Ante a demanda de autocrítica

CC-BY M. Pereira

Chega a ultradireita e unha parte das bases da esquerda deciden tocar a rebato coa intención de parar o fascismo. Outros parece que van máis amodo e demandan autocrítica. A autocrítica consiste segundo os moldes clásicos en analizar o que pasou, reflexionar sobre os planos que se trazaran e rectificar no que se fallou. 

A autocrítica consiste segundo os moldes clásicos en analizar o que pasou, reflexionar sobre os planos que se trazaran e rectificar no que se fallou

Pero a cousa axiña se pon fodida, porque cando se erra hai responsábeis e xorden tensións. Entón sabendo como é o couso pois prescíndese dela, aínda que se continúe invocando o nome, é dicir, que se acostuma a proceder como os curas cando botan un responso. Forma parte do ritual, da deriva, da mística organizativa falar de autocrítica. Por tanto é xeralmente artificiosa. Sempre custa reformular os espazos, as tácticas e en última instancia as organizacións, for na esquerda ou na dereita, no alternativo ou no oficial, e ten consecuencias para quen o intenta, porque pode gañar ou perder. Se perde fai un mal negocio e debilita as súas posicións. Iso até escribindo artigos, pois non é o mesmo irlle pola corda ao lector, conmovelo e congraciarse con el, que tocarlle o carallo e molestalo polas súas conviccións, que son principios, guía moral e tamén orgullo.

Aínda hai outro problema. Se o activista está enfadado, contradito ou amolado por algo, neste caso pola chegada dos fachas ao parlamento andaluz, igual o que máis desexa é arranxar contas co mundo. Iso ten o problema de que as solucións non as sopra gratis a divindade, e cando non hai cohesión, nin líderes, nin moita infantaría, nin teóricos, nin órganos de planificación, nin organización competentes, pois a cousa ponse aínda peor.

Cando non hai cohesión, nin líderes, nin moita infantaría, nin teóricos, nin órganos de planificación, nin organización competentes, pois a cousa ponse aínda peor

O cal non obsta para que ao día seguinte das eleccións andaluzas houber quen convocase no Toural unha manifestación con debate, destinada a parar o fascismo, cunha líder que explicaría ou que explicou alí como se fai iso. Se tiña a fórmula fabricada o luns, ben puido tela ultimada un par de meses antes, para aforrar novidades.

Falando de líderes e entrando xa na crítica autocrítica: a composición mental dunha boa parte da esquerda prescinde da necesidade de ter líderes serios. Como o pobo todo o pode (unha falacia, naturalmente, ás veces pode e outras non pode nada e así anda o mundo) abonda con asembleas, eleccións primarias e diso. A maxia popular moverá a súa vara e aparecerá por fantasía todo o que cómpre, porque o pobo é unha manancial inesgotábel, tanto que até convén poñerlle límites a esa potencia, non vaia ser que eses hipotéticos líderes vaian a máis e apouquen as creacións das bases. Que mande de máis. Cando este esquema se practica (na nova esquerda de Galicia a diario; en Podemos de España hai máis madurez) a distancia coa realidade faise galáctica.

Seguindo coa autocrítica: en Galicia arestora non hai líder nacional ningún fóra de Feijóo. Enfariñado ou sen enfariñar. Nin cousa que se lle pareza. É o único. Por tanto é o mellor. Non por iso grande cousa, certo, pero non se albisca nin de lonxe a quen teña capacidade para disputarlle a presidencia da Xunta. A carencia é pavorosa. Como nunca desde o comezo da democracia: ingrávidos en toda a oposición, insubstanciais. Ningún dos tres partidos sabe por onde coller a cousa. Son frouxos politicamente, con pouco mundo tamén case todos, sen unha formación á altura do que pretenden case ningún. Carecen de forza e no mellor dos casos comparten o mando interno, quizás sexa así no BNG; no peor nin hai organización da que se poida falar en serio. É dicir que estando impedidos para gobernar a propia casa, mal poden gobernar a dos demais; un clásico.

Ou os alcaldes e os concelleiros que tocan terra propoñen de facto unha democracia interna corrixida pola consistencia de dá facer política real fronte ao latrique irresponsábel, ou morreu o conto

Os experimentados nisto da autocrítica estarán pensando en que non debe ser destrutiva; que non pode consistir en darse co cilicio, como din os do responso; que xa está ben e que se deben dar alternativas, ou poñerse a traballar, que falar fala calquera.

