As previsións, encomendarse ao azar

Hai uns días, arrinconei ao experto en política fiscal e autor do blog especializado TAXLANDIA Antón Beiras Cal para que me explicase de forma amena e didáctica, segundo o seu estilo, como vía a  política fiscal do goberno actual. Antón é un economista cunha gran virtude na miña opinión , a de falar de política fiscal de forma sinxela e amena polo cal uso e abuso da súa paciencia.

Con paciencia veume a dicir que, evidentemente pretendíase aumentar a presión fiscal sobre os contribuíntes nos tramos máis altos, non tan altos quizais pero evidentemente non sobre as rendas máis baixas xa que estas sofren máis a presión impositiva de forma indirecta. É dicir que o 21% de Iva ou os copagos farmacéuticos afectan máis á economía de alguén que ingresa 18000 e ao ano que a alguén que ingresa 60.000?

Por tanto preténdese aumentar os ingresos, aumentando a presión fiscal directa e tamén a indirecta asi como reducir o gasto. Desta forma evitaremos seguir endebedándonos, que xa o estamos até as cellas. e o problema deste endebedamento do estado é que agora non pesa demasiado porque os intereses están moi baixos pero en canto empecen a subir podemos asfixiarnos.

Nese momento lembrei os estadillos en táboa de Excel que manexo, uns documentos sinxelos onde de forma semestral reflexo os gastos previstos para cada mes e a estimación de servizos que vou facer como ingresos. O curioso é que a miña previsión de gastos é case sempre superada, é dicir sempre gasto máis do que teño previsto. Un incidente co coche, unha multa de tráfico, unha celebración inesperada.

No caso dos ingresos pasa xusto ao contrario ou ben sobre o papel ingreso tanto pero a realidade é que alguén produce falta de pagamento ou se demoran no pago dun servizo, en ocasións simplemente atrásano.

Polo xeral esta é a situación máis habitual nunha previsión de gastos, ingresos polo que hai que prever sempre os ingresos moi por baixo das expectativas e os gastos cunha marxe superior para evitar sustos.

Con este pensamento comenteille: ¿Pero Antón as previsións son encomendarse ao azar?.

O meu interlocutor sorriu

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.