Baltar: O último test para o PP

O asunto Baltar é o último test coñecido para medir a solvencia democrática do PP. A sobreactuación retórica que está utilizando Mariano Rajoy no conflito catalán desaparece cando os valores e as consideracións éticas deben ser aplicadas ao virrei ourensán.

A sobreactuación retórica que está utilizando Mariano Rajoy no conflito catalán desaparece cando os valores e as consideracións éticas deben ser aplicadas ao virrei ourensán.

A coartada das responsabilidades xudiciais xa é un clásico no argumentario que manexa habitualmente o partido que hexemoniza a Xunta e a deputación de Ourense. O fiscal que recibiu a denuncia do intercambio de sexo por traballo na institución provincial xa dixo que non tiña présa. Que se vai tomar a cousa con calma. O vello Baltar xa coñece ben esa actitude lenta da xustiza que opera no seu territorio. O problema, para o fillo, non son os prazos legais senón as urxencias políticas. Se as gravacións aportadas pola muller denunciante non son retiradas, non hai dúbida sobre o expreso recoñecemento que se fai nas mesmas a respecto das lóxicas clientelares que rexen na deputación que veñen usufrutuando os membros do clan Baltar. Mais alá dos eventuais ilícitos penais, é indiscutíbel unha práctica que resulta incompatíbel coa decencia esixíbel a un cargo público. A dimisión non é unha opción:é o menos que se pode pedir a un representante político que administra recursos públicos e que prometeu cumprir a letra e o espírito que dimana dos textos básicos que sustentan o sistema democrático.

Pero é que ademais, X.M. Baltar e o PP cometeron a grave provocación de boicotear –coa súa inasistencia- o pleno extraordinario que debía debater o comportamento do presidente da deputación. Semellante conduta fica fóra de calquera parámetro de normalidade institucional. Coloca ao dirixente do PP nunha rebeldía práctica fronte ás súas obrigas como gobernante.

Feijóo está escribindo unha páxina penosa; no canto de promover a renuncia de Baltar, preferiu desprazar a responsabilidade á muller que fixo público o sucedido

Neste asunto, Núñez Feijoo está escribindo unha páxina penosa. No canto de facer uso da súa autoridade e promover a renuncia de Baltar, preferiu botar man de burdos xuízos exculpatorios que desprazan a responsabilidade á muller que fixo público o sucedido. Se o presidente da Xunta non quere actuar por medo a que a familia Baltar monte un partido en Ourense que lle reste votos nas vindeiras campañas electorais, está demostrando a fraxilidade das súas conviccións e os limites do seu pretendido liderado no partido.

Se ademais de todos os casos de corrupción coñecidos, X.M. Baltar come o turrón como presidente da deputación de Ourense, o PPdG perderá definitivamente a súa credibilidade política. E o corpo social da provincia deberá demostrar, nas urnas, cal é o estado da súa saúde moral. Ninguén poderá alegar ignorancia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.