A reválida, a inválida e a desvalida

A reválida, así demos en chamar esa proba de avaliación diagnóstica que a consellería de educación decidiu facerlles aos rapaces e rapazas de terceiro de primaria. En realidade só revalida parcialmente dúas materias, lingua e matemáticas, sen ter en conta ademais a evolución nin as capacidades de cada alumno ou alumna, cunha proba liñal para todo o mundo, que non pode ser adaptada nin contar con medidas de apoio (nalgúns casos imprescindíbeis para a propia realización da proba) e realizada nunha situación nova, estraña e difícil de entender, asimilar e afrontar por parte de cativos e cativas de 8 anos. Cos resultados desta estrambótica proba realízase un informe individual para o centro e os pais e nais das sufridas criaturas e logo un informe global do centro para o que se exclúe, iso si, o alumnado de orixe estranxeira que leve menos dun ano no país e o alumnado con necesidade educativas especiais. Nin para iso os teñen en conta, postos a excluír, exclúamos de verdade. A coherencia feita exclusión.

Só revalida parcialmente dúas materias, lingua e matemáticas, sen ter en conta ademais a evolución nin as capacidades de cada alumno ou alumna, cunha proba liñal para todo o mundo, que non pode ser adaptada nin contar con medidas de apoio

A proba non vai servir nin para dotar de máis medios aos centros con máis dificultades nin para prestar máis apoios ao alumnado que máis os precisa. Non vai servir para igualar por arriba, para ofrecer atención individualizada nin para dotar de recursos e formación ao profesorado e aos centros. Non vai servir para mellorar a nosa educación. Xa que logo, máis que reválida deberíamos chamarlle a inválida, porque non serve para nada, é nula, non ten valor ningún.

Non vai servir para mellorar a nosa educación. Xa que logo, máis que reválida deberíamos chamarlle a inválida, porque non serve para nada, é nula, non ten valor ningún

A que queda desvalida é a educación pública, á que non lle vale quen debería facelo, pois se a administración que debería ocuparse de mellorala, de dotala de máis medios, de ofrecer máis formación e recursos ao profesorado, de buscar o consenso cos pais e nais decide, ao contrario, recortar recursos cada ano, excluír cada vez máis alumnado e agora tamén desconfiar por sistema do labor dos seus traballadores e traballadoras, convértese máis na súa inimiga que na súa valedora. Un sistema educativo baseado na competición con recursos desiguais, nunha carreira na que hai quen vai en deportivo e quen vai en carrilana, nin é un sistema nin é educativo.

Escoitei ao conselleiro de educación lamentar que eu perdera a oportunidade de saber cal é o grao de competencias do meu fillo. Quero tranquilizalo. Non se preocupe, señor Rodríguez, eu sei perfectamente cal é o grao de competencias do meu fillo

Ao meu fillo maior tocáballe pasar a reválida este curso e, como a maioría dos seus compañeiros e compañeiras, non foi a clase. Escoitei ao conselleiro de educación lamentar que eu perdera a oportunidade de saber cal é o grao de competencias do meu fillo. Quero tranquilizalo. Non se preocupe, señor Rodríguez, eu sei perfectamente cal é o grao de competencias do meu fillo e o profesorado que está con el cada día na súa escola tamén o sabe. Tamén sabe cal é o seu grao de competencias o profesorado de apoio que precisa e que cada vez ten menos horas dispoñíbeis e a orientadora que compartimos con outro centro e que sabe cal é o grao de competencias do meu fillo desde hai anos. Desde que conseguimos un diagnóstico con tres anos e medio nunha entidade privada consta no seu expediente e os posteriores informes que fomos conseguindo constan tamén. Deberon de chegar á súa consellería cos correspondentes informes do equipo de orientación e da dirección do centro así que vou deducir que tamén vostedes coñecen cal é o seu grao de competencias, de non ser así non terían aprobado unha adaptación curricular como a que ten. Desgraciadamente o feito de que na consellería coñezan vostedes o grao de competencias dos nosos fillos e fillas non serve para que aumenten o profesorado onde fai falla, para que haxa máis profesoras de pedagoxía terapéutica e de audición e linguaxe, para que contemos con máis orientadoras, nin sequera para que os “equipos específicos” provinciais deixen de ser unipersoais e sexan eles, como noutras comunidades autónomas, os que avalíen aos nosos fillos e fillas sen que teñamos que acudir a entidades privadas. O seu coñecemento, señor Rodríguez, do grao de competencias dos nosos fillos e fillas non serve sequera para cubrir as baixas das coidadoras senón que lles recomendan vostedes aos pais e nais que non envíen aos seus fillos ao cole mentres a coidadora non se reincorpore.

Quizais a reválida habería que facerlla ao goberno deste país

A estas alturas todo o mundo no centro escolar coñecemos o grao de competencias do meu fillo e tamén o grao de competencias do seu predecesor no posto, o señor Vázquez. Coñecemos o seu propio grao de competencias, señor Rodríguez, igual que tamén vostede coñecerá o do seu fillo sen necesidade de que realice reválida ningunha. Quizais a reválida habería que facerlla ao goberno deste país que nos quere convencer, con circular na mochila dos nenos incluída, de que educar aos nosos fillos e fillas é mandalos a un cole sen enterarnos do que pasa alí cada día, aprendelo cando veña alguén de fóra a facer un exame igual para todo o mundo, e logo que cada quen se busque a vida segundo os seus recursos. Pois non, iso non é educar, igual que o que vostedes fan non é gobernar, é estragalo todo e logo que cada un turre do seu para que lle medre.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.