A vivenda, o principal factor de exclusión social

Bloques de vivendas en Ferrol CC-BY-NC-ND Xoán Porto

Un dos principais problemas que temos as traballadoras sociais na procura de recursos é a falta de vivenda accesible e digna. O problema da accesibilidade da vivenda ten graves repercusións, pois non trata só de dispor dun espacio de habitabilidade, senón que nos enfronta ao padecemento devastador que supón para as persoas a ausencia doutros dereitos recoñecidos na Constitución como é o dereito á seguridade, á sanidade e á intimidade, todos eles ligados ao artigo 47 de dereito á vivenda. Tamén para as profesionais que traballamos no campo da intervención social ten unha gran repercusión, pois isto fai que as actuacións dende os servizos sociais teñan un perfil paliativo e estean máis baseadas na pura asistencia que na adquisición de dereitos reais.

Se non hai vivenda, se non hai vivenda digna, as persoas non podemos desenvolver as nosas capacidades porque algo, un espazo, nos sitúa no lugar de sempre. Mesmo no campo da filosofía e as humanidades se vén falando do xiro espacial, da capacidade condicionante do espazo, e isto é tamén certo no plano individual e psicolóxico, así como no social e comunitario. As xerarquías sociais baséanse a miúdo en que do lugar é difícil escapar, pois polo seu condicionamento estamos condenadas a vivir e repetir incluso de forma xeracional as mesmas situacións. Non é unha cuestión meramente individual, non é unha opción libre como nos queren facer crer as teorías oportunistas das democracias neoliberais. É un problema social e estrutural que se foi construíndo deliberadamente ao longo dos anos.

Agora mesmo, dende que os fondos de inversión comezaron como nunca a especular coa vivenda ao abeiro dos gobernos, incluso como estamos vendo coa crise residencial e dos coidados das persoas maiores, a vivenda converteuse polo tanto, no principal factor de exclusión. Esta exclusión non só afecta ás persoas que viven na rúa, que por certo tenden a aumentar en toda Europa ao mesmo ritmo que o fixeron as políticas neoliberais, senón a todas as que destinan sobre un 30% e un 50% do seu salario a pagar as mensualidades da vivenda, xa sexa en alugueiro ou en compra.

Debido á situación de alerta sanitaria polo coronavirus, penso que se están visualizando as eivas de tres esferas básicas que teñen moito que ver coa redistribución da riqueza e coa explotación de recursos medioambientais, que son o comercio e produción a pequena escala, o problema habitacional e, como consecuencia, a crise dos coidados no sentido máis amplo da palabra, tamén no tema sanitario. No tema da vivenda, son evidentes os problemas derivados da concentración das persoas nas cidades e dunha morea de problemas relacionados coa adecuación, pero no fondo ao que nos enfrontamos é á escasa protección das persoas no seu dereito de acceso á vivenda. Xa non estamos a falar de persoas en situación de rúa, senón de xente que pasou o confinamento en situacións insostibles e de persoas que tiñan unha vida laboral e social normalizada, que nunca lles fixera falta recorrer aos servizos sociais, e de súpeto, por primeira vez na súa vida, vense nunha cola para buscar comida ou acudindo a un albergue coas súas pertenzas.

A situación que se está dando agora mesmo é un problema sanitario, non cabe dúbida, pero a falta de vivenda digna, de aloxamento, é un problema estrutural relacionado co desleixo das políticas de vivenda que deron lugar a unha especulación sen límites. Agora esta crise o que fai é evidenciar o que xa había. Polo tanto as axudas que sacaron agora o goberno central e autonómico terán que estenderse máis aló da situación de crise e levar consigo cambios lexislativos e normativos que verdadeiramente constitúan garantías.

Algún día terá que falarse de como os pavillóns de deportes se encheron de persoas, como única opción de aloxamento en cidades que presentan uns índices de vivenda baleira enormes, e sen perspectivas de ocupación, o que o fai máis grave se cabe.

Xa antes do coronavirus nos atopabamos con que 1 de cada 5 galegos estaban en situación de exclusión social, segundo o Informe FOESSA sobre Exclusión y Desarrollo Social en Galicia 2019. O mesmo informe sinala que o 64,9% das persoas en exclusión atópanse afectadas por esta dimensión e pon de relevo que o elemento de maior exclusión é a vivenda: o 28,3% da poboación reside en vivendas inseguras e o 18,9% en vivendas insalubres, constatándose cada vez un aumento da feminización da pobreza.

Non parece que, malia o incremento da pobreza que xera a vivenda, se estean a tomar medidas políticas senón que, pola contra, a oferta de vivenda social por parte da Xunta decaeu nos últimos anos dunha forma estrepitosa, pasando de haber segundo o INE un número de 3.840 calificacións definitivas en 1997, a haber só 4 no 2010 e 8 no 2018. Isto pese a haber daquela unhas 12.000 persoas inscritas no Rexistro de Demandantes da Xunta de Galicia. Agora mesmo hai 15.015 persoas inscritas.

