Bakin' Blues Band presenta Ten Longs Years 2008-2018

A Bakin’ Blues Band, unha das formacións máis lónxevas e coñecidas do xénero blues en Galicia, conmemorou o seu décimo aniversario presentando disco no Teatro Principal de Santiago o 20 de abril. O grupo preparou unha gran festa en dúas partes que comezou no Principal, onde repasou os temas clásicos do seu repertorio, seguidos dunha jam session no clube Dado Dadá na que tiveron a ocasión de compartir experiencias vitais e sonoras cos amigos que os acompañaron sobre as táboas durante estes dez anos, e tamén de dar a alternativa ás novas promesas do xénero. No escenario do Principal acompañaron á banda o dúo de coristas formado por Carla Green e Javi Gradín, ademáis do trío de vento metal composto por Olivier Cano (saxo barítono), Maikel Rojo (trompeta) e Martiño D. Mato (saxo tenor). Con motivo do décimo aniversario presentarase un CD titulado Ten Long Years no que se fai repaso da súa actividade en quince cortes gravados en directo.

As influencias da banda, formada actualmente por Javi Turnes (guitarra e voz), Tato Vázquez (guitarra), Ale Casquero (teclados), Lucas Fernández (batería) e Fran Sanz (baixo), abranguen un amplo espectro sonoro que vai dende o blues de Chicago até o shuffle de Lowell Fulsom, sen esquencer ós grandes mestres coma Muddy Waters, Howlin’ Wolf ou Little Walter. Ademáis do espírito da música que lle da nome e a través dela, a Bakin’ pretende transmitir valores de fraternidade e humildade fronte a un mundo cada vez máis deshumanizado. Bakin’ Blues Band fundouse en Santiago de Compostela en 2008 por Turnes, Tato, Bibi Prieto (baixo) e Fran Facal (batería), e por ela pasaron infinidade de músicos nunha sorte de John Mayall’s Bluesbrakers á galega.
Reseña histórica/informe sobre a Historia do Blues en Santiago:

Hei de recoñecer que cando souben que acababa de nacer un novo grupo de blues en Compostela, hai agora dez anos, acollín a nova cunha mestura de fastío e escepticismo

Hei de recoñecer que cando souben que acababa de nacer un novo grupo de blues en Compostela, hai agora dez anos, acollín a nova cunha mestura de fastío e escepticismo. Fastío porque dende o principio dos anos 90, momento no cal a miña relación coa música pop pasou a ser de oínte a executante, formáronse moitos conxuntos destas características na cidade. A Red Blues Band, Cocodrilo Blues, The King Biscuit Time e tantas outras bandas e as súas correspondentes escisións asemellaban demasiadas para unha cidade tan pequena. E escepticismo, porque, despois dos moitos logros iniciáticos da Red Blues Band, a perfección e precisión sónica de Cocodrilo Blues e a experimentación nos límites do blues-rock de Miskatones, que ou quen podería aportar algo máis ó blues compostelán?
O blues, o vello blues, nin sequera era unha novidade en Compostela. Dende os albores do rock en Santiago a principios dos anos 60, existiron formacións máis ou menos vencelladas ós ritmos de ultramar entre as que destacaron Teddy Rock, especialistas en interpretar o cancioneiro dos Teen Tops. Xa a mediados da década, conxuntos coma Los Nibelungos, máis tarde renomeados Los Sueños, foron dos primeiros da nosa cidade en recoñecer grandes influencias da música negra, adicando boa parte do seu repertorio ó rhythm and blues e á música soul. Deles é a que probablemente sexa a primeira canción compostelá con nome de blues, unha adaptación de Get Out Of My Life, Woman, un tema de Lee Dorsey que eles denominaron Blues 22 en honor ó número 22 da Rúa de San Roque, onde tiñan o seu local de ensaio.

A comezos dos anos setenta, o grupo Question, formado polos guitarristas Roberto Abal e Antón Porteiro, o entón baixista Emilio Cao e o baterista Ricardo Máiz, tocou blues “até fartarse e fartar a todos”, antes de se converteren, tralos pertinentes cambios de formación, nos históricos N.H.U. As longas sesións de improvisación baseadas en parte no blues clásico e moderno deron o seu froito na forma do cotizadísimo LP que a banda publicou en 1978. Os sons máis progresivos coma os de N.H.U. foron a auténtica alternativa á música de pachanga que dominaba a maior parte da oferta musical de ocio nesta época, con excepción dalgunha que outra formación coma Preludio ou Vella Escola, que a finais da década e comezos da seguinte interpretaban country, blues e ragtime en locais do Ensanche santiagués. Preludio conformárono Rafael Díaz Lage, Luis Martín Otero Vilas e Javier Pérez-Schofield, quen trouxera parte do repertorio dos Estados Unidos. O sempre activo Chema Ríos foi un dos artífices de Vella Escola, que contaba coa voz principal de Marcelo, un rapaz guineano que de neno formara parte do circo da Cidade dos Muchachos.

A principios dos noventa, a Red Blues Band de Marcos Coll, Adrián Costa, Kowe Komba, Pine, Baltasar e Palmiro adornaron cos seus sons, vitalidade e canallada, todo tipo de garitos composteláns, na constante busca de novas músicas e experiencias. Deuse neste momento un pequeño brote do estilo na cidade, que tivo nas noites do Cuncas e a Casa do Patín os seus momentos máis candentes. O entusiasmo da Red Blues Band e outros proxectos parecidos levou ó blues alén destes lugares, podéndose escoitar blues made in Santiago en sitios tan dispares coma o pub Snoopy, o pub Koyote, o Topolino, o Metate, a Praza dos Gatos, a Casa Encantada ou diversos festivais dos institutos de bacharelato.

