Alcoa e a traxedia das periferias globais

O peche de Alcoa, e o consecuente despido de todas as persoas que alí traballan é unha nova tráxica para a economía do País que encerra o colapso do modelo de explotación ideado no marco dos anos 70.

O desenvolvemento da siderúrxica Alcoa é parello á evolución do mercado eléctrico galego. Entre 1975 e 1980, Galiza viu multiplicado por dous a súa potencia eléctrica instalada nunha operación de longo percorrido, iniciada xa nos 60 coa construción de grandes centrais hidroeléctricas. A presenza das reservas de lignito, foi a circunstancia ecolóxica necesaria para sumar ao impulso dos 60 a potencia en xeración eléctrica das centrais térmicas de As Pontes e Meirama. O capital do Banco Pastor e o do Estado puxeron os alicerces que faltaban para ampliar a base material (ecolóxica) de un modelo de desenvolvemento orientado á exportación de torrente eléctrico. Así pois, Galiza comezaría a exportar a partir dos anos 80 unha porcentaxe nunca inferior ao 40% de electricidade. Ao redor de un 20% da enerxía eléctrica xerada estaba destinada á planta de Alcoa. Tal foi a intensidade coa que se procedeu á extracción de carbón que as minas galegas foron esgotadas en a penas 30 anos, facendo imprescindíbel a importación de carbón. Un feito que nos obriga a reparar na velocidade á que o sistema capitalista está a esgotar os recursos naturais.

A fabricación de aluminio precisa dun emprego intensivo en bauxita, electricidade e man de obra. Mentres a bauxita era importada de Latinoamérica, os galegos e as galegas poñiamos a man de obra e o torrente eléctrico para a fabricación de un insumo escasamente procesado que podemos considerar unha commoditie, dado que Alcoa vende aluminio en estado puro, co consecuente baixo valor engadido resultante da produción. Componse, desta forma unha lóxica extractivista que pon os nosos recursos naturais e humanos á disposición dos mercados estranxeiros, mentres os maiores rendementos fican en mans de unha multinacional. As consecuencias ecolóxicas, sen embargo, fican enmarcadas en territorio galego. A bauxita contén como máximo un 30% de aluminio, o que significa que de cada 3 toneladas importadas menos de unha remata convertida en aluminio, e máis de dúas convértense en residuos industriais. Xunto co impacto ambiental da produción eléctrica, os desperdicios industriais obtidos supoñen un desprazamento do custo ambiental do sistema capitalista desde os centros metropolitanos ás periferias globais.

No ámbito económico, pola outra banda, o caso de Alcoa é o efecto dun escenario global onde o carácter estatal dos mercados laborais contraponse coa internacionalización do capital financeiro. Como consecuencia, coa fin de atraer investimentos, as actividades económicas de menor valor engadido, están obrigadas a competir nun mercado onde sempre vai a haber algún outro provedor disposto a producir máis barato, feito que arrastra cara abaixo dos salarios, e cara arriba á flexibilidade laboral e ambiental.

Como última nota: Que vai acontecer con ese 20% que, de pecharse Alcoa, imos producir de máis? Como conxectura, temo que o drama laboral de Alcoa se repita en moi pouco tempo no sector eléctrico, posto que unha grande cantidade de enerxía eléctrica xerada vai resultar innecesaria.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.