Cómpre explicar tamén as disfuncións do sistema de adxudicación e dos procesos que impiden que as persoas que máis o necesiten, precisamente, teñan que ser as que moitas das veces queden fóra do sistema.

Por unha banda, teriamos que comentar que aquelas persoas que superan o 0,7 do Iprem (Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples; (en 2020, 537,84 euros mensuais) xa non poden acceder a unha vivenda social. O que é o mesmo que dicir que precisamente as persoas con menos ingresos son as que se expulsan do acceso a unha vivenda social. Con todo, unha vez que se accede, gran parte das persoas ás que lles adxudican un piso rematan renunciando debido á falta duns indicadores que fagan compatibles as características da vivenda coas da familia ou persoa solicitante. Por poñer un exemplo, pódelle tocar unha vivenda de unha habitación a unha persoa que teña tres fillos, ou ao revés. Asemade, a persoa que aluga a vivenda ten que comezar a realizar un desembolso económico que moitas veces non é posible, como amoblar o piso, correr cos gastos de enganche de luz, auga, etc. Ademais de pagar a contribución, algo que resulta inaudito, pois todas sabemos que polo xeral quen paga ese imposto son os propietarios das vivendas.

Vemos entón que a situación de partida por parte do IGVS, o dereito á vivenda pública, por unhas cousas ou por outras, non favorece que as persoas con escasos recursos poidan beneficiarse das mesmas, máis ben parece unha burla aos dereitos sociais.

Destas circunstancias anteriormente relatadas obtemos como consecuencia comentarios a pé de rúa que afirman, sen coñecer a realidade, que se a xente rexeita unha vivenda social “é que moita necesidade non ten” e, sobre todo, que as persoas rematen xa por non insistir na solicitude por non ten que pasar tamén de novo por un sorteo de vivendas, con poucas probabilidades de saíren agraciadas. Lembro que nunha chamada que fixen ao organismo vasco de vivenda me dixeron que alí non facían sorteos para adxudicar vivenda, senón que dispoñían duns indicadores, xa que “sortear vivienda era sortear derechos”. Esta situación, supoño que en concorrencia con algunha outra, provocou que hai dous anos tivésemos na provincia de Lugo moita vivenda social baleira, ao que no mesmo organismo vasco de vivenda tamén me contestaron que ter vivenda baleira era “una estafa social”.

Antes da crise do coronavirus, non existía “absolutamente ningunha liña” de axudas que estivera aberta para alugueiro de vivenda máis aló do bono social de alugueiro (axudas para cando se producen un desafiuzamento, catástrofes ou violencia de xénero). Pero non chega con que sexan poucas as axudas, senón que unha vez publicadas, os propios requisitos impiden acceder ás mesmas. Como exemplo, para acceder ás axudas para as mulleres en situación de violencia de xénero do bono social, un dos requisitos é que nese momento estean nunha casa de acollida. Estas situacións son as mínimas, pois como é lóxico, se a situación o permite, a solución é irse vivir con algún familiar. O cal, obviamente, non debe ser doado para calquera persoa, e moito menos para unha muller con fillos a cargo. Aínda por riba, a concesión pode realizarse non onde a persoa en situación de violencia de xénero vive, senón onde o IGVS ten casas ou pisos dispoñibles, o cal implica deslocalización e desarraigamento das persoas respecto á súa rede social de apoio.

Agora mesmo só hai axudas ao aluguer para aquelas persoas en situación de ERTE pola crise do coronavirus por parte da administración da Xutna. Non se sabe, dubídase de que saían outras axudas ao aluguer. 

A oferta de vivenda social por parte das administracións competentes é o instrumento máis importante de intervención pública na redistribución de riqueza, pero vou máis alá, toda vivenda debería ser considerada un recurso social nas leis e principios constitucionais. Se lles prestamos atención aos seguintes datos non debera caber a menor dúbida polo menos de que é o que non se debería facer:

Galicia ten as provincias con máis vivendas baleiras de España. A Lugo gáñalle só Ourense. Xa no 2011 había segundo o INE unhas 30.0000 vivendas baleiras.

En Galicia, a porcentaxe de vivendas ocupadas por unha soa persoa de máis de 65 anos é do 11,26%. Pero a esta cifra habería que sumar tamén 8,18% dos fogares que están compostos por dúas persoas maiores de 65 anos. Isto danos unha idea da previsión de vivendas baleiras a medio prazo. 

Tocamos a unha vivenda por persoa e media. Cando os nosos fillos comecen a recibir herdanzas, terán que pagar moitos deles por máis de 3 vivendas sen ter a quen alugalas.

