Caza de bruxas en En Marea

Coas crises, normalmente, revélanse contradiccións acumuladas, son fenómenos que reflicten os verdadeiros intereses que defende cada un dos actores presentes. A crise de En Marea, provocada pola petición da demisión de Paula Quinteiro polos secuestradores da unidade popular, pon en claro moitas cuestións.

Resulta sorprendente que a unha campaña artellada polos medios de comunicación máis reaccionarios do país, pola Voz de Galicia e o Partido Popular de Feijóo, se lle dea máis crédito que a unha compañeira de espazo político. Máis se cabe, cando os únicos argumentos e probas esgrimidas son o propio linchamento público por parte da dereita. 

A Voz de Galicia e o PP forman un tandem habitual, que nunca dubidou en utilizar toda a súa forza mediática para debilitar ás forzas de esquerda, buscando abrirlle guerras internas, favorecendo sempre aos máis moderados e intentando apartar da vida pública aos sectores máis consecuentes. Os sectores máis partidarios do xiro conservador de En Marea asumiron a axenda do PP, buscando instrumentalizala no seu beneficio e atacando a Paula Quinteiro polo que esta representa: a aposta dende sempre pola unidade popular nun espazo mestizo de ruptura.

Mais, quen son estes sectores máis conservadores de En Marea? A imperturbable militancia de Cerna, que dominan politicamente a coordinadora de En Marea, levan máis anos en política dos que Paula leva neste mundo (ten 27 anos), polo que coñecen perfectamente este modus operandi. Resolver cuitas internas nun contexto de linchamento público dunha compañeira é inadmisible: ábrelle as portas á Voz de Galicia a xogar dentro de En Marea e a elixir os sectores que mellor defenden os seus intereses. 

Non só é sorprendente que o fagan, é ademais torpe. Deixan a En Marea ao pé dos cabalos, mais para eles isto último nunca pareceu ser un problema: é difícil esquecer a vergoña que nos fixeron pasar a inscritas e votantes coa súa defensa de aumento dos salarios dos parlamentarios no plenario de xullo. A xustificación? Cobramos 3 veces o salario mínimo, pero como detestamos o neoliberalismo, para nós o salario ideal é de 1000 euros, polo tanto o noso ten que ser o triple deste. No mundo neoliberal real e non no ideal, a demagoxia non da de comer, e as traballadoras non poden subir o seu salario a mil euros por consideralo xusto. Esta medida, que revela a falta de ética dos que agora se enchen a boca dela, non fai senón abondar na fenda entre as representadas e as súas representantes. (Por certo, Paula Quinteiro e as propostas apoiadas por ela opoñíanse a isto, así como á kafkiana acumulación na mesma persoa das dúas voceirías, cuxas absurdas consecuencias son cada vez máis patentes).

Resulta triste que, tras o parón vacacional e o apoio do Grupo Parlamentario, que resolveu a cuestión, non se intente volver á normalidade senón alimentar os titulares da Voz de Galicia, dándolle munición á dereita, e se pense en recurrir a instrumentos cesaristas, saltándose os propios regulamentos de En Marea, nunha consulta sen garantías legais nin precedentes, sen máis feitos que o linchamento público e sen posibilidade algunha de defensa. Con esta caza de meigas gaña o Partido Popular.

Por último: como é posible que teñamos chegado a este escenario? Como é posible que este tipo de elementos acaden tales cotas de protagonismo? Existe unha base material para a autonomizacion das organizacións e dos líderes, por pouco carismáticos que estes sexan, e que estes recurran a métodos burocráticos. A caída da participación, os peches por arriba, os intereses de parte sobre os do conxunto do espazo, ou a moderación dos posicionamentos. 

A deriva de En Marea exemplifica moi ben este ronsel, que non é alleo ao periodo de refluxo que estamos a vivir, e que é aproveitado polos sectores partidarios da "normalización" dos espazos do cambio, do adaptacionismo a un Réxime que reprime cada vez máis. En Marea foi vista dende o seu nacemento como unha vangarda, un exemplo a nivel de Estado de unidade na diversidade, de ferramenta de ruptura democrática. Por degraza, como amosa o seu funcionamento interno coa actual dirección, agora mesmo, En Marea é máis ben retagarda. 

No contexto de regresión de liberdades que vivimos, dunha xustiza cada vez menos xusta, máis deslexitimada , precisamente un xuíz debería coidarse moito de facer o mesmo portas adentro, e de lanzar unha caza de bruxas sen controles nin garantías democráticas. Que podemos facer ante estas situacións cando na casa as permitimos?
Isto vai máis alá dun caso concreto, e de non facer o rídiculo público e ante as votantes. Tamén vai de salvar a democracia, de desterrar métodos propios de Estados totalitarios das nosas organizacións politicas; de recuperar, en fin, a posibilidade de construír alternativas políticas que non se adapten ás axendas do inimigo, de mudalo todo, pero non cara atrás.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.