Arredor do Novo Proxecto Común

Comezo a ter a estraña sensación ―lendo os debates que van xurdindo aquí e acolá sobre iso que se coñece como O novo proxecto común― de que nesta terra, mesmo en sectores considerados renovadores e modernizadores, continuamos enleados en rifas ben antigas. E é que seguir a facer a lectura da ruptura do BNG como a escisión entre comunistas e socialdemócratas é, ou ben unha caricatura (porque non outra cousa é seguir a considerar á UPG como un partido comunista ou seguir a crer que a socialdemocracia, tal como se entendía con anterioridade ao enxendro da Terceira Vía, aínda é posible e, se me apuran, mesmo desexable) ou ben unha mostra de preguiza e de cofeo na comodidade que dá seguir a pensar o mundo como se as últimas décadas non tivesen existido.

A razón de existir da tradición marxista-leninista era a presenza dunha clase obreira miserenta e non integrada, un exército en potencia, á que un estado maior, a vangarda revolucionaria, podía organizar e guiar nunha estratexia insurrecional co obxectivo de instaurar un Estado hexemonizado pola clase operaria. O logro dos 30 gloriosos, posteriores a 1945, foi integrar económica e ideoloxicamente a ese exército de obreiros a base de darlles acceso ao benestar e ao consumo de masas. Así, o nacemento da clase media supón a morte da estratexia revolucionaria clásica. Gramsci, cunha capacidade de anticipación asombrosa, falou ben cedo de que na Europa occidental cumpría máis ben aplicarse a unha guerra de posicións que loitase pola hexemonía que á guerra de movemento (a toma do poder mediante o golpe de estado, a semellanza da Rusia de 1917).

Todo isto xa é historia, de aí que o do suposto leninismo da UPG (e doutros grupos que por aí andan) non é máis ca verniz estético, con nula incidencia na súa praxe real, do mesmo xeito que nos cadros de cotización de bolsa na China actual (así o conta Josep Fontana) a cor vermella se emprega para indicar os aumentos de cotización, a diferenza do que ocorre no resto do mundo no que o verde se usa para as ganancias e o vermello para as perdas. Puro ideoloxismo sen consecuencias.

A clase media é, a un tempo, a gran creación da estratexia socialdemócrata e tamén a súa tumba

Pola súa banda, a razón de existir da estratexia socialdemócrata (lembremos que o seu momento de gloria dáse nun contexto no que a intervención pública na economía se consideraba necesaria para reconstruír un continente machucado pola guerra) consistía en demostrar que existía unha alternativa aos cantos de serea de xustiza social que chegaban da URSS e que esta alternativa pasaba pola loita política nas institucións, pola simbiose cun movemento sindical potente que actuaba como contrapeso ao poder da patronal e, non o esquezamos, pola inexistencia do poder mediático tal e como hoxe o coñecemos; un poder mediático, ademais, que, na medida en que existía, non cuestionaba os consensos do antifascismo e refugaba de tensar a unhas sociedades fartas da guerra.

A clase media é, a un tempo, a gran creación da estratexia socialdemócrata e tamén a súa tumba. Se o esboroamento da Unión Soviética supuxo a fin dun contrapeso xeopolítico que contribuía decisivamente á existencia do Estado do Benestar europeo, a contrarrevolución conservadora iniciada nos anos 70 habería rematar a faena conseguindo a cuadratura do círculo: expandir a ideoloxía da clase media acabando co movemento obreiro ao tempo que se cercenaba a condición de posibilidade da existencia económica da propia clase media. É dicir, o éxito último do neoliberalismo en Europa consistiu en polarizar economicamente á sociedade ao tempo que ideoloxicamente a facía máis compacta e con menos capacidade de sequera imaxinar unha alternativa ao estado de cousas (algo, se cabe, aínda máis dramático nun momento de crise do sistema como o que estamos a vivir no presente).

É así que o PP pode agora dicir sen rubor que é o partido dos traballadores. Porque, efectivamente, os traballadores realmente existentes xa hai tempo que perderon a súa condición de clase diferenciada, coas súa prácticas sociais xenuínas e a súa propia cultura, e que se integraron nese gran e difuso construto que é o pensamento e práctica social da clase media. De aí que hoxe todos os partidos, a comezar polos socialdemócratas, sexan, no fondo, catch all parties.

