire que se están a esvaecer por momentos. E actuar así significaría entregarlle toda a forza e potencialidade da crecente carraxe social ante a frustración da promesa histórica do progreso perpetuo, a unha extrema dereita que ha dirixir o colapso civilizatorio nunha dirección traxicamente insolidaria.

 

1- Como exemplo, John Bellamy Foster (2004): La ecología de Marx. Materialismo y naturaleza, El Viejo Topo.

2- Federico Ruiz: “De economistas y servidumbres”, Última Llamada (19/01/2015).

3- Miguel Fuentes Muñoz: “Por una nueva conferencia de Zimmerwald para enfrentar el desastre planetario. Nota introductoria”, Rebelión (08/04/2015)

4- Jorge Riechmann (2006): Ensayos sobre imitación de la naturaleza, ecosocialismo y autocontención, La Catarata. Ideas similares á biomímese podémolas atopar noutros autores como Nicholas Georgescu-Roegen, Howard T. Odum, Barry Commoner, Ramón Margalef, os teóricos da Permacultura, etc.

5- Arnau Montserrat: “¿Podemos aspirar a un populismo ecologista?”, El Diario (25/12/2014).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.