A propósito de Montoro: desviacións, cifras e culpabilidades

Hai uns días o pintoresco ministro de Facenda explicaba o desvío do obxectivo de déficit público do ano 2015 cargando boa parte da culpa nos tratamentos para a Hepatite C. Sen dúbida a mensaxe que pretendía deslizar con esa xustificación é a de que se o goberno incumpriu co que ata o último momento se empeñou en afirmar que acadaría foi debido ao seu humanitarismo. Vinculando tratamentos para o VHC e déficit buscaba sen dúbida a complicidade de quen recibe esa información, ao tempo que transmitir a mensaxe subliminar de que este goberno non escatima recursos en materia de sanidade pública, mesmo se a dotación deses recursos levan ao incumprimento dos sagrados compromisos orzamentarios impostos desde Bruxelas.

O certo é que se iso fose así non poderíamos máis que aplaudir a xestión gobernamental. Un goberno que supedite o resultado das contas públicas ao mantemento do gasto sanitario é, desde o punto de vista das organizacións de doentes e defensoras da sanidade pública un aliado ao que apoiar, en realidade unha aspiración política inspiradora. Mais resulta que nada hai de certo detrás desta manobra de ilusionismo nada sutil, na que o que o que se quer agochar resulta tan evidente como o coello que asoma as súas orellas polo borde do chapeu antes de que o mago introduza nel a man.

Para comezar, se damos por boa a cifra aportada polo ministro de 1.080 millóns de euros destinados a estes tratamentos, iso significaría o 10% do desvío de gasto que está a explicar. Mais, mesmo esa cifra é un engano. En primeiro lugar porque non se lle resta a cantidade que se destinaba anteriormente a tratamentos de moi escasa eficacia para a enfermidade, o que xa diminuiría por si só ese importe. Por outra parte, non hai ningún xeito de contrastar a cantidade que di o Ministro que se destinou a curar a Hepatite C. Lembremos que as actas da Comisión Interministerial de Precio de los Medicamentos nas que se substanciaron os acordos coas tres grandes farmacéuticas que producen os fármacos para o tratamento do VHC foron declaradas secretas polo goberno, de xeito que non coñecemos o custe real de ningún deles nin podemos contrastar cal foi o volume real de gasto.

Tampouco é nimia a cuestión de que pagar un prezo ou outro é unha decisión política, xa que os gobernos tiñan e teñen instrumentos legais, de acordo coa normativa internacional, que permitirían a licencia obrigatoria do produto, o que ven a ser producilos como xenéricos pagando unha cantidade pequena por unidade producida ao propietario da patente. Tendo en conta que a dispensación dos fármacos, urxente e de evidente prioridade, é practicamente a única das catro liñas estratéxicas do Plan Estratéxico que se está a cumprir só podemos chegar á conclusión de que ese gasto foi asumido dentro da estratexia, ideoloxicamente orientada e que o goberno desenvolve de xeito coherente e implacable, consistente en transferir máis e máis recursos do sistema sanitario a compañías privadas mentres se reducen os investimentos nun sector público cada vez máis precarizado. Só temos que lembrar que a redución do orzamento de Sanidade no estado entre 2010 e 2015 foi de 24.500 millóns de euros (en Galicia no ano 2015 destinouse á sanidade globalmente un 20% menos que no orzamento máis alto do mesmo período, e un 30% menos no capítulo de gastos de persoal). Daquela parece obvio que non é o mantemento contra vento e marea do gasto sanitario a causa de que o goberno no que participa o Sr. Montoro se teña excedido na conta orzamentaria.

Resulta, ademais, rechamante que o ministro Montoro puxera a énfase no gasto orixinado polos tratamentos dispensados a unhas 48.000 persoas, das máis de 430.000, afectadas pola doenza e omitira outros desfases orzamentarios de contía moito máis significativa. Sabemos que o orzamento inicial do Ministerio de Defensa, encabezado por un ministro con intereses na industria armamentista se incrementou, só no primeiro semestre de 2015, en 1.896 millóns (un 27,7% sobre o orzamento inicial do Ministerio para todo o ano) mediante artificios como as ampliacións e os créditos extraordinarios acordados en diferentes Consellos de Ministros. Esta cifra (asumindo o feito improbable de que non aumentase no segundo semestre) supón un 19% do total da desviación que o Ministro pretendía xustificar, case o dobre da que lle imputou á Hepatite C. Pero, naturalmente, queda máis aseado culpar os investimentos que salvan vidas que aqueloutros en maquinaria destinada a provocar morte e destrución.