Aínda tendo en conta estes datos (á falta doutros, pois non existen estudos nin datos oficiais actuais e serios sobre vivenda baleira) vemos que a día de hoxe seguen construíndose novas vivendas e realizando novos proxectos urbanísticos. Aínda que algúns van abandeirados coa etiqueta de barrios ecolóxicos (en Lugo, por exemplo), non teñen sentido nesta era de destrución medioambiental na que os recursos naturais deberían ser coidados e empregados coa máxima cautela.

Hai uns anos era preciso recorrer a modelos de fóra do Estado español, fundamentalmente aos países nórdicos, para falar de boas prácticas e políticas de vivenda, pero agora témolas xa en España. O documental ‘A vivenda, un ben social?’, que fixemos Xosé Bocixa e mais eu para o Colexio de Traballo Social e que se estreará en datas vindeiras, recolle as dificultades que teñen as persoas para poder acceder a unha vivenda digna e amosa tamén políticas de vivenda tendentes a facilitar este acceso, que se están levando a cabo en distintos municipios galegos e fóra de Galicia. Por exemplo, no País Vasco “alimentan o alugueiro e non a compra”. Así é que “o Goberno vasco aluga e págalle ao propietario ata 600 euros ao mes se a súa vivenda está máis de dous anos baleira sen causa xustificada”. Se aínda así o dono non cede a poñer o seu piso ou casa no mercado, é sancionado con 10 euros por metro cadrado; unha cantidade que poderá seguir aumentando cada ano un 30%. “O último recurso é a expropiación temporal de uso”.

Neste momento e tendo en conta todo o exposto anteriormente, as políticas deberían ir encamiñadas á rehabilitación con destino ao alugueiro e non á compra, tamén as vivendas de promoción pública. O IGVS podía estar comprando por toda Galicia, para o seu parque de vivenda social, casas en ruínas e abandonadas.

Ao final é unha cuestión de apostar por modelos que favorezan a igualdade, e cómpre dicir que o País Vasco destinou máis fondos á vivenda entre 2018 e 2020 que o Goberno estatal para toda España.

Agora, coa crise do coronavirus, a exclusión residencial e social é un feito constatado por diferentes entidades e xa estendido a amplos sectores de poboación, polo que o Goberno central vén de sacar unha medidas, que poderían ser interesantes, sobre todo para comunidades autónomas que levamos atraso no referente á lexislación que permita poñer en marcha políticas e plans de vivenda social que dinamicen o parque de vivenda baleira. 

Entre estas medidas figura a achega dunha cantidade importante ás entidades, cooperativas, pero tamén as administracións públicas, para dotación de vivenda social. Tamén se lles dá a oportunidade ás comunidades autónomas para poder aplicar o alugueiro forzoso e retribuído de vivendas secundarias coa finalidade de seren destinadas a determinados colectivos en crise.

Outra eiva da que a comunidade autónoma de Galicia adoece é a carencia de profesionais do Traballo Social e da Educación Social nos organismos correspondentes de vivenda. O deseño da intervención social, contemplada non só desde o punto de vista individual, senón tamén comunitario, debe iniciarse xa dende o momento da solicitude de vivenda social e ao longo do proceso de adxudicación e tenencia da mesma, mediante a implantación de programas que inclúan os ámbitos sociais, laborais, culturais e de coordinación co resto de institucións. Non tería sentido unha política para facilitar o acceso á vivenda de todas as persoas se non se ten en conta que a exclusión social vai sempre acompañada de procesos de desigualdade nos espazos físico, sociocultural e económico, que se non se teñen en conta acostuman a aumentar e ser transmitidos de xeración en xeración. É importante logo que as persoas teñan un enlace e acompañamento clave para adecuar o máis posible a vivenda ás condicións persoais, familiares ademais daz referentes á socialización do espazo, barrio así como todos aqueles factores que teñen que ver coas dificultades económicas e de emprego.

É importante subliñar a importancia de ter sempre presentes nos profesionais da intervención social os principios da psicoloxía humanista e pensar que non só estamos para facilitar a consecución dos dereitos fundamentais, entre os que se encontra a vivenda, senón para construír un dos recursos que máis axuda e protexe as persoas: a creación de vínculos.

Se a sociedade foi derivando cara a un carácter cada vez máis individualista, esta perspectiva tamén se colou no campo da intervención social. A perspectiva comunitaria foise perdendo e cada vez se está realizando un traballo máis pendente da burocracia e das actividades puntuais que das propias persoas. Polo tanto, é necesaria unha volta ao traballo en clave comunitaria e pensar na cohesión social non só como un fin, senón como un medio no que se enriquecen as relacións e que lles dá vida ás persoas e ás comunidades.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.