Anisa, refuxiada iemení

Anisa ten 25 anos e é de Aden, onde cursou dous anos da licenciatura en inglés, estudos que tivo que abandonar por mor da guerra. O conflito en Iemen fixo que fuxise do seu país e que pasase de ser estudante a ser mestra e de ser filla a ser nai, porque agora Anisa dá clases de inglés no campamento de refuxiados de Markazi, en Djibuti, e coida dos tres irmáns pequenos como se fose a nai.

Lembra que un día, mentres estaba no zoco con dous irmáns, tivo problemas para regresar a casa. Cando quixeron volver, non había coches nin autobuses e comezaron a escoitar disparos e xente que dicía que entrabas os hutis e que comezaba a guerra. Entón conseguiron un taxi e seguiron outro camiño para chegar a casa xa pasadas as 10 da noite. Á mañá seguinte non puido ir á universidade e á outra intentouno, mais o autobús tivo que parar no medio do camiño, polos disparos, e dende aquela xa non volveu. Tras ese incidente anunciouse que despois das 5 da tarde non se podía saír da casa e cos días fóronse reducindo as horas ata chegar ao límite, o mes de abril. Durante ese mes apenas ninguén saía da casa e devagar foron faltando víveres, electricidade e auga.

No barrio só quedaba unha tenda e a situación levounos a mudarse cara a outra parte de Aden. Montaron no único autobús que chegaba ata esa zona e que, malia ser moi caro, era a única oportunidade de afastarse da guerra e de vivir con certa tranquilidade; alí, no porto, quedaron ata o 27 de abril de hai dous anos. Dende alí decidiron pagar por saír de Iemen nun barco grande que os levou ata o porto de Djibuti, onde estiveron unhas dúas semanas sen se poder mover do lugar. E é que estaba prohibido; só podían saír en ambulancia e só nun traxecto de ida e volta para ir ao hospital.

No mes de xuño chegaron ao campo de refuxiados de Markazi. Pensaban que os trasladaban a unha aldea, mais chegaron ao medio dun areal inmenso onde non había baños nin cociñas; só mandas de monos que arrodeaban as pequenas tendas de campaña que amodo foron converténdose en casas. E mentres construían un lar temporal, escoitaron que a luz volvera a Aden, e que os hutis marcharan cara ao norte do país, mais que agora había outros grupos na cidade.

Dous anos despois, Anisa segue a pensar na súa casa en Iemen e continúa a ver a súa tenda de campaña en Markazi como algo temporal no que xa hai colchóns acomodados para recibir visitas, luces para poder estudar e ler durante as horas que hai electricidade e pequenas comodidades que aumentan ao mesmo ritmo co que crece a distancia co seu verdadeiro lar. Recoñece que creceu moito durante estes dous anos en Markazi, onde se converteu en nai de familia. Con todo, pensa que aínda pode crecer máis e axudar non só á familia e aos refuxiados, como fai coas clases de inglés que imparte, senón tamén a levantar o seu país. Por iso quere seguir os seus estudos. Non pensa en casar, como fan moitas outras persoas do rural iemení, que aínda manteñen a idea de casar cedo. Anisa quere ir a algún país onde poida continuar os seus estudos para logo regresar a Iemen e conseguir que volva ser “Il-Iemen il-said”, “O Iemen feliz”, que agora non é.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.