Falando das Mareas: despois da vergoña total, ou os alcaldes e os concelleiros que tocan terra (incluídos os das vilas, que os hai, e moi bos) propoñen de facto unha democracia interna corrixida pola consistencia de dá facer política real, a da xestión municipal, fronte ao latrique irresponsábel, e aportan peso e autoridade (si, si, a idea de autoridade non é patrimonio do fascismo e da dereita, é outra cousa) ou morreu o conto.

Pero a autocrítica non había de ir por aquí, senón por averiguar o que fixo mal a esquerda, ante a evidente chegada do fascismo (segundo parece).

 

Que lle pasa á esquerda verdadeiramente?

Crer que en Andalucía hai catrocentos mil fascistas é unha animalada. Como o é pensar que son fascistas todos os que sacan aos balcóns a bandeira de España en Pontevedra e na Coruña

Crer que en Andalucía hai catrocentos mil fascistas é unha animalada. Como o é pensar que son fascistas todos os que sacan aos balcóns a bandeira de España en Pontevedra e na Coruña. Analizar esa reacción en Galicia ante a cuestión catalá debería ser unha prioridade da esquerda de aquí e máis aínda do nacionalismo. É probábel que moitos ou case todos os galegos que eran indiferentes ás reivindicacións nacionais galegas, se convertesen arestora en militantes anti. Quizás conveña afinar o olfacto. Por exemplo sobre as bandeiras, como símbolos que son, e que se izan nos corazóns, como dicía máis ou menos Blas Infante. Interpelan pouco á razón as bandeiras, case nada. 

O rexeitamento que sentimos pola española os da miña xeración é dificilmente superábel, porque remite a Franco, ao fascismo, á roña da ditadura, a todo iso. Mais é fácil intuír que os novos nin a ven nin a senten así, asúmana ou non. Os observadores atentos seguro que notaron o cambio de percepción colectiva da bandeira española nun mundial de fútbol que houbo hai uns anos; a simbólica na súa expresión pública ía cambiando a medida que a selección española gañaba partidos, con esa rapidez. Tampouco é que se convertese nunha bandeira deportiva, claro está. Sempre falando de Galicia, non de Cataluña. Convén aclaralo porque hai quen vive en Galicia e cre que vive en Cataluña e ao non darlles as contas aquí, pois falan e escriben de Cataluña como se vivisen alí e esquecen que viven aquí. É unha especie de nacionalismo máxico. Cando lles preguntan por Galicia din que está paralizada desde o remate da guerra civil, nin máis nin menos, e volven montar no Dragon Kann e a deslizarse.

Hai quen vive en Galicia e cre que vive en Cataluña e ao non darlles as contas aquí, pois falan e escriben de Cataluña como se vivisen alí e esquecen que viven aquí

Nese nacionalismo máxico tamén entran algúns alternativos. Antes do verán do ano pasado, cando o choque de trens estaba a piques de iniciarse, decidiron atender prioritariamente á independencia de Cataluña. Se lles preguntabas polas reivindicacións sociais que compactaran as mareas, o 15 M e tal, pois comezaban por elas, pero axiña pasaban a falar da independencia de Cataluña, sen dúbida máis emocionante.

E así, de súpeto (isto vai máis pola beira do BNG), case todo o nacionalismo galego pasou a ser independentista sen análise mediante, só por fascinación, cando era maioritariamente federalista ou confederal até hai máis ou menos dezaoito meses. É un asombro como cambian os tempos sen que nada obxectivo mude.

O procés catalá é a reacción dunha sociedade que consciente ou inconscientemente intenta pasar a costura entre o norte de Europa e o sur dos PIGS para o límite de Tarragona con Castellón, ficando eles arriba.

A deriva independentista catalá ten unha forte compoñente egoísta. Carece de semellanza cos movementos de liberación dos países colonizados. O procés catalá é a reacción dunha sociedade que consciente ou inconscientemente intenta pasar a costura entre o norte de Europa e o sur dos PIGS para o límite de Tarragona con Castellón, ficando eles arriba. Ese é o motor, a parte esencial do problema, aínda que non o único, nin moito menos. O motor vai cuberto pola carrozaría e intúese e até se ouve, pero non se ve. O independentismo catalán esquiva o problema central, o cerne, que é o desfalco da oligarquía, e céntrase na suposta detracción dos medios económicos de Cataluña para os territorios pobres do Estado español, entre eles Galicia.

 

Que máis lle pasa á esquerda para que agrome a extrema dereita?

