Confederal

A bomba nuclear que para o nacionalismo foi a asemblea de Amio deu lugar, nas eleccións galegas de 2012, á coalición AGE, un experimento de éxito que, montado no cabalo da resistencia as políticas de austeridade, disolveu as fronteiras entre nacionalismo e esquerda de obediencia non estritamente galega. Non, por certo, por primeira vez. Sen remontarse ao Fronte Popular republicano, xa Esquerda Galega concorrera con ese mesmo aliado illo tempore, por non falar, en tempos da transición, do Consello de Forzas Políticas de Galicia, que se, dunha banda, incorporaba ao Partido Carlista integraba tamén ao Movemento Comunista de Galicia, ademais de PSG, PGSD e UPG. Tal vez a verdadeira novidade consista en que, por primeira vez, dende o nacionalismo non só se facía un acordo de conxuntura política senón que, ademais, teorizábase, se pode chamarse así a facer da necesidade virtude, as bondades da mestizaxe.    

Ese experimento necesitou incorporar a un novo actor que apareceu, coa forza dun ciclón, nas eleccións europeas. Deixando á marxe como se puidera cualificar as candidaturas das Mareas para as municipais, que acaso incorporaron, aquí e alí, case sempre en segundo plano, exceptuando o caso da Coruña, algúns chegados de novo á experiencia política, o certo é que as candidaturas para as dúas convocatorias ao Parlamento español, a do 20-D e a do 26-X,  simplemente sumaron aos dous socios anteriores, ANOVA e EU, Podemos. Iso foi todo, amigos. Mais aló da retórica foron tres os partidos que se presentaron ás eleccións cunha nova marca, iso si con certo disimulo, como se as Mareas fosen algo dialecticamente superior, o que non parece que fora o caso. Simplemente AGE non podía competir con Podemos e viceversa no mesmo espazo. Foi un acordo ditado pola oportunidade política que non deu lugar a ningunha elaboración especial de tipo ideolóxico e político. Simplemente se repetiron os mantras do momento ditados pola demanda social de opoñerse á destrución do Estado de  Benestar.

Simplemente AGE non podía competir con Podemos e viceversa no mesmo espazo. Foi un acordo ditado pola oportunidade política que non deu lugar a ningunha elaboración especial de tipo ideolóxico e político

A primeira novidade nese campo é, pois, a convocatoria que, para o sábado 30 de xullo, fixeron os alcaldes da Coruña, Ferrol e Santiago. O intento parece ser facer unha candidatura para as eleccións galegas que non sexa mecanicamente unha coalición de partidos. Nesa data, ademais de incorporar a membros das mareas municipalistas non integrados nos partidos de referencia, a Marea Constituinte integrará a máis xente produto do esfiañarse nacionalista, ben sexa procedente do BNG, ben de CxG, ademais de abrir a porta ao lanzamento dun candidato, Luís Villares, independente, que tería que construír, a partir de aí, o seu ámbito propio de influencia. Parece que a unha parte de Podemos non lle gusta esta performance que deixa a súa achega dentro de fronteiras perfectamente definibles. Non parece que, aparte de negociar a súa cota, sexa unha posición que poda ter moito futuro.

Se non hai obstáculos suicidas, pois, dese encontro nacerá unha candidatura para as eleccións galegas que, polo menos parcialmente, intentará resolver a contradición entre as proclamas e a realidade que ata agora marcaron as Mareas.          

Existe a posibilidade dun novo partido no que se disolvan Anova, EU e Podemos Galicia e funcione como unha opción confederal

Agora ben, a medio prazo hai que contar coas leas entre partidos e o reclamo da súa parte de mando en praza. As Mareas van vivir en grande inestabilidade, salvo que alcancen o goberno da Xunta, e mesmo se o fan. Existe, no entanto, unha posibilidade que non sei se esta pensada. A creación dun novo partido no que se disolvan tanto ANOVA, como EU, como Podemos Galicia e que funcione como unha opción confederal. Nese partido fundiríanse, claro, as Mareas locais tanto como aqueles colectivos ou individuos que proveñen do nacionalismo, do Partido Socialista, ou de experiencias diversas de mobilización social. Ese irenismo político parece improbable, pero é a única opción que podería teoricamente evitar os intereses de partido que van a marcar a existencia das Mareas e seria a forma real de facer o experimento da mestizaxe que, ata o de hoxe, non foi mais que un slogan.                              

A curto prazo todo está marcado pola necesidade de derrotar nas urnas a Feijóo e ao PP. É un obxectivo central, do que depende toda posibilidade de rexenerar a vida política en Galicia

Ten algunha posibilidade a opción confederal? Verémolo, pero de non producirse ese crisol as Mareas non sobreviviran a longo termo. Podemos quererá apañar o seu anaco de poder, tanto como EU e, por suposto, os nacionalistas procederán a recompoñerse, esperemos que baixo o paraugas dun edificio de nova planta que rache cos limites metafísicos que nas ultimas décadas se impuxo a si mesmo ao crear unha cosmovisión alienada en relación ao pais.

Por suposto, a curto prazo, todo está marcado pola necesidade de derrotar nas urnas a Feijóo e ao PP. É un obxectivo central, do que depende toda posibilidade de rexenerar a vida política en Galicia, de refundar o poder autónomo evitando que o país se converta definitivamente nunha provincia exterior da Meseta, de limitar os danos das políticas de austeridade emanadas da UE e do goberno central e, e definitiva, de elaboración dun novo relato de Galicia no que o país non sexa reducido a cinzas como sucederá se o PP se mantén indefinidamente no poder. Pero iso non significa que o outro aspecto que mencionamos, a recomposición das fronteiras políticas, poida pasarse por alto. Os afectados, os partidos, non o fan compoñendo ás veces paisaxes pouco edificantes, para dicilo cun eufemismo suave. Foi o que constatamos nos últimos meses.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.