Daqueles 300, unha nova oportunidade

Hai máis de 30 anos, a flota española que faenaba no caladoiro do Gran Sol, era coñecida como "A Flota dos 300”. A realidade é que dita flota sumaba máis de 400 barcos dos cales case un 90% eran galegos.

Hai máis de 30 anos, a flota española que faenaba no caladoiro do Gran Sol, era coñecida como “A Flota dos 300”. A realidade é que dita flota sumaba máis de 400 barcos dos cales case un 90% eran galegos. A día de hoxe esta flota non chega aos 100 barcos

A día de hoxe esta flota non chega aos 100 barcos, incluíndo neste total aos de menos de 100 toneladas que antano non computaban por pertencer a un censo diferente. Estes buques do Gran Sol son os principais subministradores de peixe fresco do mercado español, sendo a nosa comunidade a maior potencia europea dentro deste caladoiro.

Retrocedamos ao ano 1973, cando se produce a entrada da Gran Bretaña, Dinamarca e Irlanda na CE. Esto significou o inicio da política comunitaria en materia de pesca, sendo imposta por estes países a derrogación do dereito de libre acceso aos caladoiros dos Estados membros. Como contrapartida ao anterior, recoñeceron a estes Estados dereitos históricos sobre a pesca nas súas augas e posteriormente, no ano 1977, a CE procede á ampliación das súas augas ata as 200 millas náuticas como zona exclusiva.

A partir desta extensión das 200 millas, a flota española viuse obrigada a negociar no ano 1978 un acordo marco para poder seguir faenando nos caladoiros de pesca tradicionais, nas costas de Irlanda e Francia. Neste acordo marco impúxose a renuncia da flota española aos seús dereitos históricos de pesca no Box irlandés. A renuncia fíxose a cambio de 200 licencias de pesca.

No ano 1981 prodúcese o acordo entre Gran Bretaña e Francia polo que a primeira logra impoñer na CE a súa tese de derrogar a liberdade de acceso para os Estados membros ás augas comunitarias. Á vez, Francia consolida os seus dereitos históricos de pesca nas augas do Reino Unido e Irlanda. Este acordo supuxo a base da política pesqueira comunitaria, nacida no ano 1983.

Esta política introduce 3 conceptos esenciais: O recoñecemento dos dereitos históricos de pesca nas augas comunitarias, o criterio de conservación dos recursos mariños e o principio de estabilidade relativa.

O recoñecemento dos dereitos históricos de pesca a Francia, Reino Unido, Bélxica, Holanda, Dinamarca e República Federal de Alemaña supuxo unhas cotas de pesca nos máis importantes caladoiros comunitarios, maila que as capturas destes países fosen centradas en especies distintas ás extraídas nesas zonas.

O concepto de que a conservación dos recursos mariños xustifica a limitación das capturas, os TAC (total de capturas admitidas) e as cotas das mesmas especies, distribuídas entre os Estados membros é unha gran mentira, baseada nunha inexistente avaliación científica sobre os recursos pesqueiros comunitarios que permita coñecer o seu estado actual, co cal os devanditos TAC non son máis que moedas de cambio para fins políticos.

O principio de estabilidade relativa supuxo para os países comunitarios un reparto de cotas de pesca das distintas especies nos diversos caladoiros en base ás capturas realizadas nos últimos seis anos. Ditas cotas foron variando no tempo, pero gardando sempre a proporcionalidade do reparto inicial, pois o contrario suporía alterar o equilibrio dos recursos pesqueiros existentes.

Coa próxima retirada dun dos Estados que máis se beneficiou do sistema de reparto en base ao principio de estabilidade relativa, como é Gran Bretaña, ábrese a oportunidade de derrubar por fin esas inxustas e desproporcionadas bases de reparto

O principio de estabilidade relativa non significou máis que o reparto de cotas de pesca dos países membros ante o inminente ingreso de España na CE. Coa próxima retirada dun dos Estados que máis se beneficiou do sistema de reparto en base ao principio de estabilidade relativa, como é Gran Bretaña, ábrese a oportunidade de derrubar por fin esas inxustas e desproporcionadas bases de reparto. Para España, e para Galicia en particular, suporá mellorar o reparto das cotas de pesca e os totais admisibles de capturas, unha batalla crucial para o sector pesqueiro que a culminación do Brexit permitirá librar.

A nosa flota viuse notablemente reducida a causa das subvencións que promoveron o despezamento dos buques e polo cambio de bandeira nestas últimas décadas, xunto coa imparable deslocalización da flota e das descargas

O acordo de estabilidade relativa, foi un acordo baseado en criterios políticos e non xurídicos nin ecolóxicos. Coa saída británica da UE, mudan radicalmente as circunstancias que permitiron a súa aprobación e xustifican un cambio dos dereitos da flota no marco da PPC da UE, pese a que a nosa flota viuse notablemente reducida a causa das subvencións que promoveron o despezamento dos buques e polo cambio de bandeira nestas últimas décadas, xunto coa imparable deslocalización da flota e das descargas tanto en portos de países comunitarios coma non comunitarios, baixo o amparo dunhas nefastas políticas pesqueiras trazadas dende a comisaría europea.

Malia todo isto, España segue sendo a primeira potencia europea en capturas e número de barcos, así coma na exportación de conservas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.