A singradura das andoriñas

Que a maioría da colectividade galega na Arxentina apoie ao presidente Macri non debe facernos esquecer aos que mantiveron a súa dignidade

Que a maioría da colectividade galega na Arxentina apoie ao presidente Macri non debe facernos esquecer aos que mantiveron a súa dignidade. Quero dicir que non é de galegos ou descendentes honrados a sumisión a unha seita de nigromantes que reparten globos amarelos. Antes das eleccións enchían as redes sociais con ataques constantes ao goberno de Cristina Fernández. As expresións destes siareiros non eran orixinais. Repetían  as insensateces que saían dos coimeros da mafia mediática mercenaria. O seu escaso razoamento ía na liña de criticar o que chamaban “política”. O seu candidato era un contrabandista. Claro que estes infelices emigrantes vían nel a un mago das apócemas máis baratas e efectivas. Aquel falabarato di exactamente o que queren oír. Estupendo. Agora os dólares do grasa peronista da esquina van ser meus. Alegría. Vou poder ver televisión sen que amolen con cortes para informar da inauguración dun novo hospital ou universidade.

Estes votantes son os responsables de que o hospital do Centro Galego de Bos Aires estea agora mesmo apreixado por media ducia de voitres financeiros asociados ao carancho local don Mauricio. Estes votantes non se moveron para buscar unha solución. Non lle presentaron ningunha proposta ao seu marabilloso goberno. Non quixeron molestar ao ministro de Saúde. Estes votantes son os culpables de que veñan do exterior a roubar o patrimonio suado en máis dun século de esforzos. Son indignos.

O noso nobre sangue na diáspora non inclúe aos que autorizan a estafa en beneficio privado. O goberno de Macri non quixo facer unha condonación de débedas. Os nosos ingratos descendentes non usan o cerebro para pedir que o hospital sexa nacionalizado. O goberno negaríase e entón o que corresponde é un acordo asembleario de doazón do hospital para servizo da cidadanía arxentina. 

Os nosos insolidarios descendentes mantiveron unha actitude pasiva –agás uns poucos loitadores que se espetaron contra o muro parcial xudicial macrista-- e colaborativa co interventor. As ordes recibidas teñen o obxectivo de facer negocio coa propiedade inmobiliaria

Agora temos a esquina de Belgrano e Pasco asulagada nunha escura trapallada. Os nosos insolidarios descendentes mantiveron unha actitude pasiva –agás uns poucos loitadores que se espetaron contra o muro parcial xudicial macrista-- e colaborativa co interventor. As ordes recibidas teñen o obxectivo de facer negocio coa propiedade inmobiliaria. O encargo do interventor non é sobre a continuidade da mutualista de asistencia médico-hospitalaria. A quen lle importa os empregados e os socios? Imos ver que vaise buscar un acordo con Ribera Salud, empresa denunciada judicialmente en Valencia (Modelo Alzira). Imos ver que o 50% desta empresa é propiedade de Centene Corporation de St. Louis-Missouri. Os accionistas maioritarios de Centene son: Vanguard Group; BlackRock; Price (T. Rowe) Associates; State Street Corporation e Ameriprise Financial. Habería que pararse un pouco a pensar aínda que os macrigaitas son máis de berrar. Se dicimos que BlackRock posúe máis de 5 billóns de dólares en activos financeiros e que é o primeiro accionista no Santander e no BBVA e o terceiro no Sabadell (propietario, por certo, do outro 50% de Ribera Salud a través de Aurica XXI-BS Capital) haberá que sospeitar sobre a existencia dun enorme xacemento de petróleo no subsolo do Centro Galego.

A pregunta que se deberían facer os socios e empregados é se estes moi poderosos fondos de investimento están preocupados pola atención médica nunha sociedade mutualista da capital arxentina

A pregunta que se deberían facer os socios e empregados é se estes moi poderosos fondos de investimento están preocupados pola atención médica nunha sociedade mutualista da capital arxentina. Non sei onde está o beneficio de pagarlle cada mes o salario a mil empregados. Hai que ser moi pasmón para crer o conto de que Centene Corporation vai investir nun país que xa foi baleirado por Macri e os seus cómplices no equipo de goberno. As contas non saen. Ninguén me vai convencer de que tivo lugar un acontecemento milagroso e que agora os voitres escuros do norte son, no sur, doces pombas ou fermosas andoriñas. A apócema narcotizante de don Mauricio envelenou a moitos dos nosos descendentes. Aceptaron fortes doses de egoísmo para fortalecer o seu resentimento contra dos máis desfavorecidos. Os noutrora solidarios emigrantes perderon a súa identidade. Non aceptan que foron manipulados e non queren pedir perdón. A saída da seita macrista non é doada. Hai que ser valente é recoñecer que deben abandonar, canto antes mellor, o consumo de envexa e rancor. Non semella boa cousa ter que ler The Wall Street Journal para saber se no hospital do Centro Galego aínda manteñen abertas as consultas de cardioloxía, endocrinoloxía e  traumatoloxía. Eu confío na singradura das andoriñas viaxeiras pois escollen sempre o roteiro máis axeitado.

Os voitres financeiros case non voan e só se moven cando ulen un cadáver. Podo asegurar que volverán de Bos Aires sen nada no peteiro xa que alí non hai ningunha prea. Sei que a forza espiritual dos devanceiros non deixará esmorecer aquela lareira de irmandade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.