Coidadiño, non vaia ter razón o Sr. Feijóo

Afirmou Feijóo no Comité Federal do PP de Galicia que unha das razóns da perda de apoio electoral do seu partido na nosa comunidade, a máis importante cuantitativamente, foi a morte de cen mil galegos e galegas nos últimos catro anos. Acabaramos!

Na miña vida escoitei argumento máis rebuscado, patético e miserento. E ollo!, que con razoamentos ben máis sinxelos se lle desmonta a «tese» a Feijóo.

De primeiras, Sr. Feijóo, está vostede dicindo que a maioría dos votos do seu partido en Galicia proveñen dos galegos e galegas máis vellos. A cifra que dá de votos non depositados por defunción é moi importante dentro do total dos votos perdidos, superior á metade.

En segundo lugar, vén a afirmar que o groso das mortes habidas en Galicia nestes últimos catro anos foron de votantes do PP: coidado con esta afirmación, que significa os e as votantes do resto de alternativas non morreron, polo menos nos últimos catro anos. Daquela, case que compensa non votar ao PP, tan sequera é garantía de lonxevidade!

En terceiro lugar, do argumento esgrimido por Feijóo debemos deducir que a xente nova non vota ao PP, escolle mormente outras opcións posto que Galicia, como todo o mundo sabe, é un país cunha taxa de xente maior moi por riba da media española e Feijóo recoñece no seu discurso que, dos 185.000 votos perdidos, 100.000 eran de xente maior que, como é lóxico. son os que maioritariamente morreron.

En cuarto lugar, no seu discurso engade que o PP de Galicia andou centrado en paliar a crise "para evitar o rescate" e, xaora, a maioría dos galegos e galegas que non morreron nestes últimos catro anos non souberon valorar o arduo traballo de despachos. Daquela, os fallos na comunicación máis os efectos das medidas de recorte aplicadas polo seu Goberno, pois, xa se sabe… Outro galo nos cantara de non morreren cen mil galegos e galegas nestes últimos catro anos.

O razoamento do Sr. Feijóo faime cavilar que, como ocorra a desgraza —Deus non o queira!— de, por calquera meigallo, morreren de golpe todas as persoas de idade avanzada en Galicia, o PP desaparece!

A este paso calquera día o Sr. Feijoo rematará por culpar ás viaxes do IMSERSO da perda de votos do seu partido, por aquelo dos accidentes de autobús.

E coidadiño, que poderiamos desvariar con análises aínda máis complexas e filosóficas, que o tema dá para moito.

Deus, canto dano fai e lideresa, e canto contaxia!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.