A teimosía dos pensionistas contra a mofa do 0,25

“COMO, imaxinar o rostro da muller combatendo co león / todo o seu cabelo enguirlandado, / como os ollos áureos do deus? / Rozar levemente un peplo. Na liña de meta, engalanada. / Conducir a túa mao através da multitude de xinetes nómadas. / Pero xa con anterior frecuencia tiñas recibido / as asas da vitória.» (Heloísa, Chus Pato).

Un ilustre pillabán, que ben podería ser alcumado como «o rei das trolas», cuxas iniciais aparecen gravadas á man nos papeis prohibidos, e que entende por Mariano Rajoy, declaraba hai uns días, a propósito das xustas e necesarias protestas dos pensionistas: "Entiendo perfectamente su reivindicación. Lo que pasa es que todavía la recuperación económica no ha llegado donde todos queremos que llegue y no tenemos los recursos para poder subirlas más. Pero eso llegará".

Este egrexio lareto, farto de presumir de que a economía española vai vento en popa, a toda vela, renega das súas propias bravezas, cando os tocagüevos dos xubilados reclaman unhas cadelas máis para poder acabar o mes sen ter que andar á esmola. Pero como a capacidade troleira do Presidente tamén sufre incontinencia crónica, non tardará en botarlle a culpa de non mellorar as pensións aos independentistas cataláns. Ou ás mulleres que, segundo o tal das polainas, deberían facer folga xaponesa, no canto de protestar, para defender mellor os seus minguados dereitos, e así contribuír eternamente a que nada mude, para que todo permaneza.

Os xubilados só demandan un incremento na paga, equivalente ao IPC (o 1,5 por cento) e a derrogación da reforma de 2013 que vincula os incrementos aos ingresos e gastos da Seguridade Social. E ante tan sensata reivindicación, como nos días con «R» de Rajoy non hai cartos, este danzarín do circo, que se xacta de padecer a doenza do «quiero, pero no puedo», ríselle no fociño, reducíndolle progresivamente o lote de medicamentos bonificados, gastando máis na propaganda do 0,25 por cento ca na suba mesma, e pretendendo pórlle remedio á trangallada, beneficiando ao tramo máis alto, con deducións na declaración da renda dos gastos asistenciais, deixando definitivamente á intemperie á metade dos pensionistas, que cobran unha paga inferior ao salario mínimo.

Este impenitente paladín do neoliberalismo, ao que unha parte da sociedade española cometeu a inxenuidade de encomendarlle a acción de goberno, sempre ten cartos para gastos militares, para rescates bancarios, para a casa real, para mellorar a carteira das concesionarias das autoestradas, para encherlle os petos aos defraudadores fiscais, pero négalle 1.200 millóns aos retirados, mentres insta ás mulleres que protesten traballando moito e cobrando pouco, porque nos días con «R» de Rajoy as contas da economía española non cadran como deben. Pero, só nos días con «R» de rémora.

Ah! O meu tío Lisardo pensa –coma ti– que o que rebule nas mentes reviradas dos lacoeiros do 0,25 talvez non teña nada que ver coa escaseza dos cartos. Trátase de crear o ambiente propicio para que a xente do común tome consciencia de que a solución de futuro non está no sistema público de pensións, e si nos plans privados e nunha nova coroza de patino que os do goberno lle van botar no lombo aos seus colegas do capital financeiro (bancos, aseguradoras, etc), para que sigan aumentando a súa conta de resultados. Esa é a cuestión. O demais, só son ganas de tocar o nabo.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.