No 2014 comezou a diminuír a intensidade do debate e da mobilización (xerados coa crise) contra o roubo que levan a cabo os bancos e as eléctricas

Hai uns anos, poucos pero non sei cantos, quizás no dous mil catorce ou por aí, comezou a diminuír a intensidade do debate e da mobilización (xerados coa crise) contra o roubo que levan a cabo os bancos e as eléctricas; baixou a resistencia contra os desafiuzamentos, contra a falta de medios económicos das familias, contra a conxelación dos salarios e o terríbel aumento do paro, a nova emigración, e foi deixando paso, case imperceptibelmente, sempre no ámbito político da esquerda, a unha insistencia cada vez máis exclusiva na loita polos dereitos da muller e tamén dos homosexuais; aumentaba tamén a intensidade da cuestión catalá, absorbendo enerxías e a memoria histórica que nunca perdera impulso volveu ao primeiro plano e todo iso xunto pero seccionado, separado, diversificado, converteuse novamente no centro da preocupación e da actividade social. Crendo ademais que ese era o asunto principal, cando non o era. Eran asuntos importantes pero o principal non. Estabamos de novo moi perto de cando o ministro Xosé Blanco, do goberno Zapatero, dixera que aos bancos nin tocalos. Políticas de diversidade si.

El Roto condensouno perfectamente (ultimamente fai condensacións que rozan o lamentábel pero iso é outra cousa). Condensouno así: un magnate chamaba polo móbil, que en realidade era unha cascuda enorme pegada á súa orella e dicía: “Cambiaron a loita de clases pola loita de sexos, estamos salvados”. Ese oligarca fala de estratexia como o lector xa adiviñaría, non da contrariedade que calquera muller ou home sensíbel á reivindicación feminina pode sentir á hora de discernir o chiste. O seu paraíso é o noso inferno, o que nos levará á desgraza social se acontece que se abandona o centro das demandas e se continúa nas que non son centro, importantísimas algunhas, pero non centrais.

Moitos parados e asalariados e tamén cidadáns de clase media empobrecidos que até agora votaban esquerda poden correr o voto e as simpatías cara a extrema dereita ou ficar na casa

Trasladando iso hoxe a Córdoba e a Sevilla e axiña á Coruña e a Valencia: moitos parados e asalariados e tamén cidadáns de clase media empobrecidos que até agora votaban esquerda, ou dereita moderada (como nos barrios proletarios de París votaban PCF e pasaron a facelo por Le Pen) poden correr o voto e as simpatías cara a extrema dereita ou ficar na casa, visto que das súas necesidades ninguén se fai cargo.

Nos problemas hai graos de importancia, evidente. O individuo da cascuda fala de estratexia e a esquerda debería facelo tamén. E por tanto de prioridades. Ao cidadán endebedado, ou sen salario, ou progresivamente máis necesitado, resúltalle esencial que aborden os seus problemas, e os principais non son eses que ocupan o núcleo das axendas, nobres, xustos e absolutamente necesarios, pero non os principais.

En Italia ante a deserción da esquerda (é diferente que no Estado español, certo) Salvini está a converterse nun grande líder. Tampouco é porque a poboación sexa facha, a razón é que fala dos problemas centrais da xente; é un lobo vestido de año, pero centra o problema, o que preocupa, mentres o Partido Democrático é unha vergoña absoluta. Escoito a Salvini con certa frecuencia, para saber como vai a cousa, e non é Mussolini como o pretenden caricaturizar. Cómpre analizar ben, non caer no sal gordo, e non é fácil. Son os espazos baleiros, que a esquerda non cobre, porque non está, ou non está a iso.

Despois de 2008 os problemas da moitos pasaron a ser os primarios, os da supervivencia. Obter comida, conservar o teito, poder vestir os fillos. Atoparon amparo en Cáritas Diocesanas, mellor ou peor, pero alí. Puro empirismo, actos de amor, dito sen ser católico (quen o rebata debería facelo con folla de servizos, como mínimo equivalente á deles). Os sindicatos chamados de clase tiñan miles de metros cadrados sen usar, dispuñan de liberados e afiliados e non reaccionaron. Alejandro Lerroux inventou un fermosísimo instrumento chamado Casas do pobo na primeira década do século vinte, que despois copiou o socialismo. Alí trataban de paliar as enormes carencias da miseria, médicas, de instrución, materiais. Tivo un enorme éxito en Barcelona. Ademais de acoller, tocar, acariñar e compartir co necesitado, de vinculalo.