A Red pronto comezou a buscar distintos formatos para poder actuar máis a miudo, presentándose Pine, Coll e Kowe en formación de trío baixo o nome de King Biscuit Time. Xulián Freire, guitarra solista de Miskatones, abandoou a formación ó redor de 1994 para centrarse dende entón case exclusivamente no blues, aparecendo en solitario en diversos pubs de Santiago, coma a enxebre Cova da Vella. Tamén colaborou en distintas formacións e escisións da Red Blues Band. Miskatones, pola súa banda, endureceron o seu repertorio de rock sólido, sen deixar nunca de lado as raíces do blues. Outro dos grupos que máis sona acadaron entre a rapazada Compostelá dos noventa foron Cocodrilo Blues. Alberto e Darío, os seus guitarristas, eran algo maiores ca nós e dominaban os seus instrumentos con grande maestría e limpeza, decantándose por unha vertente do blues máis virtuoso e cristalino. Outros guitarristas coma Xaime Alvarellos amosaban con orgullo a súa querencia polo clasicismo de Eric Clapton, mesturado no seu repertorio con temas de Neil Young.

Os Miskatones remanentes, Mon Orencio, Fran Facal e Xacobe Prieto, xunto a Javi Turnes, formaron Degüello, unha interesante banda de tributo a ZZ Top. Coma queira que o blues rock destes texanos sóubolles a pouco, Turnes (voz e guitarra) e Facal (batería), máis Bibi Prieto (baixo), irmán de Xacobe, e o guitarrista David Tato Vázquez iniciaron xa hai dez anos a aventura da Bakin’ Blues Band. A primeira residencia da Bakin’ mantivérona no Café Rodin, en Cee, decidindo moverse a Santiago ó pouco tempo de comezar a banda. A Bakin’ pasou entón a actuar tódolos domingos pola noite no Vagamundos, un bar do casco vello que rexentaban dous amigos chamados David e Fran. Na mellor tradición dos bares musicais, había que baixar uns cantos chanzos en dous tramos para atopar á banda no underground, tocando nunha atmósfera fumeante e rebulinte. Turnes, Prieto, Tato e Facal botaron un ano no Vaga actuando como banda residente. Na seguinte tempada pasaron a comparecer tódolos xoves no veterán clube de jazz Dado Dadá, durando esta residencia tres anos nos que contribuiron a abrir este espazo a todo tipo de público.

Eles mantiveron a luz nunha etapa na que o blues se atopaba pouco ou nada representado na cidade do Apóstolo, preservándoo sen que ninguén llo pedise nin lle dese as grazas.

Nesta fase comezaron a viaxar con frecuencia a Madrid, onde actuaron en numerosas ocasións na sala la Coquette, sede da Sociedade de Blues da capital de España. En abril de 2013 saiu o seu primeiro disco, o CD Jumpin' in a Deep Blue Sea, no que incluían a composición propia The Road Back Home Blues entre outros clásicos do xénero. Xusto dous anos despois lanzaban It’s Always Party Time at Home, un EP en vinilo de 10” que recollía as súas debilidades en forma de temas orixinais: unha rumba, un funk, un slow e un swing son os estilos representados nos seus sucos. Un dos grandes momentos da Bakin’ foi o concerto no que acompañaron á guitarrista estadounidense Barbara Lynn, enmarcado no Outono Códax Festival de 2013. Logo de pasar por varios dos eventos máis importantes relacionados co blues en España e Portugal, a iniciativa de Javi Turnes permitiu organizar o I Fisterra Blues Experience o pasado verán. A banda, que leva sendo residente do pub compostelán Fraggle Rock os últimos seis anos, está composta actualmente por Javi Turnes (guitarra e voz), Tato Vázquez (guitarra), Ale Casquero (teclados), Lucas Fernández (batería) e Fran Sanz (baixo), abranguen un amplo espectro sonoro que vai dende o blues de Chicago até o shuffle de Lowell Fulsom, sen esquencer ós grandes mestres coma Muddy Waters, Howlin’ Wolf ou Little Walter. Ademáis do espírito da música que lle da nome e a través dela, a Bakin’ pretende transmitir valores de fraternidade e humildade fronte a un mundo cada vez máis deshumanizado. Coma se se tratase duns John Mayall’s Bluesbrakers á galega, o grupo funcionou coma unha escola de blues pola que pasaron multitude de músicos nestes dez anos. Ademáis, convén resaltar outro dos seus méritos: a fundación da Sociedade de Blues de Compostela en 2017, asociación que vela polos intereses do xénero na nosa cidade.    

Volvendo ó meu escepticismo inicial, ó interrogante que me xurdiu hai dez anos no subterráneo do Vagamundos, a contribución da Bakin’ á música compostelá do século XXI foi a de deixar a semente do blues e da camaradaría nas novas xeracións de músicos da cidade interesados no xénero. Eles mantiveron a luz nunha etapa na que o blues se atopaba pouco ou nada representado na cidade do Apóstolo, preservándoo sen que ninguén llo pedise nin lle dese as grazas. A banda transfiriunos, case sen propoñelo, o valor da humildade, e do traballo intenso a nivel underground, non sempre recoñecido. A Bakin’ Blues Band non adoita recoller grandes eloxios mediáticos, nin de ningún tipo, e poucos recoñecerán o seu influxo, aínda que o teñan. A celebración destes Ten Long Years é unha mostra do auténtico valor da Bakin’ Blues Band, unha familia na que non ten máis cabida ca música, o crecemento vital e o desfrute coas vellas e novas amistades, sobrevivindo modestamente e á marxe de calquera tipo de pose forzada que tanto abonda nos últimos tempos.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.