Centrarmos as preferentes

A mobilización cidadá desenvolvida polas plataformas dos afectados pola comercialización das preferentes acadou xa moi importantes obxectivos. A conciencia social e mediática de que un número moi importante dos seus compradores non prestou o seu consentimento en termos legais, unha demanda colectiva presentada polo Fiscal Superior de Galicia por mór desa xeralizada nulidade na prestación do consentimento ou a propia aceptación-parcial-da solución da arbitraxe de Dereito, a resolvermos no ámbito galego, son éxitos impensábeis dende a perspectiva dos afectados doutros territorios tamén atinxidos, como Catalunya, Andalucía,Madrid ou Cantabria.

Sucede que a adquisición das preferentes ten a apariencia dun contrato válido,que compre destruir para acadar unha devolución non condicionada ás regras que Europa marcou no seu “memorándum of understanding” para devolver os cartos (as entidades só poderían ofrecer o prezo da obriga no mercado secundario incrementado nun 10%). Velaí que o bó traballo desenvolvido até de agora polas plataformas teña de se completar coa preparación das mellores condicións (estudo, aproveitamento das sinerxias. menores custos posíbeis para os afectados) para o exercicio das accións en sede xudicial ou arbitral.

A arbitraxe de Dereito é a mellor solución por custo e rapidez e lle vai resolver o problema á grandísima maioría das persoas de cultura financeira básica nas que se evidencie un perfil aforrador

E cómpre dicir algunhas cousas claras. A arbitraxe de Dereito é a mellor solución por custo e rapidez e lle vai resolver o problema á grandísima maioría das persoas de cultura financeira básica nas que se evidencie un perfil aforrador, afastado e/ou ausente na súa vida dos investimentos de risco. Na eventualidade de que, a respecto dalgunhas destas persoas, NG Banco rexeitase a arbitraxe, haberían adherirse á demanda colectiva presentada pola Fiscalía Superior de Galicia e que arestora tramita un xulgado coruñés.

Canto ás persoas nas que non se dean con claridade eses perfís ou exista base documental que faga dubidar da nulidade do seu consentimento, haberían presentar demandas individuais perante o Xulgado da súa residencia, de non ser que prefiran agardar polas condicións de canxe que lles ofreza a entidade.

Son, xa que logo, tempos para concretar. Tamén para a asociación de usuarios financeiros ADICAE e para as plataformas, que haberían evitar posicionamentos de autoenroque que non levan a ningures.

A arrincadeira

A liberdade de horarios comerciais decretada por Rajoy danará aínda máis ao comercio de proximidade galego e contribuirá desertizar os nosos centros urbanos, barrios e vilas. A medida, tamén, é inconstitucional por vulnerar as competencias en comercio interior de Galicia .

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.