Xa non hai memoria do socorro vermello, perdeuse. A rutina fixo que os sindicalistas se cinguisen con moi pouca flexibilidade a atender os asalariados

É verdade que foron precisamente os sindicatos e os partidos de clase os que lograron que iso xa non fixese falta, pero cando volveu selo, non souberon reaccionar, e son algúns católicos os que o fan. E nos antípodas están tamén os nazis de Amencer Dourado en Grecia, lobos tamén, e noutra civilización os Irmáns musulmáns. Xa non hai memoria do socorro vermello, perdeuse. A rutina fixo que os sindicalistas se cinguisen con moi pouca flexibilidade a atender os asalariados. O que se quere resaltar é a falta de reflexos, a carencia de iniciativas e a evidencia de que os parados, os que caeron na indixencia ou na case necesidade absoluta, non poden fixarse nos órganos da esquerda, nos grupos nin nos partidos senón en aqueles que os socorren e nas persoas que centran o discurso para os seus problemas. É o básico de calquera trato.

O outro día puña nun escrito que en Vigo hai dezaoito mil familias acollidas ao bono social de electricidade. Dicíao unha xornalista referíndose á pallasada de Caballero coas luces de Nadal. En Galicia hai 180.000 fogares que poderían acollerse. En agosto deste ano, un mes antes de rematar o prazo para solicitalo, só presentara os papeis a quinta parte. A carencia de información era tan grande que o goberno decidiu ampliar o prazo até Nadal. Chaman a atención varias cousas. Unha é a propia falta de información institucional. Outra, a falta de implicación doutras institucións próximas aos veciños, gobernadas pola esquerda, que apenas inciden nas necesidades materiais creadas polo saqueo económico da banca e dos oligopolios e que no entanto amosan unha sensibilidade agudísima para os problemas da diversidade.

O goberno de Ada Colau creou unha compañía eléctrica pública en Barcelona, e un terzo da vivenda que se constrúa ha ser social. Asombra que iso non estea difundido até a saciedade

O goberno de Ada Colau creou unha compañía eléctrica pública en Barcelona, e un terzo da vivenda que se constrúa ha ser social. Asombra que iso non estea difundido até a saciedade, que entre no fluxo da información dos esquerdistas como se fosen cuestións sectoriais, que afectan a colectivos específicos e que se perda a potentísima mensaxe que nos lanza. Porque esa é a cuestión, ou iso está dentro da cuestión, da principal.

Uns amigos de Ferrol convidan ultimamente a canta xente conversa con eles a que lean La trampa de la diversidad, un libro editado hai pouco por Akal.

O importante [para o neoliberalismo] é retirar as demandas económicas, romper a acción colectiva e desviar o conflito para as demandas sectoriais

Di que o neoliberalismo é un proxecto para eliminar primeiro os resultados das revolucións, as súas conquistas sociais e despois as do Estado de benestar. E que o importante é retirar as demandas económicas, romper a acción colectiva e desviar o conflito para as demandas sectoriais. Que non haxa unidade colectiva, que os problemas económicos, os que atinxen á maioría, non sexan percibidos como comúns; cada colectivo debe ter uns ideais diferentes, ser consumidores de singularidades, mentres as clases dominantes detraen a riqueza, adelgazando o estado e deteriorando os servizos públicos. É a fragmentación das políticas da diversidade, sen que fique consciencia do obxectivo común da maioría, que tería que ser a redistribución.

Os que nos formamos no marxismo nos anos setenta sabíamos iso. Víamos o maio do 68 e parecíanos interesante, pero sentíamos que aquelas demandas non ían ao núcleo. O mesmo acontecía coas que propugnaba a esquerda dos EEUU. Non cuestionaban o poder. Sabiámolo pero esquecéronnolo, ou esquecémolo, lentamente, ao longo dos anos. Foise esvaecendo até desaparecer, até entrar na trampa e chegar a esta confusión, na que a identidade dos traballadores está desaparecida e os plutócratas exhiben a súa con convicción e orgullo. Lograron que aceptásemos o mundo como fragmentario e anasíbel, di Daniel Bernabé, o autor do libro. Arestora a clase traballadora descoñece a existencia de si mesma.

Arestora a clase traballadora descoñece a existencia de si mesma

Na revolta dos Gilets jeunes, os que comunican cos medios de comunicación, din que existe a estratexia do empobrecemento e que eles saen á rúa por esa causa, porque se están, porque se empobrecen as clases populares, que ademais son a maioría e a esta hora nin saben que son clases populares. Jacline Mouraud fala como representante e afirma que dentro desa estratexia son asasinados a taxas, mentres o estado non fai caso da evasión fiscal.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.