A globalización acabou de desarmar a unhas sociedades que verían como a soberanía estatal era deconstruída en favor de superestruturas non controladas democraticamente como a UE

Engadido a isto, o fenómeno da globalización acabou de desarmar a unhas sociedades que verían como a soberanía estatal era deconstruída en favor de superestruturas non controladas democraticamente como a UE. Isto, que desde nacións periféricas como a nosa podería dar lugar a lecturas positivas, estase a demostrar como un auténtico espellismo, pois pasamos de estar condicionados por estados-nación que aínda posuían certa capacidade para tomaren decisións (e nas que, mal que ben, aínda podiamos influír nalgún sentido) a estármolo por burocracias moi afastadas nas que apenas temos capacidade de influír e nas que, por riba, temos que seguir mediando a través dos mesmos estados-nación pero baleirados de substancia soberana. Por dicilo na vella xerga do postcolonialismo: agora estamos a ser colonizados por colonias que por non poder, non poden nin acuñar moeda e cuxa metrópole é algo tan difuso como o fluír sen patria de capitais.

Por iso, con este contexto como pano de fondo, unha ferramenta política que naza coa pretensión de ser útil a medio prazo na transformación da sociedade debería, na miña opinión, abordar as seguintes cuestións:

  1. Como conseguir crear unha cultura de movemento. A simple creación dun partido político ao uso para xogar nas institucións sen asumir a necesidade de crear tecido social e ferramentas comunicativas que poidan deter a apisoadora ideolóxica neoliberal (os medios de comunicación, dío Manuel Castells, non son o cuarto poder, son o lugar no que se crea o poder) semella unha tarefa insuficiente e, en derradeiro caso, abocada ao fracaso.
  2. Cal debe ser a relación do partido cunhas institucións cada vez máis baleiras de capacidade real de acción. Dito doutro xeito, como conxugar o carácter reformista de todo partido que aspira a estar nas institucións co carácter revolucionario que debería ter un partido consciente das limitacións implícitas a esas mesmas institucións. Dous exemplos: a) Os límites impostos pola xustiza española á reforma democrática do Estatut de Catalunya están obrigando ao nacionalismo catalán a buscar, na mobilización da sociedade civil pola independencia, novos camiños que sorteen eses límites institucionais. b) A consideración de precepto constitucional das políticas de déficit cero aprobado tanto por PSOE como por PP, seguindo as ordes de Bruxelas, é unha boa mostra do corsé que supoñen, cada vez máis, as institucións actuais para calquera política alternativa ao dogma neoliberal. Pero como ademais dos impedimentos legais para levar a cabo certas políticas hai tamén outros impedimentos non escritos pero tremendamente condicionantes, a cuestión máis importante que afronta hoxe a esquerda en toda Europa non é tanto a de ser capaz de crear un programa alternativo ao da dereita, senón a de atreverse a levalo a cabo malia que adveña a apocalipse. Velaí o reto revolucionario da esquerda de hoxe.
  3. Se, malia a dificultade estrutural de implementar políticas alternativas, se puidese facer política económica keynesiana, cómo impedir que a inercia e o curtopracismo inherente a toda organización bloqueen nese potencial partido-movemento a vontade de probar tamén outras políticas que desafíen a lóxica do capitalismo de consumo de masas e que inclúan o discurso ecoloxista. No mundo global e multipolar cara ao que camiñamos non deberiamos perder de vista que o keynesianismo, que en comparación co neoliberalismo semella hoxe revolucionario, pode acabar converténdose nunha política económica tan suicida como a neoliberal. Non hai planeta para unha política industrial keynesiana multiplicada por todos os países do mundo que hoxe, a diferenza de 1945, si están en disposición de poderen desenvolver tales políticas e que contan cunhas poboacións que devecen polo mesmo benestar ca nós; de aí que no presente a contradición xa non se dea exclusivamente entre economía privada vs. economía pública senón tamén entre estas e a noción do Común (todo aquilo que precisamos para levar unha vida digna e que o industrialismo tanto de iniciativa privada como pública pode ameazar).
  4. A porosidade entre o partido que leve á instancia política as demandas populares e os movementos sociais que, coa sua praxe, poñen en práctica ese novo Ethos que desafíe o sistema de valores imperante debería estar por riba da lóxica institucional na que todo partido acaba enleado. Este partido-movemento de novo cuño debería construírse de xeito que puidese evitar o camiño que vai da especialización dos cargos políticos ás burocracias retroalimentadas (“espíritos coagulados”, que diría Max Weber), de xeito que se impedise en todo momento a conformación de nomenclaturas que rematasen por facer da súa reprodución un fin en si mesmo. Algo, por certo, que non é un vicio imputable en exclusiva á UPG senón que se repite en todas as organización políticas existentes. Así, vimos de ver na asamblea na que +GZ decidía se permanecía ou non como corrente dentro do BNG, como a aplicación da máxima conservadora ignaciana de non facer mudanzas en tempos de tribulación coincidiu, salvo honrosas excepcións, e non por casualidade, xustamente nas persoas que tiñan algún cargo relevante no Bloque ou nas institucións.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.