Tamén esqueceu falar o Ministro na súa explicación das contas dos custes para as arcas públicas que supón a corrupción na adxudicación de obras e servizos por parte das administracións. Estes foron calculados nun informe feito público en febreiro de 2015 pola pouco sospeitosa de demagoxia esquerdista Comisión Nacional del Mercado de Valores en máis de 48.000 millóns de euros, o que equivale a un 4,5% do PIB español. Dito de outro xeito: un pouco máis que o 4,2% de redución de déficit que Bruxelas lle esixía ao Estado Español para ese ano. Mais é evidente que as culpas non podían recaer sobre os diñeiros que se subtraen para o enriquecemento de empresas privadas adxudicatarias, políticos corruptos e financiamento ilegal de partidos.

Por último é necesario recordar que o diñeiro investido en curar a infección por Hepatite C ten como consecuencia, a diferenza de aqueloutros que mencionamos, unha máis que eficiente redución de custes sanitarios no curto e medio prazo, o que tampouco foi tido en conta na ecuación trampulleira de Montoro. O descoñecido prezo unitario dos tratamentos (que segundo diferentes fontes podemos estimar entre os 9.000 e 15.000 euros) evitan, por exemplo, transplantes con un custo medio de 130.000. Deses transplantados o 65% necesitaban un segundo transplante nun período de entre 1 e 5 anos, circunstancia que se eliminou no ano de vixencia do Plan tratando a todos os previamente transplantados. Tampouco se parou a valorar os custos da medicación inmunodepresora que eses transplantados teñen que tomar de por vida... Por non falar dos custos derivados de ingresos e tratamentos hospitalarios por descompensacións de pacientes de Hepatite C (113.627 ingresos no período 2011-2013, que afectan a uns 26.500 doentes cada ano).  Non parece, xa que logo, que a relación custo-beneficio (medida en termos exclusivamente económicos) sexa desfavorable para ese investimento de 1.090 millóns proclamado polo Ministro.

Pero, para alén diso, nós, as e os doentes de Hepatite C, non imos permitir que se nos culpabilidade de nada: Só somos culpables de non renunciar a curarnos dunha doenza que provocou 4.464 mortes no territorio español en 2013. Non imos pedir perdón por esixir que as autoridades cumpran coa súa obriga de garantir a nosa saúde. Sentímonos moi orgullosas e orgullosos de, mediante unha loita prolongada, tenaz, angustiada, decidida, con un alto custe emocional e físico en moitos casos, ter sido quen de dobregar a vontade dun goberno insensible. Un goberno que primeiro intentou ignorarnos e logo desprestixiarnos mediante calumnias e mentiras, facendo gala dunha olímpica insensibilidade. Foi a nosa loita e o clamor social que conseguimos erguer o que forzou ao goberno a aceptar tratarnos. Por iso non imos comprar agora un argumento falaz que se pretende cargado de razóns humanitarias. Este é un goberno que está desmantelando o sistema sanitario público, que sitúa os obxectivos económicos por riba do benestar da maioría da poboación, que non ten pudor en favorecer a apropiación por parte de compañías privadas de inxentes de diñeiro público, privatizando servizos esenciais, mentres chora o que se destina a curarnos dunha doenza mortal.

En consecuencia, se detrás do argumento exposto polo Ministro de Facenda se agocha unha xustificación apriorística para poder pechar a billa do acceso aos fármacos que están a curar máis do 95% das persoas tratadas, advertimos ás autoridades de que non o imos permitir de ningún xeito. Nós non imos volver a angustia de ter que empeorar irremediablemente para sermos tratadas. Non imos renunciar á nosa esixencia de que as persoas recluídas nos cárceres reciban a medicación que necesitan. Non imos deixar de batallar nos xulgados para que se depuren as responsabilidades polas mortes provocadas polas súas criminais decisións políticas. E non imos abandonar a nosa reivindicación básica, a que foi e segue a ser a nosa razón de ser: Que todas as persoas que padecen a enfermidade sexan adecuadamente tratadas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.