Coa vista posta na Moncloa

Sabíase que, dende hai un certo tempo, Alberto Núñez Feijoo ten un obxectivo fulcral na súa carreira política: suceder a Mariano Rajoy na dirección do PP e, xa que logo, ser o candidato á Moncloa nas vindeiras eleccións xerais.

Sabía que era unha cita incómoda, sen a benevolencia habitual que adoita gozar nos seus encontros xornalísticos e que, por tanto, presentaba riscos evidentes

Instalado nesa perspectiva, tiña que visitar “Salvados” para enfrontar o test que lle ía formular Jordi Evole. Convén non esquecer unha premisa básica: se foi alí é porque quería demostrar -dentro e fóra do PP- que está en disposición de sortear con éxito este tipo de retos. Sabía que era unha cita incómoda, sen a benevolencia habitual que adoita gozar nos seus encontros xornalísticos e que, por tanto, presentaba riscos evidentes. A coartada da ignorancia non existía e tampouco resultaría procedente a queixa posterior polo resume das súas respostas realizado na edición final do programa.

Se a prioridade fose reforzar a súa imaxe na política galega, o intercambio con Evole nin era necesario nin tampouco recomendábel. Asumir erros na loita contra os incendios ou nas súas relacións con persoeiros vinculados ao mundo do contrabando de tabaco -e logo do narcotráfico- constitúe unha peaxe necesaria pensando na súa carreira política estatal pero non ten moito sentido cando non os asumiu nas comparecencias realizadas no Parlamento galego. Alberto Núñez explicitou un misterioso prazo dun ano para presentar con maior énfase formal as súas credenciais para a substitución de Rajoy. Resulta curioso ese horizonte temporal porque ninguén coñece con precisión os plans do actual inquilino da Moncloa. Ou estaba falado entre ambos ou o potencial candidato cometeu unha imprudencia innecesaria que lle pode orixinar custes non previstos.

Unha última pregunta fica no ar despois de escoitar e ver o que sucedeu en “Salvados”: sería imaxinábel unha entrevista destas características no universo mediático galego?

Ao longo da entrevista foi inevitábel comentar a situación de Cataluña. Nese apartado, Feijoo fixo unha afirmación sorprendente: o Estado está practicamente desmantelado naquela Comunidade. A Axencia Tributaria, Correos...e pouco máis. Ademais de ignorar aspectos tan relevantes como o pago das pensións ou das prestacións por desemprego, o presidente da Xunta cometeu un erro impropio de alguén que presume de coñecer a filosofía da vixente estrutura territorial española: confundiu a Administración central co Estado. Tanto el como Pujol, Mas ou Urkullu forman parte da arquitectura estatal que se construíu a partir de 1978.Non entendelo así abre a porta á perigosa conclusión de que é necesario un proceso de recentralización de competencias para conseguir que ese Estado así concibido recupere o que supostamente perdeu nas últimas décadas.

Unha última pregunta fica no ar despois de escoitar e ver o que sucedeu en “Salvados”: sería imaxinábel unha entrevista destas características no universo mediático galego?

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.