Acordo entre Expourense e Marrocos viola dereito internacional

O convenio asinado entre Expourense e as autoridades marroquís, para o vixésimo aniversario de Xantar, que ten como obxecto a rexión de  Dajla nos territorios ilegalmente ocupados por Marrocos é unha clara violación do dereito internacional.

O Sahara Occidental, onde se insere a rexión de  Dajla é un territorio non autónomo pendente de descolonización que foi invadido polo reino de Marrocos en 1975 e que a día de hoxe segue un conflito pendente de resolución.

As innumerables resolucións das Nacións Unidas, o ditame do tribunal internacional e os recentes ditames do tribunal de xustiza europeo son claros sobre o feito de que Marrocos non ten soberanía sobre o territorio.

Calquera acordo, convenio ou evento ten que ter a aprobación do pobo saharauí a través do seu lexítimo representante, a Fronte Polisario.

Non hai dúbidas sobre a lexitimidade da Fronte Polisario como representante do pobo saharauí, xa que é este movemento de liberación quen asinou o acordo de cesamento do fogo, e é coa Fronte Polisario con quen Marrocos ten que negociar baixo os auspicios das Nacións Unidas.

Marrocos está nos últimos meses tentando desesperadamente asinar convenios, acordos e irmandamentos con municipios e institucións europeas e a cidade de  Dajla. O obxectivo destas manobras non é outro que a lexitimación da ocupación do territorio.

Sobre todo en Francia, Marrocos tentou esta vía en municipios con cargos electos de ascendencia marroquí.

Lamentablemente asistimos agora en Galiza ás mesmas manobras ilegais e que expón moitas dúbidas sobre a verdadeira razón por parte de  Expourense de acceder a lexitimar unha ocupación ilegal.

Publicidade

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.